Novas

27-10-2025

Fene despide o Ano Castelao cun mural e dúas representacións teatrais

“Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Esta frase, recollida do álbum Sempre en Galiza de Castelao, preside o mural que loce desde hai uns días na fachada da Casa da Cultura de Fene. A cita, acompañada da silueta do escritor, debuxante e político, serve para homenaxear a un dos grandes intelectuais do noso país, símbolo da identidade galega e do compromiso coa nosa lingua e cultura.
Atentendo ao chamamento realizado aos concellos pola plataforma social Vía Galega, o goberno municipal de Fene acordou pintar o mural, de 5x3 metros, a carón da escaleira de acceso principal á Casa da Cultura de Fene. Con esta iniciativa, preténdese “poñer en valor a dimensión polifacética de Castelao e o seu pensamento político, filosófico e social, que o converten na figura máis relevante da Galiza do Século XX”.
17-10-2025

Asinados os convenios de colaboración das subvencións nominativas para as entidades culturais, deportivas, ensino e de promoción económica

A alcaldesa de Fene e representantes de varias sociedades culturais, deportivas, de ensino e promoción económica do termo municipal asinaron este mediodía os convenios das Subvencións Nominativas do ano 2025.
Os convenios ascenden a un total de 39.500 € para as Culturais, 7.500 € para Ensino, 5.000 € para Deportes e 26.000 € para Promoción Económica. Con anterioridade, foron asinados os convenios da AC Felicia (Felicia Pop Festival) e Centolos AC (Festival Fenerock), por un importe de 11.000 € para cada un.
14-10-2025

“O Museo de Historia Natural Ferrol, un museo cidadá” protagoniza este xoves a primeira charla do ciclo Contando Ciencia deste curso

A conferencia terá lugar este xoves, 16 de outubro, ás 19.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con entada libre e de balde. E correrá a cargo do delegado da SGHN-Ferrol Xan Rodríguez Silvar. No devir desta charla, o biólogo, naturalista e activista ambiental falará das orixes e da historia do museo ferrolán que naceu “como resultado da actividade de decenas de socios e colaboradores da entidade e que, na actualidade, ten unha das mellores coleccións naturistas da península ibérica”.
10-10-2025

Contacontos ilustrado na Biblioteca Municipal para homenaxear ás cantareiras galegas

Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir á función de “Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025”, de Polo correo do vento, que anuncia Biblioteca Municipal de Fene para o vindeiro xoves, 16 de outubro, ás 18 horas. Para anotarse cómpre facelo presencialmente ou por teléfono (981 342 302) no horario de apertura da instalación: de luns a venres, de 16 a 21 horas ou o sábado, de 10 a 13 horas. Aforo limitado. Actividade dirixida a público de todas as idades.
08-10-2025

Cunha conferencia do delegado da Sociedade Galega de Historia Natural Ferrol arrinca a quinta edición de Contando Ciencia

Volve Contando Ciencia, un programa que retoma a súa actividade co inicio do curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Coordina a mestra Violeta Miraz Seco.
Contando Ciencia 2025-26 principiará o xoves 16 de outubro co relatorio “O Museo de Historia Natural Ferrol, un museo cidadá”, a cargo do delegado da SGHN-Ferrol Xan Rodríguez Silvar. No devir desta charla, o biólogo, naturalista e activista ambiental falará das orixes e da historia do museo ferrolán que naceu “como resultado da actividade de decenas de socios e colaboradores da entidade e que, na actualidade, ten unha das mellores coleccións naturistas da península ibérica”
02-10-2025

Concerto de Pepe Piña no acto de presentación do libro gañador no XXXVII Premio de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a presentación de Pequena vida salvaxe, poemario co que Roberto X. Hermida gañou o XXXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé que organiza a entidade fenesa coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior.
O acto comezará ás 20.30 horas, con entrada libre e de balde até completar aforo. Ao remate actuará o cantautor galego Pepe Piña, concerto organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
01-10-2025

A Casa da Cultura de Fene acolle en outubro unha exposición de pintura e fotografía de Narart

Nova mostra colectiva da Asociación Narón Amigos da Arte. A exposición, na que participarán dezaseis artistas (14 pintores/as e dúas fotógrafas) inaugúrase este xoves 2 de outubro, ás 19 horas, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde. O horario de visitas á exposición, que concluirá o 31 de outubro, será: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.
25-09-2025

A Galiña Xosefina, de Trémola Teatro, visitará a Biblioteca Municipal de Fene o primeiro xoves de outubro

Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir á función de A Galiña Xosefina, da compañía Trémola Teatro, que anuncia Biblioteca Municipal de Fene para o vindeiro xoves, 2 de outubro, ás 18 horas. Para anotarse cómpre facelo presencialmente ou por teléfono (981 342 302) no horario de apertura da instalación: de luns a venres, de 16 a 21 horas ou o sábado, de 10 a 13 horas. Aforo limitado.
23-09-2025

O VII Festival Internacional Entes Animados levará a maxia dos monicreques a Sillobre e Limodre esta fin de semana

Fene acollerá este venres e o sábado dous dos espectáculos do Festival Internacional de Entes Animados 2025 que se está a desenvolver en 8 concellos da bisbarra (Ares, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño) ao longo da segunda quincena do mes de setembro. A primeira función, o venres 26, será ás 20 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Fértil Cultural (Portugal) co espectáculo “Eu é que conto”. O sábado 27, o certame trasladarase ao local da AVV de Limodre, tamén ás 20.00 horas, coa función de “La muerte de Don Cristobal”, da compañía Pelele (Francia). Ámbalas dúas sesións serán con entrada libre e de balde até completar o aforo.
18-09-2025

Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene

As persoas que desexen apuntarse neste club de lectura para público adulto poderán facelo desde hoxe, presencialmente na propia biblioteca, ou por teléfono no 981 342 302, en horario de 16.00 a 21.00 horas (agás os sábados nos que o horario é de 10.00 a 13.00 horas). Para participar, unicamente cómpre ter interese pola lectura xa que as persoas que formen parte do club, deberán ler ao mesmo tempo as mesmas obras, de xeito individual. A biblioteca proporcionará un exemplar a cada membro, previamente inscrito.