O Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa, presentou esta mañá os actos do ciclo Día de Galicia cos que se conmemorará tan sinalada data. Uns actos que se estenderán por espazo dunha semana e que arrancarán este luns, 9 de xullo. A música será a principal protagonista, con concertos para todos os gustos, e a estes sumaranse espectáculos de novo circo a pé de rúa. Como novidade este ano, o Concello recupera a Festa dos Avós, con xantar popular incluído gratuíto. A edil de área avanza que todas as actividades se celebrarán baixo carpa, na praza do Alcalde Ramón Souto González, agás a declaración institucional que, como é tradición, se realizará no Monumento “Día da Patria Galega”, no parque lineal do Río Cádavo.