A alcaldesa de Fene inaugurou este luns na Casa da Cultura o curso de formación en competencias dixitais para maiores de 55 anos
15-09-2026
Catorce persoas participan desde este luns en Fene nun curso básico de formación en competencias dixitais co obxectivo de impulsar a súa autonomía no manexo de ordenadores, móbiles e redes sociais. A alcaldesa do Concello de Fene, Alejandra Permuy, foi a encargada de dar a benvida aos participantes, inaugurando esta formación que é froito da colaboración entre o Concello de Fene e a fundación Cibervoluntarios.
Trátase dun curso básico no que as persoas participantes aprenderán a navegar de forma segura por Internet, realizar xestións coa Administración electrónica e a banca dixital. Ademais, iniciaranse no emprego de redes sociais e ferramentas dixitais de maneira creativa e segura; comunicaranse por videochamada e descubrirán plataformas e apps para a aprendizaxe, o lecer e a saúde.
Para a mellora do aprendizaxe dixital estase a programar un novo curso que complemente esta formación máis básica e así continuar formando aos nosos maiores para que cada día adquiran máis independencia na vida diaria.
Logo desta primeira sesión, a próxima cita de “Iniciación ao mundo dixital” será o mércores 23 de setembro, de 17:00 a 19:00 horas na Casa da Cultura de Fene.
Desde o Departamento de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene anímase á veciñanza a trasladar a esta concellería as súas inquedanzas e necesidades formativas para que se poidan planificar de forma máis axeitada os cursos a realizar.
+ Información: Centro Municipal de Servizos Sociais
Tel:981492706
