O Concello de Fene recupera este ano, no marco do ciclo “Día de Galicia”, a Festa dos Avós. Será esta tarde na praza do Alcalde Ramón Souto González, baixo carpa e a partir das 20 horas. A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida a toda a veciñanza a asistir á cita, coa que o Concello quere agradecer o esforzo que fan tantas persoas maiores para construír no día a día unha sociedade mellor, sendo incluso en moitos casos o sustento de tantas familias. Así, a partir da hora sinalada, comezarán a repartirse as racións de churrasco, que elaborará previamente a AVV de Magalofes, e a quen o Concello agradece moi especialmente a súa colaboración. Tamén se distribuirán racións de empanada, bola e unha botella de auga por persoa ata esgotar existencias. Todo isto, de balde. As bebidas, iso si, haberá que abonalas e a recadación destinarase íntegramente a Cáritas.