A Biblioteca Municipal abre o prazo de inscrición para asistir ao espectáculo de narración oral Onde nacen os monstros

A Biblioteca Municipal abre o prazo de inscrición para asistir ao espectáculo de narración oral Onde nacen os monstros

Nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene, desta vez baseada no conto clásico de Maurice Sendak. A compañía Os Náufragos Teatro trae a Fene este xoves, 8 de outubro, ás 18 horas, a tenra historia de Max, un neno que, logo dun ataque de carraxe, adéntrase nun mundo salvaxe habitado por monstros. A través da narración oral, o xesto, as marionetas, a música e a participación do público, con este espectáculo -dirixido a nenas e nenos de 4 a 8 anos- preténdese acompañar ás crianzas no recoñecemento das súas emocións, especialmente a ira, o medo e o desexo de pertenza.

Para asistir á función deste xoves na biblioteca, cómpre inscribirse previamente por teléfono (981 342 302 ou 607 625 346) ou presencialmente no horario da biblioteca (de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas). Prazas limitadas.

Os Náufragos Teatro é unha compañía de teatro galega creada polo actor e dramaturgo Gustavo del Río. A súa produción teatral vertébrase arredor de dous grandes eixos fundamentais, a achega ao público de temáticas sociais e a procura de novas linguaxes narrativas. A dinamización da lectura é o punto de partida da compañía e, como tal, continúa apostando por ela con obradoiros, contacontos, etc.