120 veciños tomarán parte nos percorridos, que se realizarán nun bus de época, contarán con representacións teatrais e as explicacións do arquitecto Carlos Ardá.
A resposta veciñal superou as mellores expectativas e o Concello de Fene viuse obrigado a ampliar o número de Rutas Indianas que celebrará o vindeiro domingo 26 de agosto, coincidindo coa Festa do Pote de Maniños. Nesta liña, o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, explicaba esta mañá que se trata dunha iniciativa novidosa, que se pon primeira vez en marcha este ano e que a excelente resposta ofrecida por veciños e veciñas xa fai pensar en reeditala o vindeiro ano. As Rutas Indianas inclúense no proxecto Fene Vivo, Vén a Fene, Vén a Maniños e, finalmente, realizaranse catro saídas no lugar das dúas previstas inicialmente. En total, participarán nas mesmas 120 persoas.