A rebelión da lectura
Actividade en colaboración coa Deputación da Coruña polo Día do Libro
06-04-2026
Desde a área de cultura da Deputación da Coruña e como apoio á divulgación e promoción das diferentes formas de expresión artística presentes en Galicia, levan a cabo unha serie de actividades culturais que nos achegan a Fene.
O vindeiro mércores, 15 de abril no salón de actos da Casa da Cultura a partir das 18.00 horas terá lugar a exposición do documental e posterior coloquio de “A rebelión da Lectura” a cargo de Alma Alonso e Asun G. Losada.
O fomento da lectura ten unha dimensión humana capaz de transcender a racionalidade, por iso prende, coma un feitizo, nos ollos das persoas. Probablemente ese sexa un dos motivos polos que, vinte anos despois da súa creación a mans dun pequeno grupo de persoas, Espazo Lectura se converteu nun insólito referente do activismo cidadá a favor do libro e a lectura. O documental “A Rebelión da Lectura” foi capaz de penetrar nos ollos dos protagonistas para descubrirnos como se produciu ese abraiante milagre. As imaxes e as voces envolventes do voluntariado da lectura fannos partícipes dese exercicio de xenerosidade compartida que se proxectou a través da ilusión e do estusiasmo.
Espazo Lectura é unha organización non gobernamental fundada para o fomento e a animación á lectura en lingua galega. Está situada en Gondomar, no Val Miñor, e organiza actividades sen ánimo de lucro relacionadas coa promoción lectora, así como calquera outro tipo de iniciativas que teñan que ver coa promoción da lectura e do libro como referentes de benestar social e coa consideración do libro como elemento socializador, indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e o ocio das persoas.
Para levar a cabo os seus fins, Espazo Lectura mantén unha programación, tanto estable coma conxuntural, en relación cos cometidos que persegue, atendendo ao principio de que o libro ou a lectura sexan o elemento nuclear e de referencia. As populares sesións de contacontos coñecidas baixo o nome de Contomar son a actividade fundacional da asociación.
