Av. Conces, 22. 15500 Fene - Fene
A Casa da Cultura de Fene foi inaugurada no mes de abril de 1982. Deseñada polo arquitecto Felipe Peña, trátase dunha construcción relevante que figura en todas as guías de arquitectura e que mesmo estivo presente na primeira Bienal Atlántica de Artes Plásticas que tivo lugar en Baiona a comezos dos anos oitenta.
 
A instalación está situada na Avenida de Conces, 20-22, a cen metros do cruce das estradas Ferrol-A Coruña e Madrid-Oviedo, no Concello de Fene.
 
O edificio conta en pranta baixa cunha ampla sala de exposicións, salón de actos, camerino, almacén e oficinas. No primeiro andar está ubicada a biblioteca municipal “Xosé María Pérez Parallé” e unha aula de estudo que, ocasionalmente, tamén se emprega como aula de cursos. Entre o segundo e o terceiro andar do edificio están repartidas as salas de exposición permanentes do Museo do Humor de Fene e aula de música (3º andar) onde se imparten clases da Escola Municipal de Piano e Solfexo. E xa por último, o soto da Casa da Cultura acolle un dos ximnasios municipais, onde se imparten clases de karate e iudo, e o local do Club BTT Fene.

Horario de apertura

Inverno:
  • De luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas
  • Sábados, de 10.00 a 13.00 horas
  • Domingos e festivos, pechado.
Verán e períodos vacacionais:
  • De luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas
  • Sábados, domingos e festivos, pechado.

Planta baixa

Sala de exposicións temporais. Conta cunha superficie de 140 m2 e 58 metros lineais de parede. A maiores, dispón de tres paneis DM abatibles de 1,40 metros de ancho x 2,00 metros de alto e 8 paneis metálicos móbiles de 2,15x2,22 metros.
 
Trátase dun espazo moi luminoso grazas á enorme cristaleira que ocupa boa parte da fachada do edificio e a unha fiestra instalada na propia sala, que permiten o acceso de luz natural directa. A maiores, dispón de 23 puntos de luz artificial e 4 tomas de corrente eléctrica.
 
Este espazo funciona como sala de exposicións temporais do Museo do Humor pero tamén acolle outro tipo de exposicións (de pintura, fotografía, cerámica, artes plásticas, etc) organizadas polo propio Concello, por asociacións ou particulares, previa reserva e presentación da solicitude -modelo de instancia xeral- no Rexistro Xeral do Concello de Fene.
 
Salientar tamén que, dende hai anos, esta sala está incluída no Programa de Exposicións Itinerantes da Deputación da Coruña, acollendo en distintas edicións as exposicións do Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, do Premio de Creación Fotográfica Luís Kasado, do Premio de Banda Deseñada Castelao, do certame de Fotoxornalismo da Deputación e do Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez.
 
Salón de actos. Espazo cultural de 162 m2 e con capacidade para 120 persoas que acolle distintos tipos de espectáculos: concertos, recitais, representacións teatrais de pequeno formato, conferencias, etc. Tamén se adoita empregar por asociación ou colectivos como local de xuntanzas, previa reserva e presentación da solicitude -modelo de instancia xeral- no Rexistro Xeral do Concello de Fene.
 
Conta cunha caixa escénica de 8,40 metros de ancho x 4,70 metros de fondo, elevada 0,40 metros sobre o nivel da sala.

1º Andar

Aula de estudo.  Aula de 36 m2 con capacidade para 22 persoas. Conta cunha pizarra blanca de vinilo, dez mesas agrupadas por parellas e lámpadas de mesa que ofrecen unha iluminación adicional e aportan un ambiente máis apropiado para o estudo.
 
Aínda que o seu uso máis habitual é como aula de estudo, ocasionalmente tamén se emprega  para impartir cursos.
 
Aberta ao público en horario da Casa da Cultura:
  • Inverno: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
  • Verán e períodos vacacionais: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.

3º Andar

Aula de música. Aula de 16 m2 onde se imparten clases da Escola Municipal de Piano e Solfexo. Conta cun piano de parede e cunha pizarra blanca de vinilo.