Novas

28-12-2021

O programa ContandoCiencia traerá a Fene a seis recoñecidos investigadores e divulgadores científicos galegos

A física especializada en atmosfera Susana Bayo, o astrofísico Borja Tosar, o físico e catedrático de electromagnetismo Jorge Mira, o inmunólogo José Gómez Rial, a psiquiatra Iria Veiga e o doutor en Bioloxía Xurxo Mariño, son os relatores convidados ao ciclo ContandoCiencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. O programa, que ten por obxecto achegar a ciencia á poboación, estará aberto ao público en xeral e arrincará o mércores 12 de xaneiro coa primeira charla sobre “A pelexa da ciencia contra o cambio climático”. Todas as conferencias serán na Casa da Cultura de Fene, un mércores ao mes e sempre ás 19.30 horas, con entrada libre até completar o aforo.
28-12-2021

Cancelado o concerto de Exit que ía ter lugar este xoves a carón da Casa do Concello

A Concellería de Cultura informa da cancelación do concerto de Exit, "Tributo Hard Rock", que estaba previsto para as 20.00 horas deste xoves, 30 de decembro, na praza do alcalde Ramón José Souto González, por mor dalgún positivo Covid no seo da banda. A actuación, incluída na programación de Nadal do Concello de Fene, adíase para cando a situación sanitaria o permita, comunicándose proximamente a nova data.
20-12-2021

BellónMaceiras presenta este xoves na Casa da Cultura o seu primeiro conto musicado, A Música das buguinas

BellónMaceiras, o dúo formado por Daniel Bellón e Diego Maceiras, presenta este xoves, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias.  A entrada á presentación do xoves será con reserva de praza no correo cultura.deportes@fene.gal, no teléfono 981 340 366 (en horario de mañá), ou por whatsapp, no 607625357, xa que o aforo é limitado.
17-12-2021

O vindeiro mércores cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do nadal, a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o mércores 22 de decembro e até o vindeiro 9 de xaneiro, inclusives, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.
Os días 24 e 31; así como os sábados, domingos e festivos; a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.
15-12-2021

O dúo Vento Dolce protagoniza este ano o Concerto de Nadal do Concello de Fene

A igrexa de Limodre acolle este venres, a partir das 20.00 horas, o recital “Bo Lyric Nadal”. Trátase dunha proposta musical especialmente pensada para meternos de cheo no espírito do Nadal, empregando algunhas das páxinas máis recoñecibles da música relixiosa desde o Barroco até a época contemporánea. O concerto correrá a cargo do grupo Vento Dolce, formado polas intérpretes Gemma Román (voz) e Andreina Muñoz (piano) e nel, a través dun repertorio para voz solista, “poderemos viaxar no tempo e na xeografía, desde algunha das panxoliñas galegas máis fermosas pasando por pezas de inspiracións castelá, andaluza e mesmo algunhas pinceladas musicais de procedencia internacional (Francia, Inglaterra, Sudamérica, etc.)
02-12-2021

O Nadal en Fene arranca o venres 17 cunha ampla programación cultural

O departamento de Cultura do Concello de Fene avanzou hoxe mesmo o contido da súa programación de Nadal, que comezará o venres 17 de decembro e se prolongará até a véspera de reis coa tradicional cabalgata e recepción ás Súas Maxestades de Oriente. Polo medio haberá varias actividades para todas as idades  orientadas na súa maioría a público familiar. Citas que se desenvolverán seguindo os protocolos preventivos da COVID-19 e atendendo á situación sanitaria que haxa en cada momento.
30-11-2021

O Concello financia proxectos relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá

O salón de plenos do Concello de Fene acolleu esta mañá a sinatura dos convenios nominativos dirixidos a financiar distintos proxectos desenvolvidos polas entidades do territorio relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá. Dos 12 colectivos para os que se reservaba crédito, finalmente só suscribiron convenio dez deles, mentres que os outros dous se viron na obriga de renunciar á axuda ante a imposibilidade de levar adiante os proxectos subvencionados debido á pandemia. A contía total asignada hoxe ascende a 44.000 euros, con achegas que oscilan entre os 500 e os 11.000 euros, dependendo da actividade. Porén esta non será a única colaboración económica do Concello co tecido social, xa que proximamente tamén se farán efectivos os 105.800 euros da liña de concorrencia competitiva.
22-11-2021

O documental Dores, sobre os campos de concentración en Galicia, proxéctase este sábado na Liga de Amigos de Barallobre

"Apenas ninguén sabe que en Galicia existiron campos de concentración durante o franquismo. Dores trata sobre o descoñecemento da nosa propia historia e da necesidade de falar sobre cuestións como estas para que non rematen soterradas e condeadas ao esquecemento unha vez máis". O documental, dirixido por Coral Piñeiro, proxéctase o vindeiro sábado, 27 de novembro, ás 19.00 horas, no Local da Liga de Amigos de Barallobre. Entrada libre con aforo limitado.
18-11-2021

O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a entrega do XXXIV Premio Pérez Parallé, certame organizado coa colaboración do Concello

O gañador do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé 2021, Anxo Mena, recibirá  este sábado o premio polo seu libro Alimentar canarios con ovos da casa, obra seleccionada entre as 57 que se presentaron ao concurso este ano. A entrega terá lugar na sede do CMI Unidade de Fene a partir das 20 horas e contará coa actuación da Rondalla Estrelecer.



16-11-2021

A compañía Berrobambán Teatro visita fene para FACER MEMORIA

Este mércores, 17 de novembro, bota a andar no Concello de Fene o proxecto `Facer memoria´, impulsado por Berrobambán Teatro e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e as sociedades O Pote de Maniños, Agarimo de Sillobre e AVV San Xurxo de Magalofes. Facer Memoria é un espectáculo-encontro entre a narradora oral Paula Carballeira e a veciñanza destas tres parroquias de Fene “no que esvaemos os límites entre o palco e o patio de butacas, dándolle voz tamén ás lembranzas do público. E así, entre contos e conversas, intentaremos facer memoria. Dándolle a cada lembranza a importancia que merece.”. As citas serán con entrada libre o mércores 17, ás 19 horas, na ACRD O Pote de Maniños; e o xoves 18, ás 17 horas na SCRD Agarimo de Sillobre, e ás 19 horas na AVV San Xurxo de Magalofes.