O Outono das artes recala esta semana en Fene
19-10-2026
Coa proxección do documental “Ao son da nova regueifa” no IES de Fene bota a andar este martes o ciclo Outono das artes no Concello de Fene. Promovido pola Deputación da Coruña, o programa inclúe tres actividades no termo municipal, comezando pola proxección este martes para o alumnado do IES de Fene do documental de Manolo Maseda e Saúl Rivas que “percorre Galicia para explorar a renovación da regueifa con voces novas, música e improvisación”.
A maiores, tamén esta semana no marco do Outono das artes, anúncianse dúas funcións abertas ao público xeral no salón de actos da Casa da Cultura. O xoves 22, ás 18 horas, proxectarase o documental Crónicas da Galiza Mártir e o venres 23 habera un espectáculo infantil, Esperta rinoceronte, a cargo de Nao caracola.
- Proxección do documental Crónicas da Galiza Mártir
Xoves 22 de outubro, ás 18 horas, na Casa da Cultura de Fene
Entrada libre e de balde
O documental Crónicas da Galiza Martir xorde da conmemoración en 2026 do 90º aniversario do golpe de estado franquista de 1936, “feito tráxico na nosa historia, que deu comezo a un proceso xenocida cuxas feridas aínda perduran na memoria colectiva da Nosa Terra”.
O filme achega con rigor histórico, xurídico e vivencial as denuncias de máis de 70 testemuñas sobre a metodoloxía represiva do franquismo. “O rostro e a voz das vítimas e dos seus familiares son unha contundente alegación emocional e histórica contra esta metodoloxía represiva sustentada no terror como sistema, nas detencións ilegais e os paseos, a represión lingüística e a dirixida ás mulleres e minorías. Ningún aspecto político, social e cultural quedou alleo a este accionar represivo”.
Dirixido por Xan Leira, o documental Crónicas da Galiza Mártir avoga pola xustiza á memoria e á dignidade de milleiros de persoas fusiladas, detidas-desaparecidas, presas, torturadas, fuxidas, exiliadas, deportadas, emigradas e expedientadas por causas políticas, relixiosas ou culturais, que deron a súa vida pola democracia, a liberdade e a transformación progresista da nosa sociedade.
- Representación do espectáculo infantil Esperta rinoceronte, a cargo de Nao Caracola
Venres 23 de outubro, ás 19 horas, na Casa da Cultura de Fene
Entrada libre e de balde
Esperta ao rinoceronte é unha historia que fala sobre a nosa conciencia durmida, “sobre a nosa capacidade para mirar para outro lado. Sobre o noso consentimento inconsciente que se deixa cegar polos brillos cos que se camufla o despropósito. Un despropósito que se estende polo planeta e compórtase como unha implacable maquinaria de desposesión e produción de desigualdades que coloniza, ameaza, degrada, contamina e escraviza”.
En Esperta rinoceronte, Bambú leva unha vida apracible, goza da súa contorna, coñécea e por iso a ama. Isto ensinoullo a súa avoa, ela coñece ben o mundo, o seu mundo, convive con el, forma parte del e por iso cóidao. Ensina a Bambú que as cousas que realmente importan non sempre son as que brillan, que só vemos ben co corazón e que non importa o grande que sexa o obstáculo, sempre hai unha solución. A esa voz do corazón, a avoa a chama o Rinoceronte e di que nela atópase o poder para cambiar o mundo e por iso hai que mantelo esperto.
A historia conta o que sucede cando aqueles cuxo rinoceronte está durmido aparecen de súpeto e cégannos cos seuas brillos, facéndonos cómplices da destrucción. Haberá alguén que lles faga fronte e esperte o rinoceronte. Porque este espectáculo é unha porta aberta á esperanza.
