Novas

02-01-2026

Fene ultima os preparativos da Cabalgata de Reis que percorrerá as rúas do concello o vindeiro luns

Coma todos os anos, as Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Fene o luns, 5 de xaneiro, a poucas horas da noite máis máxica do ano. A cabalgata dos Reis Magos de Oriente sairá ás 17.30 horas do CCRD de Perlío (rúa San Salvador) e percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais ata chegar á praza do alcalde Ramón J. Souto González (a carón da Casa do Concello) onde recibirán aos nenos e nenas que queiran conversar con eles e transmitirlles os seus desexos.
 
23-12-2025

Contos pra contar cartos

O ciclo Nadal da Concellería de Cultura programa para hoxe xoves, ás 20.00 h, a actuación do monologuista Avelino González no Local Social da AVV San Xurxo de Magalofes. Dirixido a público adulto e con entrada de balde. Aforo limitado.
19-12-2025

Horario da Casa da Cultura de Fene durante o Nadal

Do sábado 20 de decembro ao mércores 7 de xaneiro cambia o horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura de Fene. Así, desde mañá, a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, o Museo do Humor Xaquín Marín, a aula de estudo e sala de exposicións temporais da Casa da Cultura abrirán unicamente en horario matutino, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, durante as festas, as instalacións permanecerán pechadas os sábados, domingos e festivos (20,21, 24, 25, 27, 28 e 31 de decembro; así coma o 1 e 6 de xaneiro).
16-12-2025

O Nadal en Fene continúa esta semana con danza para bebés e concertos das escolas de música e de panxoliñas

O programa organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo Nadal en Fene contempla tres novas actividades para esta semana. A primeira cita será o xoves 18 de decembro, ás 18.30 horas na Casa da Cultura, coa compañía Caramuxo e o espectáculo de danza para bebés Catro. O venres 19 será o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música, ás 17.00 horas tamén na Casa da Cultura. E para o sábado 20, ás 20.00 horas no local social da ACRD O Pote de Maniños, anúnciase o XXIII Festival de Panxoliñas “Concello de Fene” coa participación da Rondalla Estrelecer, Coral Polifónica Agarimo de Sillobre e Coral Polifónica O Pote de Maniños.
15-12-2025

Fene abre este mércores o prazo para inscribirse como Paxes Reais na Cabalgata das SS.MM Os Reis Magos de Oriente

As familias dos/as pequenos, de entre 6 e 12 anos, que desexen participar como paxes reais, terán que entregar debidamente cuberto o formulario de solicitude (descargable en www.fene.gal) a partir das 8.30 horas do 17 de decembro ate as 23.59 horas do 29 de decembro. As solicitudes presentaranse presencialmente no Rexistro Xeral (2º andar da Casa do Concello), en días laborables, de luns a venres de 8:30 a 14:00 h. Tamén se poderán presentar por vía telemática na sede electrónica municipal desde as 8.30 horas do 17 de decembro até finalizar o prazo establecido.
Presentarase unha ficha por cada neno ou nena, e cada persoa poderá rexistar 2 solicitudes como máximo (agás, no caso de irmáns que se poderán rexistrar todos/as). A selección dos paxes reais realizarase por orde de inscrición e o aforo é moi limitado.
12-12-2025

A programación do Nadal en Fene trasládase este sábado ao CCRD de Perlío cun concerto de Pakolas

“Pakolas e as tripulantes” é o título do espectáculo que a Concellería de Cultura de Fene anuncia para este sábado, 13 de decembro, no Casino de Perlío, no marco do ciclo Nadal en Fene. A función, dirixida a público infantil e familiar, comezará ás 18.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Actuación organizada polo Concello de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
10-12-2025

Nova cita este venres na Casa da Cultura de Fene con Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj

No marco do Ano Castelao e dentro da programación artellada pola Concellería de Cultura para o Nadal, a compañía Fantoches Baj achégase no seu último espectáculo á figura de Castelao a través da narración oral, dos monicreques, da música tradicional e do teatro de máscaras. Faino en Castelao, un corazón á intemperie, que se representa este venres, 12 de decembro, ás 18.30 horas na Casa da Cultura. Entrada libre e de balde.
Con esta producción, artellada para conmemorar o 75º aniversario da morte de Castelao, “tanto as máis pequenas como as súas familias poderán acceder dun xeito ameno e divertido á obra do autor así como a episodios da súa vida en Galicia e no exilio. Unha proposta que desde a memoria e a interpretación ofrece un espazo para homenaxear a un dos ilustres de Galicia e reivindicar o galego como lingua propia para pensar, para escribir e para relacionarnos co mundo que nos rodea”.
09-12-2025

O espectáculo de contos e ilustración de Caxoto e Marc Taeger chega a Fene este xoves

Un contador de contos coa cabeza a paxaros e un ilustrador chiflado… que pode saír mal? Así se presenta o espectáculo “Contos debuxados, debuxos contados” que organiza a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, para este xoves, 11 de decembro, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. Os protagonistas son o contador de contos Caxoto e o debuxante Marc Taeger “dous artistas desbordando creatividade… e moitas gañas de xogar!”. A función vai dirixida a público familiar maior de 4 anos e a entrada será libre e de balde. Espectáculo programado dentro do ciclo do Nadal en Fene.
05-12-2025

A curtametraxe Ratiña sobre o acoso escolar proxectarase o vindeiro mércores na Casa da Cultura

“Ratiña” é unha curtametraxe social e intimista, cunha duración de 11 minutos, que aborda temas como o acoso escolar, a xestión emocional e a relación entre nenos/as e pais/nais. A peza, que se poderá ver na Casa da Cultura o vindeiro mércores 10 de decembro, ás 20 horas, combina un enfoque minimalista e poético cunha narrativa realista, dirixida preferiblemente para o público adulto. Trala proxección do mesmo, haberá un coloquio no que poderán participar as persoas asistentes. Entrada libre e de balde.
01-12-2025

Contos, teatro, música e danza no Nadal de Fene

Co comezo do mes de decembro, o Concello de Fene desvela as principais citas culturais para as vindeiras festas do Nadal Cinco espectáculos para público infantil ou familiar, o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música ou o Festival de Panxoliñas, son algúns dos atractivos dun programa ao que porá o colofón, como é tradicional, a Cabalgata e a recepción real das SSMM Os Reis Magos de Oriente. As nenas/os (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse do 17 de decembro, a partir das 8.30 horas, ao 29 de decembro, até as 23.59 horas, no Rexistro Xeral do Concello (folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal). O aforo é moi limitado e a inscrición realizarase por orde de solicitude. Por outro lado, desde a Concellería de Cultura tamén avanzan que, do 22 de decembro de 2025 ao 5 de xaneiro de 2026 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.