Ao son da nova regueifa no IES de Fene
17-10-2026
No marco do programa Outono das artes, o Concello de Fene, coa colaboración da Deputación da Coruña, leva ao IES de Fene o documental Ao son da nova regueifa, documental dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas que “percorre Galicia para explorar a renovación desta arte con voces novas, música e improvisación”. A proxección desta peza audiovisual, dirixida ao alumnado e profesorado do centro, está prevista para o vindeiro martes, 20 de outubro, ás 16.30 horas.
“Todo comeza cunha busca, a da Nova Regueifa. Nese proceso, rematamos decatándonos de que xa estamos camiñando ao son dela”. O documental Ao son da nova regueifa propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a Regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral na Galiza.
Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, coñeceremos regueifeiras e regueifeiros que nos abren as portas ao mundo do repentismo, traendo á fronte o talento, a creatividade e a diversiadade que caracteriza a Regueifa hoxe en día. Neste itinerario que vai de Bergantiños a Vigo, non deixan de presentársenos unha serie de opostos: tradición e modernidade, aldea e cidade, aprendizaxe innata e pedagoxía…
A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, nesta peza audiovisual trázase un retrato poliédrico da Regueifa contemporánea: unha arte con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando polos camiños do vento.
O documental acadou os seguintes recoñecementos en 2026:
• Selección na V Muestra de Cine Documental Musical de Gijón
• Selección no Certame Semana de Cine de Lugo
• Selección no Slemani International Film Festival
