Recoñecemento ás lavandeiras de Fene
09-03-2018
Venres 9 de marzo ás 18.00 h acto central das actividades conmemorativas polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Lavandeiras de Sillobre
O venres 9 de marzo, ás 18.00 h, a Casa da Cultura acollerá unha charla coloquio sobre o labor das nosas lavandeiras, o seu traballo, as súas vidas...
Contaremos coa participación de Francisca Vilar Martínez, Paca de Lubián, testemuña viva da profesión de lavandeira, a cal exerceu xunto á súa nai. Preto de achegarse ao século de vida virá a compartir as lembranzas da aquela época, as anécdotas, a dureza de ter que camiñar varios quilómetros por camiños empinados cheos de pedras e raíces cos quilos de roupa sobre as súas cabezas até chegar ao lugar destinado a lavadoiro e dispoñerse á dura tarefa de lavar a roupa nas frías augas, escorrela, tendela ao branqueo para secar e logo recollela e volver para casa. Traballo exclusivamente feminino e como tal levado a cabo por mulleres.
Participarán tamén mulleres pertencentes á Agrupación de “Lavandeiras de Sillobre”, iniciativa que xurde no ano 2013 e que ano tras ano, no mes de maio recrean o día a día das mulleres que no século XIX viaxaban a Ferrol en lancha cos cestos de roupa limpa, para regresar a Sillobre con roupa para lavar, que cargaban nos carros até os lavadoiros de Sillobre, onde levaban a cabo a dura tarefa de lavar, clarear e secar.