Fene acollerá unha das xornadas Cultura para todas, acceso e inclusión nas actividades culturais, da Deputación da Coruña
17-09-2026
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos encontros sobre accesibilidade cultural que a Área de Cultura da Deputación da Coruña organiza neste mes de setembro en catro concellos da provincia: Fene, Muros, Ordes e Arzúa. A cita en Fene será o martes 29 de setembro, de 16.00 a 20.00 horas, na Casa da Cultura e, baixo un enfoque práctico e útil, terá como obxectivo “coñecer medidas concretas, reais e posibles de accesibilidade na nosa acción cultural”. Para anotarse, cómpre enviar un correo electrónico ao Departamento de Cultura do Concello de Fene, indicando: nome e apelidos, correo electrónico, código postal e área profesional; ou cubrir o seguinte formulario de INSCRICIÓN.
Baixo o título Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades culturais, a xornada incluirá mesas específicas con intervencións impartidas por profesionais con ampla experiencia na materia como:
• Rubén Capelán, xestor cultural especializado en accesibilidade cultural, como consultor de accesibilidade e técnico de accesibilidade auditiva. Leva 15 anos vencellado á música e ao asociacionismo cultural.
• Fran Carreira, arquitecto e usuario de cadeira de rodas, conta cunha visión técnica e vital da accesibilidade. Actualmente desempeña o seu labor como asesor voluntario en accesibilidade universal, colaborando con administracións e entidades para mellorar a inclusión nos espazos urbanos e edificados en Galicia.
• Aitana García, técnica especialista en Accesibilidade Cognitiva e Sensorial na Federación Autismo Galicia. Licenciada en Pedagoxía e diplomada en Educación Social, con experiencia na xestión de proxectos de accesibilidade cognitiva e educación inclusiva.
Segundo explican dende a organización, “a cultura é un dereito, e como tal, precisa ser accesible para todas as persoas. Neste camiño estanse a dar pasos importantes mais aínda insuficientes, en parte, debido ao descoñecemento sobre as barreiras que existen nos proxectos e espazos culturais, e das medidas de accesibilidade aplicables para reducir ou eliminar esas barreiras”.
Así, aínda que se teñen realizado faladoiros e xornadas arredor destes conceptos, moitos foron con enfoques principalmente teóricos, afastados da realidade do día a día do sector cultural e das posibilidades reais de aplicar medidas de accesibilidade. Por iso esta proposta vai dirixida a dar a coñecer dun xeito concreto, cun enfoque práctico e útil, as medidas que podemos tomar para achegar a cultura a todas as persoas.
A xornada formúlase cun inicio no que contextualizar e poñer sobre a mesa as medidas que existen, poder velas e tocalas e saber como poder aplicalas e executalas nos proxectos e espazos culturais. Posteriormente entrarase en áreas concretas de accesibilidade, como a cognitiva e a física, describindo as barreiras e solucións aplicables. E, para rematar, abrirase un tempo de consultas no que as persoas asistentes poderán expor as súas dificultades á hora de facer máis accesibles as súas actividades e/ou espazos culturais.
