Isabel Risco e Fran Rei son “Dous no camiño” no espectáculo que o Concello de Fene leva este sábado a Sillobre
13-10-2026
A SCRD Agarimo acollerá o vindeiro sábado, 17 de outubro, ás oito do serán, a función teatral Dous no camiño (A lenda Xacobea), dirixida por Avelino González a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte.
Trátase dunha revisión e actualización a través do humor e o descaro das lendas xacobeas máis populares: a de Roldán, o cabaleiro francés, a da barca de pedra de Muxía e a do traslatio do Apóstolo Santiago de Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas.
Dous no Camiño pretende ser un divertido e sinxelo achegamento ás lendas xacobeas, facendo especial fincapé nas raíces galegas das mesmas e dende unha visión actual. Ao longo do espectáculo, Isabel Risco e Fran Rei, de inicio unha peregrina e un peregrino de personalidades ben distintas e que se atopan accidentalmente nun punto do camiño, vanse transformando en todos os personaxes que protagonizan estas lendas: o cabaleiro Roldán, as irmás mouras, o Apóstolo Santiago, a Raíña Lupa e, moi especialmente, Teodoro e Atanasio, aloucados e divertidos discípulos do Apóstolo. Risas e sorpresas que nos darán a coñecer a historia do feito Xacobeo dun xeito ben peculiar, orixinal e divertido.
Función organizada pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia no marco do programa O teu Xacobeo. Entrada libre e de balde.
