O programa arrinca o vindeiro 16 de novembro na Casa da Cultura de Fene
Xogar, aprender e protexer
A iniciativa inclúe servizo gratuíto de conciliación para facilitar a asistencia
10-11-2026
Os concellos de Fene e Neda impulsan conxuntamente un proxecto de prevención de condutas aditivas dirixido ao ámbito familiar e comunitario. No marco desta iniciativa, subvencionada pola Consellería de Sanidade, encádrase o programa familiar “Máis que un teito”, deseñado para ofrecer ás familias información obxectiva e veraz que promova a adopción de decisións autónomas e responsables, favoreza estilos de vida saudables e evite o desenvolvemento ou consolidación de condutas de risco, incorporando de xeito transversal a perspectiva de igualdade de xénero.
Esta sesión dirixida ás familias serve de complemento aos obradoiros preventivos que se están a impartir nas aulas ao alumnado da zona.
Primeira sesión: "O xogo como actitude de vida"
A primeira xornada celebrarase o luns 16 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene. A formación correrá a cargo de Lucía Fraguela Martínez, docente especializada en xogo e xerente de O Muiño do Fabal, quen abordará o relatorio baixo o título "O xogo como actitude de vida".
A sesión está deseñada cun formato participativo onde as persoas asistentes poderán expresar opinións, compartir dúbidas e adquirir estratexias para o acompañamento das súas fillas e fillos. Así mesmo, reservarase un espazo específico para abordar como se traballa esta temática cos menores desde o papel das familias como formadoras do Plan Director.
Publico destinatario e prazas
O programa está aberto á participación de representantes das ANPAs, entidades sociais e familias dos municipios participantes. Para garantir o correcto desenvolvemento da actividade, o límite máximo fixouse en 30 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Servizo de conciliación durante a sesión
Co obxectivo de que as familias poidan dispoñer do tempo necesario para acudir á formación, habilitarase paralelamente un servizo de conciliación para a atención das crianzas. Este espazo estará dinamizado por monitorado especializado mentres se desenvolve a sesión adulta. A solicitude deste servizo poderá realizarse ata o mesmo luns 16 de novembro.
Canles de inscrición e información
O prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto ata o luns 16 de novembro de 2026. As solicitudes deben tramitarse polas seguintes vías:
-
Correo electrónico: servizos.sociais@fene.gal (achegando a ficha de inscrición cuberta).
-
Teléfonos de atención: 981 34 26 07 / 981 49 27 06.
Para máis información:
Centro Municipal de Servizos Sociais do Concello de Fene
Avda. do Mar, bloque 1-baixo. 15500 San Valentín (Fene)
Teléfonos: 981 49 27 06 / 981 34 26 07
