O documental proxectarase ás 18h na Coruña, con entrada gratuíta, e a sesión contará coa participación da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e do director, Iago Varela
Mulleres da Reconversión chega este venres á Filmoteca de Galicia
10-09-2026
O documental Mulleres da Reconversión continúa ampliando o seu percorrido por Galicia e chega este venres 11 de setembro á Filmoteca de Galicia, na Coruña, onde se proxectará ás 18.00 horas con entrada gratuíta. Na sesión participarán a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o director do proxecto, Iago Varela, que intervirán tamén nun coloquio posterior coa asistencia.
A proxección supón un novo paso na difusión dun proxecto nacido no Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña co obxectivo de recuperar e poñer en valor a memoria das mulleres que viviron a reconversión naval de ASTANO, incorporando ao relato histórico experiencias que durante décadas permaneceron nun segundo plano.
Traballadoras, parellas e fillas de traballadores protagonizan unha peza que traslada a mirada desde o estaleiro cara ás casas para falar tamén dos coidados, da economía familiar, do medo e da incerteza, da preparación da comida para os peches ou da participación activa das mulleres nas mobilizacións.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, salientou a importancia de que “un proxecto construído a partir da memoria das mulleres de Fene continúe medrando e chegue a novos públicos”, e destacou que a súa proxección na Filmoteca de Galicia “contribúe a situar as súas voces no lugar que merecen dentro da memoria colectiva da reconversión e da historia recente do noso país”.
Pola súa banda, o director, Iago Varela, abordará o proceso de investigación e creación do documental, baseado nun amplo traballo de recuperación de memoria oral desenvolvido coas protagonistas nas diferentes parroquias do municipio.
Mulleres da Reconversión combina os seus testemuños con documentación histórica e cunha narrativa audiovisual na que a cociña funciona como fío condutor para representar os coidados, a resistencia e todo ese traballo, moitas veces invisible, que permitiu soster as familias durante os anos máis duros da reconversión.
A cita será este venres 11 de setembro, ás 18.00 horas, na Filmoteca de Galicia, na Coruña, con entrada gratuíta.
Novas proxeccións en Fene
A proxección na Filmoteca de Galicia dá continuidade ao percorrido do documental por diferentes puntos de Galicia e precederá ademais novas proxeccións previstas proximamente en Fene, co obxectivo de seguir achegando á veciñanza as historias recuperadas durante o proxecto. As datas e características destas novas sesións daranse a coñecer nas vindeiras semanas.
