O luns 27 de abril abre o prazo de inscrición para a III Milla Popular Interxeracional do Concello de Fene

O luns 27 de abril abre o prazo de inscrición para a III Milla Popular Interxeracional do Concello de Fene

O domingo 7 de xuño é a data escollida pola Concellería de Deportes de Fene para a celebración da III Milla Popular Interxeracional Concello de Fene, proba aberta a persoas de todas as idades, federadas ou non, tanto de Fene coma doutros concellos. As carreiras comezarán as 11.00 horas na Avenida do Mar de San Valentín aínda que, no caso de choiva, as de categorías escolares (desde prebiberón 1, aula de 3 anos, ata cadete, aulas de 3º e 4º da ESO) trasladaranse ao pavillón da Xunqueira, manténdose o resto de carreiras no circuito exterior (categorías sub 23, Senior e Máster). Ao igual que na pasada edición, as persoas participantes das categorías infantís ata benxamín (Prebiberón 1, Prebiberón 2, Biberón, Prebenxamín e Benxamín) poderán correr acompañadas dunha persoa adulta.

As inscricións son de balde e poderán formalizarse desde o luns 27 de abril, até as 13 horas do día 2 de xuño: presencialmente, no Departamento de Cultura e Deportes, en Avda. Naturais, núm. 44, entrechán, Fene; por correo electrónico, enviando a ficha de inscrición que figura na páxina web do Concello www.fene.gal a cultura.deportes@fene.gal; e, no caso dos centros de ensino, enviando a relación de alumnado participante ao correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou entregando o listado presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes. Tamén se recollerán inscricións individuais o sábado día 6 de xuño, de 10.30 a 13.30 horas, e o mesmo día da carreira de 9:30 a 10:30 horas.

En canto á retirada de dorsais, o Concello de Fene establece as seguintes datas e horarios: o día 5 de xuño (venres) de 16:00 a 22:00 horas, e o día 6 de xuño (sábado) de 10:30 a 13:30 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Tamén se poderán recoller o mesmo día da carreira, o 7 de xuño, de 9:30 a 10:30 horas, na zona de saída das carreiras.

Segundo informa a Concellería de Deportes, as distancias a percorrer nesta I Milla Popular Interxeracional variarán segundo as idades e categorías dos participantes, oscilando entre os 50 e os 400 metros, nas carreiras escolares (de prebiberón a infantil), e a milla (1600 metros) que correrán as persoas que se inscriban en categoría cadete, sub-23, senior e máster.

A duración estimada total das carreiras será de unha hora e media, comezando a proba polas categorías inferiores e rematando pola categoría máster, a de participantes con maior idade.

Todos os participantes en idade escolar, desde Prebiberón 1 até Infantil, recibirán medallas (non haberá trofeos para os primeiros clasificados). E nas carreiras con maior participación, formaranse grupos reducidos que sairán en diferentes quendas para evitar aglomeracións e posibles caídas.

En canto ás carreiras de maiores, tal e como se indica nas bases, entregaranse medallas e subirán ao podio os tres primeiros clasificados das categorías Alevín, Infantil, Cadete, Sub 23, Senior e Máster. Ademais, haberá trofeos para o campión e para a campioa absolutos da Milla.

Máis información na páxina web do Concello de fene: www.fene.gal ou no teléfono do Departamento de Cultura e Deportes: 981 34 03 66 ou 607 615 962.

Descargas