Últimos días para anotarse na V edición do Proxecto INDIRA Espazo de Encontro e Apoio Emocional Entre Mulleres.
07-06-2021
A Concellería de Benestar e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, informa que aínda quedan prazas vacantes para anotarse no Proxecto INDIRA, actividade subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo e dirixida a mulleres de Fene e bisbarra.
O número máximo de mulleres, inicialmente e en base ao aforo permitido segundo a normativa derivada da crise sanitaria do COVID-19 será de 15. A selección de participantes será por rigorosa orde de inscrición, tendo prioridade as veciñas de Fene, aínda que no caso de non cubrir prazas poderán participar mulleres doutros concellos.
INDIRA V é un proxecto para mulleres a través de encontros semanais, no que se abordarán diferentes temas e actividades relacionados con sexualidade e saúde feminina, intelixencias múltiples, emocións, violencia de xénero, relacións persoais, autocoidado, etc.
O Proxecto estará guiado por dúas psicoterapeutas con ampla formación e experiencia en Igualdade, Sexualidade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento e Terapia do Reencontro entre outras. A coordinación do proxecto será por parte da Psicóloga Municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade.
Esta nova edición comezará o día 9 de xuño, cunha primeira xornada de presentación no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene para logo continuar dende o 10 de xuño até o 30 de setembro de 2021, os martes e xoves de 10:00 h a 12:00 h.
Para formalizar a inscrición pódese facer ben por teléfono: 981342607 / 981492706 ou por email: smam@fene.gal, axuntando a ficha de inscrición.
Esta actividade non ten ningún custe económico para as participantes, xa que ven subvencionada integramente pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.
Agradecemos a difusión en redes sociais.
Máis Información: Servizo Municipal de Atención á Muller – Centro de Servizos Sociais. Av. Do Mar Bloque 1-baixo – San Valentín. Tf.: 981342607-981492706