Cunha andaina inclusiva, unha exposición e dúas xornadas informativas, o Concello de Fene conmemorará o Día Mundial da Actividade Física
Máis movemento, máis vida!
Abre o prazo de inscrición para a xornada sobre estilos de vida saudables e mindfulness que se celebrará o 26 de marzo
04-03-2026
Sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de xeito regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida, é o principal obxectivo do Día Mundial da Actividade Física que se conmemora cada 6 de abril por iniciativa da Organización Mundial da Saúde. O Concello de Fene xunto coa asociación Aspaneps súmanse este ano á conmemoración con distintas actividades gratuítas entre as que salientan unha andaina inclusiva o día 12 de abril, reparto de trípticos informativos, unha exposición que rotará polas asociacións do concello e instalacións municipais e dúas xornadas informativas (os días 26 de marzo e 23 de abril) impartidas polo Servizo Galego de Saúde.
O xoves 26 de marzo, de 16:30 a 20:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Fene o primeiro cursiño baixo o título Estilos de vida saudables: Mindfulness. Dirixido a pacientes, familiares e poboación en xeral, nel falarase da importancia do estilo de vida no benestar persoal e no mantemento do contacto directo coas persoas e co entorno. Número de prazas: 25
Programa:
▪ Estilos de vida saudables de alta lonxevidade e calidade de vida
▪ Piares do autocoidado: actividade física, alimentación, estrés/resiliencia, sono, adicións, emocións, etc
▪ Técnicas para mellorar a atención (mindfulness), meditación
As inscricións nesta actividade realizaránse a través do seguinte ENLACE
A segunda das xornadas informativas será o xoves 23 de abril, de 16.30 a 20.00, tamén na Casa da Cultura, e abordará o tema da Mobilización e coidados das persoas dependentes. Neste caso, os principais obxectivos da charla serán: dotar de habilidades aos coidadores de persoas maiores en mobilización, cambios posturais e hixiene postural e proporcionar aos coidadores as habilidades e coñecementos necesarios para coidar aos dependentes. Número de prazas: 25
Programa:
▪ Coidados en dependentes; técnicas de mobilización de persoas con dificultade da mobilidade
▪ Prevención de caídas
Inscricións no seguinte ENLACE
