Novas

24-09-2021

Fíos máxicos no local da AV de Limodre

O local da AV de Limodre acolle este venres, ás 20.00 horas, o primeiro espectáculo do 3º Festival Teatral Entes Animados 2021 no Concello de Fene. O protagonista da función, dirixida a público infantil e familiar, será o marionetista portugués Rui Sousa cunha montaxe titulada “Fíos máxicos”. Entrada libre até completar o aforo.
 En "Fíos máxicos", “varias marionetas de fíos desfilan e exhiben as súas habelencias coa música, coa danza e, mesmo, co circo. Todas elas presentan un truco, unha fantasía ou unha sorpresa que leva ao público cara un mundo máxico e encantado”. 
A propósito do artista, “logo dun período de aprendizaxe no eido da pintura e unha formación musical, pasando polo ensino e animación, Rui Sousa transformouse en marionetista profesional, exercendo a profesión até a actualidade. Como marionetista é recuperador das tradicionais artes das marionetas de fíos (vertente de variedades) e Teatro Dom Roberto, elevándoas a patrimonio vivo. Máis alá da súas actividade en teatros, auditorios e centros de ensino, adoita estar presente na case totalidade dos festivais de monicreques en Portugal e en toda a península ibérica”.
21-09-2021

Fene súmase ao Festival Teatral Entes Animados con funcións en Limodre e Sillobre esta fin de semana

Do venres 24 ao domingo 26 de setembro, os Concellos de Fene, Neda, Mugardos, Cabanas, Ares e Sada, xunto coa asociación veciñal de Canido e os establecementos La Room e Sevilla, de Ferrol, acollerán ao redor dunha quincena de espectáculos de monicreques, no marco do 3º Festival Teatral Entes Animados, FESTEA, que promove a Asociación Cultural Titerario. As citas en Fene serán no local da A.VV. de Limodre, este venres ás 20.00 horas, coa compañía portuguesa Rui Sousa, e en Agarimo de Sillobre, o domingo ás 13.00 horas, co grupo Flash Teatro. Námbolos dous casos, a entrada será libre até completar o aforo dispoñible.
17-09-2021

A terra de Escandoi, a creación dun mundo...

Fene disponse a homenaxear os 25 anos na literatura e os 35 anos no xornalismo de Ramón Loureiro cun acto, organizado pola Concellería de Cultura e o Club de Prensa de Ferrol, que terá lugar o vindeiro xoves, 23 de setembro, ás 20 h nas instalacións do CMI Unidade de Fene. Dadas as limitacións de aforo, para asistir ao acto é imprescindible reservar praza antes das 12:00 h do 21 de setembro no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
15-09-2021

Fene abrirá en outubro o prazo de inscrición para as escolas culturais de música

A Concellería de Cultura publica a normativa xeral de matriculación para as escolas culturais municipais de piano-solfexo e guitarra, dirixidas a nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral. Atendendo aos protocolos Covid, as persoas que desexen anotarse en calquera das dúas actividades, deberán solicitar cita previa do 1 ao 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812, de 8:30 e as 14:00. Unha vez solicitada a cita, presentaranse nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín no día e hora sinalados, tendo en conta que os días 5 e 6 de outubro realizaranse as inscricións para os residentes en Fene e o día 7 para a totalidade da poboación. Este novo curso das escolas culturais de música do Concello de Fene prolongarase dende o luns 18 de outubro de 2021 ao 31 de maio de 2022. A incorporación farase no primeiro día fixado para cada actividade.
13-09-2021

Cambio no horario da Biblioteca, Museo do Humor e Casa da Cultura de Fene

Co fin das vacacións escolares , a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) reanudando o horario habitual de inverno:
Casa da Cultura e Museo do Humor: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Biblioteca Municipal: de luns a venres de 16:00 a 21:00. Sábados de 10:00 a 13:00
13-09-2021

Cándido Pazó trae a Fene o seu espectáculo "Como dicía o outro"

Cándido Pazó visita Fene para presentarnos un espectáculo de narración oral con misturas de humor, emoción, imaxinación e memoria. Un monólogo cómico no que se enfían historias que se xestionan sobre a marcha, segundo o ambiente, o público, as circunstancias do día. En resumo, contos e lerias para tódolos públicos.
A actuación será no Local Social do ACRD O Pote de Maniños o venres, 17 de setembro de 2021 ás 21.00 horas
Un espectáculo dirixido a tódolos públicos con entrada de balde sen reserva até completar aforo
08-09-2021

Fene conmemora os 25 anos de literatura do escritor e xornalista Ramón Loureiro

A concellería de Cultura de Fene e o Club de Prensa de Ferrol organizan a presentación do novo libro de Ramón Loureiro, Las máscaras del fin del mundo. O acto, no que ademais do autor intervirán a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto, o poeta e editor, Xulio López Valcárcel, a profesora Esperanza Piñeiro de San Miguel e o alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, terá lugar o vindeiro xoves, 23 de setembro, ás 20:00 h nas instalacións do CMI Unidade de Fene. Para asistir, é imprescindible reservar praza antes das 12:00 horas do 21 de setembro no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
07-09-2021

Baobab Teatro trae a Fene este domingo os seus Contos para un caldiño

O local social da SCRD Agarimo de Sillobre acolle este domingo, ás 13.00 horas, o espectáculo familiar “Contos para un caldiño”, da compañía Baobab Teatro. Trátase dun espectáculo de contos moi divertido e participativo, recomendado para nenos/as a partir de 3 anos e familia. A entrada será de balde até completar o aforo.
06-09-2021

O documental "Xela Arias. Poeta nas marxes" proxéctase este venres na Casa da Cultura de Fene

"Xela Arias. Poeta nas marxes" é un documental dirixido por Beatriz Pereira arredor da figura de Xela Arias, poeta e tradutora galega. A partir dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia, a peza percorre a vida e obra dunha francotiradora das letras. As persoas que queiran asistir á proxección, prevista para este venres ás 20 horas na Casa da Cultura de Fene, deben reservar praza no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal até o mesmo día da actividade. Aforo limitado (50 persoas).
25-08-2021

Este xoves abre o prazo de reserva de entradas para os concertos que ofrecerán Setestrelo e Miguel Lamas

O Paseo Marítimo de San Valentín acollerá o día 2 de setembro, ás 21.00 h, o concerto de Setestrelo-O Camiño. Ao día seguinte,  3 de setembro ás 22.00 h,  o protagonista será Miguel Lamas, quen presentará o proxecto Miguel Lamas & Ardora.

Námbolos dous casos, as entradas para asistir aos concertos poranse a disposición do público este xoves 26 de agosto, ás 10.00 horas, na páxina de Ataquilla.com. Serán de balde ate completar aforo (200 localidades)  pero cada persoa só poderá reservar un máximo de 4 entradas por operación.