Os Servizos Sociais dos Concellos de Fene e Neda convidan a reflexionar sobre bebidas enerxéticas, azucradas e alcohólicas, tabaco e vapers
Educar en saúde
As inscricións para a xornada informativa están abertas até o vindeiro 8 de xuño
26-05-2026
A Casa da Cultura de Fene acollerá o vindeiro 11 de xuño, ás 18 horas, unha xornada informativa dirixida a familias, entidades sociais e Anpas co obxectivo de “Educar en saúde”. A charla centrarase na sensibilización e información sobre os distintos tipos de bebidas (enerxéticas, azucradas, alcohólicas), nas diferencias entre tabaco, cigarros electrónicos e vapers; e as súas repercusións na saúde. Correrá a cargo da educadora social Cristina Fernández Carballeira e da pedagoga María José Paz Rodríguez.
No decurso deste acto, analizarase a lei 6/2025 do 23 de decembro de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas. Tamén se adicará un tempo para compartir coas familias como se aborda esta temática cos/as menores desde os obradoiros que se están a impartir nos centros escolares.
As persoas interesadas en asistir poden anotarse até o luns 8 de xuño, por orde de inscrición ata cubrir as prazas (30). A presentación das solicitudes poderá facerse polos seguintes medios:
- A través do enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal
- Nos teléfonos 981342607-981492706 do Centro Municipal de Servizos Sociais
A xornada será participativa, as persoas poderán expresar opinións e compartir un espazo para así poder afrontar o acompañamento das/os fillas/os.
Educar en saúde é unha iniciativa que se encadra no proxecto de prevención de condutas aditivas “Máis que un teito” que está a desenvolver a agrupación de Concellos de Fene e Neda, subvencionado pola Consellería de Sanidade.
Trátase dun programa de formación en prevención familiar e comunitaria que ten como finalidade evitar o desenvolvemento e a consolidación de condutas de risco, promovendo estilos de vida saudables, e tendo en conta a perspectiva de igualdade de xénero.
Para calquera outra información dirixirse a:
CENTRO MUNICIPAL DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE FENE
R/ Avda. do Mar, bloque 1-baixo
15500 San Valentín-Fene
Teléfonos: 981492706/981342607
