Novas

08-02-2019 -

O Concello de Fene abre a inscrición no Festival de Comparsas de Entroido 2019

Fene acollerá o mércores 6 de marzo o seu tradicional desfile e festival de comparsas de Entroido e, para fomentar a participación, este ano a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza un incremento da partida reservada para axudas ás comparsas, dos 6.500 euros do 2018 aos 7.500 deste ano. O prazo para apuntarse está aberto e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello con anterioridade ás 14 horas do martes 26 de febreiro.
07-02-2019 -

O Concello presenta este venres a Guía de Ocio “Vén a Fene 2019”

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, informou esta mañá de que o Concello presentará mañá venres, 8 de febreiro, a Guía de Ocio “Vén a Fene 2019”. Unha publicación que recolle unha morea de propostas para disfrutar da cidade os 365 días do ano. Razóns que ofrecen tanto o Concello como o movemento asociativo de Fene.

Así, o acto celebrarase no salón de actos do CMIU Unidade de Fene –rúa Porto do Río, nº 21- a partir das 19,30 horas con entrada libre e de balde. Así mesmo, ao remate do mesmo, a Concellería de Promoción Turística repartirá as guías entre o público asistente.
07-02-2019 -

Fene acollerá o domingo o Campionato de Galicia Máster individual e por equipos de Campo a Través con preto de 400 atletas inscritos

Fene acollerá este domingo 10 de febreiro a XXXIII edición do Campionato de Galicia Máster de Campo a Través. Esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o delegado en Ferrol da Federación, Paulino Cartelle, presentaban oficialmente a cita deportiva, na que tomarán parte preto de 400 atletas galegos, medallistas moitos deles en competicións europeas e incluso mundiais.
06-02-2019 -

O Concello retoma o Obradoiro gratuíto de Recuperación da Memoria para maiores de 55

O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais que dirixe Juana Barro, retoma este mércores o Obradoiro de Recuperación da Memoria coa vista posta na prevención de patoloxías asociadas á idade. Desenvolverase ata o mes de xuño todos os xoves, de 16,30 a 18 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais. É gratuíto, quedan prazas libres e para anotarse as persoas interesadas deben dirixirse ao propio centro municipal –Avenida do Mar, bloque 1 baixo-. En todo caso, as persoas matriculadas no curso anterior non precisan realizar a inscrición.
 
05-02-2019 -

O Concello dá solución ós anegamentos de auga fronte á Farmacia de Maniños

Nos días de choiva, os veciños e veciñas de Maniños xa non terán que entrar con botas de auga para acceder á Farmacia nin evitar a beirarrúa da estrada da Palma situada no fronte. O Concello, a través da Concellería de Servizos, vén de concluír os traballos para evitar os anegamentos de auga neste espazo derivados do afundimento da vía.
04-02-2019 -

Clausura dos obradoiros “Robótica para comerse o tarro” para mozos e mozas

O Concello de Fene celebrou o pasado sábado a sesión de clausura do curso “Robótica para comerse o tarro” no que tomaron parte 11 mozos e mozas dende o pasado día 15 de decembro.
01-02-2019 -

Aprobados definitivamente os orzamentos para 2019 sen alegacións

O Concello de Fene inaugura o mes de febreiro con novos orzamentos para o 2019. Segundo explicou a concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, as contas municipais quedaron aprobadas definitivamente tras pecharse a fase de exposición pública sen que se presentase nin unha soa alegación. Trátase dos segundos orzamentos aprobados nos últimos dez meses. Unha situación que contrasta coa vivida nos tres anos precedentes, cando Fene se viu obrigado a prorrogar exercicio tras exercicio os orzamentos.
01-02-2019 -

O Concello inicia as obras para dotar de iluminación pública o vial de acceso ó campo de fútbol dos Pinares

A Concellería de Servizos investirá 12.000 euros procedentes de fondos propios nas obras para dotar de alumbrado público o vial de acceso ao campo de fútbol dos Pinares, en Perlío. Unha estrada moi transitada tanto pola afluencia ás instalacións deportivas como pola circulación de veciños e veciñas que visitan o cemiterio municipal, xa que é vía de paso ata o camposanto.
31-01-2019 -

Manuel Ángel Méndez Bellón inaugura en Fene a mostra “Galician Metal Retranca”

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura inaugura este sábado exposición. Trátase da mostra “Galician Metal Retranca”, do escultor Manuel Ángel Méndez Bellón. Ao redor de 25 figuras realizadas en ferro moldeado e soldado (chapas, tubos, varillas) -e combinado en ocasións con madeira, pedra, cristal, etc.- compoñen a exposición do escultor naronés, unha mostra coa que se pretenden “espertar sorrisos con algo aparentemente tan serio coma o ferro e con situacións disparatadas e surrealistas que, en realidade, son máis común do que pensamos…e por iso nos fan gracia”, segundo apunta o creador. Malia todo, tras esa primeira impresión cómica e irónica que adoitan espertar as súas pezas, Manuel Ángel Méndez Bellón procura que se aprecie o traballo constante e serio que cada unha delas ten detrás.
31-01-2019 -

O Concello de Fene abre a inscrición na Escola de Natación postparto

O Concello de Fene comezará a ofertar en febreiro a "Escola de natación postparto", que se realizará xunto coa “Escola de natación para embarazadas" que xa se vén realizando dende hai un tempo. As interesadas en participar en calquera destas actividades poderán formalizar a súa inscrición nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira (en San Valentín) de luns a venres de 9 a 13,30 e os mércores en horario de tarde, de 16,30 a 19 horas.
A escola de natación para embarazadas é un programa de exercicios acuáticos orientado a evitar un sobrepeso innecesario, a preparar os músculos para o parto e a lograr un estado de relaxación e benestar durante a etapa de xestación. Ademais, a preparación física previa ao parto supón unha mellor e máis rápida recuperación despois do embarazo, que se pode potenciar coa natación postparto.