Novas

18-07-2022

Ruxe-Ruxe e Boyanka-Kostova na recta final do ciclo Xullo, Mes de Patria

Coa lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, a cargo da escritora Ánxela Loureiro, concluirá o vindeiro sábado o programa que organiza a Concellería de Cultura para conmemorar a festividade do 25 de xullo. O acto terá lugar ás 13 horas no parque liñal do Río Cádavo, a carón do Monumento Día da Patria Galega. Previamente, tamén esta semana, haberá dous concertos na praza do alcalde Ramón José Souto González, ámbolos dous con entrada libre e de balde. O xoves 21 de xullo, ás 21.00 horas, actuará Ruxe-Ruxe co espectáculo Xira 2022 (Rede Cultural) e o venres 22, á mesma hora, será Boyanka-Kostova (Rede Cultural) quen suba ao escenario instalado a carón da Casa do Concello de Fene.
11-07-2022

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras, batukada e concerto de Blues do País-Sindicato da Verbena

As corais polifónicas da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños, xunto coas rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío subirán este martes, 12 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral (o primeiro que se celebra trala pandemia). O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo do Día da Patria Galega, comezará o martes ás 20.30 horas na carpa instalada a carón do Concello.
06-07-2022

Festa da escuma, batallas acuáticas e inchables, principais atractivos da festa infantil do ciclo “Xullo, mes de Patria”

O Concello de Fene continuará festexando o mes da Patria este venres, 8 de xullo, cunha festa infantil que se desenvolverá dende as 18.00 até as 21.00 horas na praza do alcalde Ramón José Souto González. Incluirá diversos xogos e atraccións coma o tiracoios xigante “Tira ao coronavirus”, batallas acuáticas e xincanas, festa da escuma con animación, festa “Holy” con pos de cores, taller de maquillaxe, inchables e camas elásticas. Serán, en definitiva, tres horas de animación e festa para os máis pequenos da casa.
05-07-2022

Pepo Suevos no ciclo “Xullo, mes de Patria” do Concello de Fene

A praza do alcalde Ramón José Souto González, acolle este xoves, 7 de xullo, o segundo espectáculo do ciclo “Xullo, mes da Patria”, organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Desta vez, o protagonista será o monologuista e actor ferrolán Pepo Suevos co espectáculo “Humor salvaxe”. A función comezará ás 21.00 horas con entrada libre e de balde.
28-06-2022

Xabier Díaz, volta á orixe

Co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre arrinca o diclo “Xullo, mes da Patria”.
A cita será o venres, 1 de xullo, ás 21:00 h, no paseo marítimo de San Valentín, con entrada de balde.
O concerto terá lugar na parroquia que hai 40 anos acolleu os comezos musicais de Xabier Díaz, na escola de gaitas do CPS San Valentín, dirixida polo mestre Manolo Doval.
Xabier Díaz regresa coas Adufeiras de Salitre, Roberto Grandal, tamén veciño de Fene, e Iván Costa  para cantar e bailar co seu terceiro álbum As catedrais silenciadas

As catedrais silenciadas, é quizais a obra que mellor reflicte a esencia do seu encontro e, tamén, a que explora os límites deste formato con maior profundidade. Este último traballo actualiza diferentes tipos de formas musicais: hai pasodobres como No Salón das Cereixas, xotas como Illas de Sal, alalás como o tema que da título ao disco, ribeiranas como Tentenublo e muiñeiras e agarrados como o de Vilar de Cabeiras 2.0.

As vindeiras citas do ciclo  serán;

Xoves, 7 de xullo, ás 21:00 h, na praza do alcalde Ramón José Souto González, monólogo de Pepo Suevos co espectáculo Humor salvaxe (Rede Cultural).

Venres, 8 de xullo, ás 18.00 h., festa infantil na Praza do alcalde Ramón José Souto González.

Toda a información aquí
20-06-2022

XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene convoca, coa colaboración do Concello de Fene, a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame, que naceu para homenaxear a quen fora un dos seus máis renomeados socios, ten como obxectivo premiar un libro de autor inédito en lingua galega, promovendo así a inclusión de novas voces no sistema literario galego.
As persoas que desexen participar no certame deberán presentar, antes da medianoite do vindeiro 16 de setembro, un libro de poesía en lingua galega cunha extensión mínima recomendada de 300 versos.
20-06-2022

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) que coincide, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o xoves 23 de xuño e até o vindeiro 7 de setembro, ámbolos dous inclusive, o horario da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. No que respecta aos demais servizos da Casa da Cultura (Museo do Humor, sala de exposicións temporais e aula de estudo), o comezo do horario de verán adíase até o vindeiro martes, logo da clausura da exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín, que está prevista para o luns 27 de xuño.
08-06-2022

Admitidos/as no verán máis alá 2022

Publicado o listado de admitidos/as no verán máis alá 2022. Nesta fase de matriculación, os pais/nais deberán achegar a documentación especificada nas bases do programa: ficha de datos, ficha médica, informe médico (de ser preciso), declaración de autorizacións, fotografía, xustificante de pagamento da cota, copia da tarxeta sanitaria,.....
Tamén neste caso, a achega de documentación poderá realizarse por vía telemática e de maneira presencial (solicitando cita previa a partir do día 9 de xuño no teléfono 981.340.366 )

As familias con praza poderán formalizar a matriculación en "Verán Máis Alá" do día 15 ao 17 de xuño.

O custo da actividade para o mes completo é 68,15 € (2º membro da unidade familiar 36,70 €); para unha quincena o custo é 34,08 € (2º membro 18,35 €)

Ademais, en situación de escasa capacidade económica, “as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade nos termos sinalados no artigo 4) da Ordenanza fiscal núm. 2”.

Por último, a Concellería de Cultura lembra que haberá unha reunión previa cos pais/nais/titores dos/as participantes no Salón de Plenos da Casa do Concello o xoves 30 de xuño ás 20:00 horas.

Para máis información sobre o programa cómpre chamar ao Departamento de Cultura e Deportes (tfno. 981 340 366) ou enviar un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal.
03-06-2022

Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas para os festivais Felicia Pop e Fenerock

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e representantes das asociacións Felicia A.C. e Os Centolos A.C. reuníronse este xoves na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e ámbalas dúas entidades ao obxecto de organizar os festivais Felicia Pop e Fenerock 2022. Convenios que, no seu conxunto, suman 22.000€, a razón de 11.000€ para cada unha das sociedades. Con estas aportacións, o Goberno Municipal de Fene pretende apoiar a organización de dous certames que, pola súa traxectoria e especial interese, son xa un referente no calendario de festivais de música en Galicia.
01-06-2022

Fene participa na V edición de Primavera no Camiño Inglés

A Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Oroso coa que se pretende poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea. Participarán nesta xornada os 18 municipios polos que discorre o Camiño Inglés: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. E, segundo avanzan dende a organización, ao longo do día haberá actividades gastronómicas e culturais, baile, música, obradoiros gratuítos para nenos e nenas, e mercado de artesanía. O Concello de Fene estará representado nesta V Primavera no Camiño Inglés cun stand no que se achegará información turística aos visitantes. Ademais, ás 11.30 horas, está prevista unha actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene.