Novas

18-02-2026

Fene suspende o desfile de comparsas pero mantén o festival baixo carpa a carón da Casa do Concello

Perante as adversas condición meteorolóxicas previstas para as vindeiras horas (alerta amarela por vento e choiva e alerta laranxa por posible desbordamento do río Cádavo, en Perlío), o Goberno Municipal de Fene acordou suspender o desfile de comparsas que ía percorrer esta tarde as rúas do concello. Mantense, nembargantes, o festival e a lectura do Testamento do Entroido, na praza do alcalde Ramón Jose Souto González (baixo carpa). As comparsas concentraranse na praza, a carón da Casa do Concello, ás 18.30 horas, e subirán ao palco por orde, segundo o listado publicado previamente na web municipal.
Rematado o certame, darase paso á queima do Meco e ao espectáculo pirotécnico (sempre que as condición meteorolóxicas o permitan).
16-02-2026

Catorce comparsas participarán o mércores no desfile do Entroido de Fene

A concentración das comparsas terá lugar ás 17.45 horas nas rúas San Salvador e Tarrrío de Perlío. A hora de saída será ás 18.00 horas, percorrendo a Marqués de Figueroa, a rúa da Fraga e rematando na Praza do alcalde Ramón J. Souto González co desfile e actuación das comparsas, a lectura do Testamento, a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico.

No caso de anular o desfile por mal tempo (publicarase no web e redes sociais o mércores 18 ao mediodía), a concentración das comparsas terá lugar ás 18.30 horas (por orde, segundo o listado) na Praza do alcalde Ramón J. Souto González, manténdose a dita actuación, a lectura do Testamento, a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico.

No caso de previsións meteorolóxicas adversas, con alertas indicadas pola Xunta de Galicia (AEMET), dende o Departamento de Cultura do concello indican  que se tomarán as medidas preventivas necesarias.
13-02-2026

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene durante o Entroido

A Concellería de Cultura informa dos cambios previstos no horario de apertura e atención ao público da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal Xosemaría, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais) por mor da celebración das festas do Entroido.
Así, o sábado 14 e o domingo 15 de febreiro estas instalacións permanecerán pechadas. O luns16 e o martes 17, o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E o 18 de febreiro, Mércores de Cinza e festivo local no Concello de Fene, a Casa da Cultura permanecerá pechada.
11-02-2026

Conta atrás para o Entroido de Fene!

As comparsas “Os Argalleiros”, “A Canteira do Puntal”, “As Xoaniñas de Chao”, “O Carnaval Intergaláctico do ANPA Belén”, “Os Colludos”, “Troupele Troupele”, “Manda Charanga”, “Imos que temos que ir”, “Os Parrandolos”, “As Superfenesas de Centieiras”, “Os Scratchados”, “As ovelliñas mansas de Semente de Trasancos”, “Feneración X”, “A Revolta de Trasancos” e “OJE Ferrol” son as 15 agrupacións que participarán este ano no desfile e posterior festival de comparsas que organiza o Concello de Fene.

Comeza a conta atrás para o Entroido, unha das festas máis importantes de Galicia que, en Fene, se concentra nas xornadas do Martes de Entroido e Mércores de Cinza. O programa comezará o martes 17 de febreiro na Praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 18.00 horas coa Festa Infantil a cargo de La Guagua e a tradicional merenda -coa axuda da A.C. Os Tadetas- con reparto de lambetadas para todos os nenos e nenas que se acheguen disfrazados.
10-02-2026

Cunha conferencia do investigador do CITMAga e profesor de Matemáticas da UDC Miguel Brozos continúa este xoves o ciclo Contando Ciencia

Baixo o suxerente título de Unha viaxe con curvas que nos pon os pelos de punta!, o profesor de Matemáticas da Universidade da Coruña Miguel Brozos falará esta semana en Fene sobre Xeometría. Fará un pequeno percorrido por interesantes curvas, dando resposta a cuestións tan dispares como: Cal é o tobogán máis rápido? Ou como se traza a curva dunha estrada ou dunha montaña rusa? Despois surfeará un pouco por superficies, analizando por que é difícil que non nos quede un remuíño ao peitear o pelo ou como podemos facer para detectar a colisión dun dron.
A conferencia, enmarcada no ciclo Contando Ciencia, será este xoves 12 de febreiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
04-02-2026

A exposición “10 de marzo do 72, a mirada artística de Xaime Quessada” inaugúrase este venres na Casa da Cultura de Fene

O acto, no que intervirán a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o vicepresidente da AC Fuco Buxán, Víctor G. Novás, comezará ás 19.00 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (entrada libre), onde poderá visitarse até o vindeiro 30 de marzo. Horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. As persoas que asistan á inauguración ou visiten a mostra poderán facerse cunha unidade didáctica da mesma, até fin de existencias. E os colexios ou asociacions interesados, poderán solicitar unha visita guiada enviando un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal.
16-01-2026

Abre o prazo de inscripción para as comparsas que queiran participar no desfile e festival do mércores de Cinza no Concello de Fene

A Concellería de Cultura ultima os preparativos do Entroido 2026 que terá lugar nas xornadas do martes 17 e mércores 18 de febreiro (Mércores de Cinza, festiva local no noso concello). O ciclo comezará o martes 17 de febreiro a partir das 18.00 horas e baixo carpa a festa infantil e a tradicional merenda con reparto de lambetadas, coa colaboración da AC O Tadetas, para todos os nenos e nenas que se acheguen disfrazados. Para rematar, e a partir das 21.00 horas, comezará a actuación da orquestra Marbella.

As actividades do Entroido continuarán o mércores día 18 de febreiro coa concentración de comparsas ás 17.45 horas na rúa San Salvador (Pista Polideportiva do CCRD Perlío), para iniciar ás 18.00 horas o percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa, Rúa da Fraga e rematar na Avda. do Concello. Ao chegar á Praza do alcalde Ramón José Souto González, terá lugar a actuación das comparsas, a lectura do Testamento, a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico (Parque Casteao).
13-01-2026

Fene estrea a programación cultural de 2026 coa exposición do XIX Premio Luis Ksado

As fotografías gañadoras e finalistas do 19º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación da Coruña amósanse neste mes de xaneiro na Casa da Cultura de Fene. A mostra, aberta ao público desde o martes 13 de xaneiro, poderá visitarse até o vindeiro 28 de xaneiro en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. As persoas que se acheguen a ver a mostra recibirán un catálogo da mesma, até fin de existencias.
13-01-2026

A doutora en Xeoloxía Irene Pérez Cáceres aborda esta semana no ciclo Contando Ciencia a cuestión das terras raras

Co comezo do novo ano, retómase o V ciclo Contando Ciencia, programa que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Faino este xoves, 15 de xaneiro, coa conferencia Terras raras: nin son terras nin son raras, a cargo de Irene Pérez Cáceres, doutora en Xeoloxía e técnico da Cámara Oficial Mineira de Galicia. A cita será, unha vez máis, na Casa da Cultura de Fene, ás 19.30 horas, e con entrada libre e de balde.
Durante a súa intervención en Fene, Irene Pérez Cáceres, explorará o que son as terras raras, dende o seu descobremento ata as súas aplicacións na sociedade actual. Abordará a importancia estratéxica destes elementos críticos para as tecnoloxías modernas e a transición enerxética, dende dispositivos electrónicos ata vehículos eléctricos e enerxías renovables.
05-01-2026

O Concello de Fene anuncia as persoas e establecementos gañadores do Certame de Decoración de Nadal

O Concello de Fene vén de facer público o fallo do xurado do II Certame de Decoración de Nadal, unha iniciativa posta en marcha para fomentar a participación da veciñanza, encher de ambiente festivo as rúas do municipio e dinamizar o comercio local durante as festas.
Na modalidade de vivenda unifamiliar, a proposta gañadora foi a presentada por Lorena Breijo González, de Barallobre, pola súa creatividade, coidado estético e integración da iluminación no conxunto da vivenda. Na modalidade de fachadas, balcóns e xanelas, o premio recaeu en Mª del Carmen, de Sillobre, quen tamén resultou gañadora na modalidade de portais, destacando pola orixinalidade e o uso de materiais. O xurado acordou ademais conceder unha mención especial a Ángela Reis Raimunde, de San Valentín, en recoñecemento á tradición, ao esforzo e á singularidade da súa decoración.