Novas

31-05-2022

Festival de fin de curso das Escolas Municipais de Música

As Escolas Municipais de Piano e Guitarra 2021/22 do Concello de Fene chegan ao seu fin. Por este motivo, a Concellería de Cultura organiza para este xoves, 2 de xuño, o festival de clausura de ámbalas dúas actividades ás que asistiron ao longo do presente curso escolar ao redor de 40 persoas. O certame comezará o xoves ás 17 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e terá como protagonista ao alumnado infantil e xuvenil das devanditas escolas.
27-05-2022

ContandoCiencia chega ao seu fin cunha conferencia do biólogo Xurxo Mariño

A Casa da Cultura de Fene acollerá o mércores 1 de xuño a derradeira sesión do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O protagonista desta sexta e derradeira charla será o doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño. Falará sobre “Unha mirada á evolución da linguaxe” o vindeiro mércores ás 19.30 h. no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
25-05-2022

O mércores 1 de xuño abre o prazo de preinscrición para o Verán máis alá! 2022

Un ano máis, a Concellería de Cultura pon en marcha o Verán Máis Alá de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2010 e 2018 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 4 ao 29 de xullo en horario de 8:00 a 14:00 h.. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2022) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.
19-05-2022

Fene acolle este venres un obradoiro de debuxo urbano a cargo da escola de BD O Garaxe Hermético

Dirixido a mozos/as de 14 a 20 anos, trátase dun taller co que se pretende sensibilizar á xuventude sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. Para iso, ensinaranse as técnicas básicas para o debuxo de campo e o traballo ao natural. O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene, será apto para todos os niveis, incluído o de iniciación. Ao fronte da actividade, que terá lugar este venres, de 16.30 a 20.30 no barrio de San Valentín, estará un mestre da Escola Profesional de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”, de Pontevedra. As persoas que desexen anotarse deberán enviar por correo a servizos.sociais@fene.gal a ficha de inscrición cuberta antes do venres 20 de maio ao mediodía. As prazas son limitadas (15) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
16-05-2022

A psiquiatra ferrolá Iria Veiga participa este mércores no ciclo ContandoCiencia

Sobre a “Adolescencia e saúde mental” falará este mércores ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A charla forma parte do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. Esta quinta e penúltima sesión do programa ía ter lugar a pasada semana pero, por motivos alleos á organización, tivo que aprazarse a esta semana. A entrada á conferencia do mércores será libre até completar o aforo.
13-05-2022

A biblioteca de Fene festexará as letras galegas cunha sesión de contacontos

O vindeiro martes, 17 de maio, conmemórase o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987).
Para conmemorar esta data, a biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia unha sesión de contacontos titulada “Florencio Delgado Gurriarán. De Valdeorras a México”, a cargo do grupo Polo correo do vento. A actividade terá lugar o xoves 19 de maio, ás 18.00 horas, na biblioteca onde xa se pode reservar praza para asistir á función (presencialmente ou por teléfono, chamando ao 981 34 23 02 en horario de tarde ou o sábado pola mañá).
11-05-2022

Presentación do libro gañador do XXXIV Premio Pérez Parallé

No marco da programación artellada ao redor do Día das Letras Galegas 2022, o CMI Unidade de Fene acolle este sábado, 14 de maio, a presentación de Alimentar canarios con ovos da casa, poemario de Anxo Mena que resultou gañador da última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O acto terá lugar a partir das 20.00 horas e incluirá unha actuación musical a cargo da cantautora Sofía Espiñeira.
09-05-2022

ContandoCiencia aborda este mércores en Fene o tema da adolescencia e a saúde mental

A quinta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene este mércores, 11 de maio, á psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A conferencia, titulada “Adolescencia e saúde mental”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene o mércores ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
22-04-2022

O programa ContandoCiencia continúa o vindeiro mércores cunha charla do inmunólogo José Gómez Rial

A cuarta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene o mércores 27 de abril ao inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago José Gómez Rial. A conferencia, titulada “A viaxe da vacina fronte a Covid19 no teu corpo”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene, ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
20-04-2022

Contacontos na Biblioteca Municipal para conmemorar o Día do Libro

A actriz e contadora de historias Raquel Queizás leva “A maleta da avoa” este xoves, 21 de abril, á Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. Trátase dun espectáculo de contos e lendas tradicionais galegas no que se empregan obxectos e monicreques. A función, dirixida a nenas e nenos de tres anos en diante e as súas familias, comezará ás 18 horas. Para asistir, cómpre reservar praza na biblioteca de Fene ou por teléfono (981 34 23 02 ou 607 62 53 46), en horario de apertura da mesma: de 16.00 a 21.00 horas.