Caiac, Paddle-Surf, ximnasia de mantemento e un campamento no CMI Unidade de Fene engádense á oferta lúdica municipal para o verán
08-06-2021
O Concello de Fene desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto o programa de conciliación "Un verán diferente II", que tivo aberto o prazo de preinscricións até o 4 de xuño. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas. Así, en colaboración co Mesón O Emigrante, desde principios de xullo e ata mediados de agosto poderemos gozar das augas de Almieiras navegando en caiac ou practicando paddle surf e durante os dous meses centrais do verán tamén teremos ximnasia de mantemento ao aire libre no paseo marítimo de San Valentín. Ademais, o Concello e o CMI Unidade de Fene tamén colaboran na organización do campamento lúdico e deportivo "Dálle ao play", que terá lugar nas instalacións da entidade na primeira quincena de agosto. Para anotarse nestas actividades -agás para a ximnasia, que non o require e será de balde- hai que solicitar cita previa desde este mércores 9 de xuño contactando co Departamento de Cultura e Deportes nos teléfonos 607 615 962 / 981 340 366.
Seguindo a orde cronolóxica, a proposta que comezará en primeiro lugar é a de Ximnasia de mantemento ao aire libre, coa que a área de Cultura e Deportes convida á veciñanza de calquera idade a facer exercicios suaves cos que tonificar o corpo e mellorar, entre outras, a coordinación, a resistencia, a forza e a flexibilidade.
As sesións desenvolveranse na parte traseira do Pavillón da Xunqueira (San Valentín) do 2 de xullo ao 30 de agosto os luns, mércores e venres laborables de 10.00 a 11.00h. Son totalmente gratuítas e non se requirirá inscrición previa, aínda que si se velará polo cumprimento da normativa sanitaria que estea en vigor en cada momento. Abondará con estar no lugar antes do comezo e levar roupa e calzado axeitados para un exercicio moderado que se trasladaría ao interior do pavillón no caso de que viñese un día de auga.
Caiac e paddle surf en Almieiras
A seguinte actividade ao aire libre promovida polo Concello -en colaboración neste caso co Mesón O Emigrante- lévanos até a praia de Almieiras (Limodre), punto de referencia para iniciarse no caiac e no paddle surf, dous dos deportes acuáticos que máis medraron nos últimos tempos ao abeiro da nosa ría.
A iniciativa de deportiva e de lecer está programada desde o 5 de xullo ao 12 de agosto en horario de 11 a 13.00h. repartida en dúas quendas: unha os luns e mércores e outra os martes e xoves, con 18 prazas dispoñibles en cada unha delas. Nela poderá participar toda a poboación nacida en 2013 ou antes dese ano. É imprescindible saber nadar.
A cota de inscrición é de 23,25 euros, 18,6€ a partir do segundo membro da unidade familiar para persoas empadroadas en Fene, e o prazo para anotarse presencialmente estará aberto do 15 ao 28 de xuño en horario de mañá no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44 entresollado). Iso si, para poder ir formalizar a inscrición haberá que solicitar antes cita previa -desde este mércores 9 de xuño- chamando ao 607 615 962 ou ao 981 340 366.
O día que toque empezar haberá que reunirse no aparcadoiro do Mesón O Emigrante. O material necesario -caiac, casco, táboa, remos e salvavidas- facilítao a organización, de modo que as persoas participantes só terán que preocuparse de levar chanclas pechadas ou escarpíns, bañador, toalla e unha camiseta de recambio que se poida mollar (licra, neopreno ou algodón).
"Dálle ao play" no CMI Unidade de Fene
A terceira proposta é o campamento lúdico e deportivo "Dálle ao play" promovido en colaboración co Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Trátase dunha iniciativa inclusiva para nenas e nenos nados entre os anos 2009 e 2016 que terá lugar nas instalacións da entidade de luns a venres entre o 2 e o 13 de agosto, ambos días incluídos, en horario de 10 a 14.00h.
A cativería brincará e aprenderá a través dunha chea de xogos que aproveitarán todas as posibilidades que ofrecen tanto a piscina como outros espazos do CMI. Haberá 30 prazas dispoñibles e as inscricións presenciais deberán formalizarse entre o 15 de xuño e o 20 de xullo nas oficinas de Cultura e Deportes, solicitando igualmente cita previa a partir deste 9 de xuño nos teléfonos 607 615 962 ou 981 340 366.
A cota do campamento son 28,20 euros, 22,56 a partir do segundo membro para familias empadroadas en Fene, e desde o departamento municipal indican que cada persoa poderá apuntar presencialmente aos membros da súa unidade familiar e a outra persoa máis.