Novas

15-04-2026

A alcaldesa de Fene recibiu a ASPANEPS no marco do seu 45+1 aniversario

O Concello de Fene recibiu a unha representación da asociación ASPANEPS, entidade coa que o Concello mantén unha colaboración continuada e que este ano celebra o seu 45+1 aniversario. Durante o encontro, a entidade trasladou á alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o convite para participar no acto central conmemorativo, que terá lugar o vindeiro 16 de outubro e no que se darán cita profesionais, familias e persoas expertas nos ámbitos da infancia, a xuventude e a discapacidade.
ASPANEPS leva desenvolvendo o seu labor desde a década dos oitenta, consolidándose como unha ferramenta esencial na atención especializada á saúde mental infanto - xuvenil. Na actualidade, a entidade ofrece programas de atención temperá, intervención socioeducativa e outras iniciativas dirixidas a menores con discapacidade recoñecida, como o programa Oriéntame. Ademais, en Fene conta cun centro ocupacional dirixido a mozos e mozas maiores de 16 anos e persoas adultas con discapacidade intelectual.
 
14-04-2026

A catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero Rodríguez pecha esta semana o ciclo Contando Ciencia 2025-26

Cres que para estar sano hai que comer de todo? Partindo deste interrogante, a catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero Rodriguez falará este xoves en Fene sobre as claves para mellorar a saúde a través da alimentación. A profesora do Grao en Nutrición Humana e Dietética e do Máster en Innovación, Nutrición, Seguridad e Tecnoloxías Alimentarias afondará, durante a súa intervención no ciclo Contando Ciencia, naqueles “pequenos cambios na alimentación que poden ter un gran impacto no benestar da persoa”.
A charla será o xoves 16 de abril, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
06-04-2026

A rebelión da lectura

Desde a área de cultura da Deputación da Coruña e como apoio á divulgación e promoción das diferentes formas de expresión artística presentes en Galicia, levan a cabo unha serie de actividades culturais que nos achegan a Fene.
O vindeiro mércores, 15 de abril no salón de actos da Casa da Cultura a partir das 18.00 horas terá lugar a exposición do documental e posterior coloquio de “A rebelión da Lectura” a cargo de Alma Alonso e Asun G. Losada.
30-03-2026

Gritos en el Silencio

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura acollerá do 1 ao 29 de abril a exposición "Gritos en el silencio", resultado das múltiples viaxes do fotógrafo Lucas Blanco, verdadeiras experiencias de vida nas que coa súa cámara da voz, capta, denuncia e amosa a inxustiza e as duras realidades noutros lugares do mundo.
27-03-2026

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A Concellería de Cultura informa dos cambios previstos no horario de apertura e atención ao público da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal Xosemaría, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais) por mor da celebración da Semana Santa.
Así, o sábado 28 e o domingo 29 de marzo estas instalacións permanecerán pechadas. Do luns 30 ao mércores 1 de abril (ao igual que o luns 6 de abril) o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E do xoves 2 ao domingo 5 de abril a Casa da Cultura permanecerá pechada.
10-03-2026

Fene canta ás Pepitas

A terceira edición do festival Fene canta ás Pepitas, organizado pola SCRD Agarimo coa colaboración da Concellería de Cultura de Fene, celebrarase o vindeiro sábado, 14 de marzo, ás 20 horas no local social de Sillobre. O certame contará coa participación da coral Polifónica O Pote de Maniños, da rondalla Estrelecer e da coral polifónica Agarimo de Sillobre.
09-03-2026

A teoría do todo: do infinitamente pequeno ao Big Bang, no ciclo Contando Ciencia

A catedrática de Física Teórica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, Elena González Ferreiro, falará esta semana en Fene sobre a constitución da materia, sobre teorías para comprender as interaccións fundamentais da materia e sobre como se están tentando recrear os instantes do Big Bang nos aceleradores actuais. A conferencia, enmarcada no ciclo Contando Ciencia, será este xoves, 12 de marzo, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
 
02-03-2026

Sobes ao autobús do teatro?

O Centro Dramático Galego pon a disposición do Concello de Fene 17 prazas de autobús para asistir a unha representación da obra Hamlet no Salón Teatro de Santiago. A cita para os/as veciños/as do noso concello será o venres 27 de marzo, con saída ás 15.45 horas da Avda. do Concello e retorno aproximado sobre as 20.15/20.30 horas. O comezo da función está previsto para as 18.00 horas e o prezo da entrada ascende a 5 euros (autobús de balde).
As persoas interesadas poderán reservar a praza ata o día 23 de marzo enviando un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366, indicando nome, apelidos e número de teléfono de contacto.
23-02-2026

Día de Rosalía 2026

Coincidindo coa data de nacemento da célebre poetisa galega, neste luns 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, celebración promovida por entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ou a Fundación Rosalía de Castro co obxectivo de dar a coñecer e ensalzar a obra da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos. Con este mesmo fin, o Concello de Fene organiza na Casa da Cultura este mércores, 25 de febreiro, ás 19.30 horas, o acto “Coñecer a Rosalía”, aberto a todos os públicos con entrada libre e de balde até completar o aforo.
“Coñecer a Rosalía” incluirá un recital popular de poesía, a cargo do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, unha conferencia a cargo do catedrático especialista en Rosalía de Castro, Francisco Rodríguez, e coloquio sobre a obra rosaliana.
18-02-2026

Fene suspende o desfile de comparsas pero mantén o festival baixo carpa a carón da Casa do Concello

Perante as adversas condición meteorolóxicas previstas para as vindeiras horas (alerta amarela por vento e choiva e alerta laranxa por posible desbordamento do río Cádavo, en Perlío), o Goberno Municipal de Fene acordou suspender o desfile de comparsas que ía percorrer esta tarde as rúas do concello. Mantense, nembargantes, o festival e a lectura do Testamento do Entroido, na praza do alcalde Ramón Jose Souto González (baixo carpa). As comparsas concentraranse na praza, a carón da Casa do Concello, ás 18.30 horas, e subirán ao palco por orde, segundo o listado publicado previamente na web municipal.
Rematado o certame, darase paso á queima do Meco e ao espectáculo pirotécnico (sempre que as condición meteorolóxicas o permitan).