Novas

06-04-2022

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante a Semana Santa. Neste período, o horario da instalación será o seguinte:
  • Sábado 9 e domingo 10 de abril: pechado
  • Luns 11, martes 12, mércores 13 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
  • Do xoves 14 ao domingo17 de abril: pechado
  • Luns 18 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
O horario habitual da Casa da Cultura de Fene retomarase o martes 19 de abril.
23-03-2022

Presentación de Gomets na biblioteca de Fene

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé acolle este xoves, 24 de marzo, ás 18 horas, a presentación da novela Gomets, da escritora María Isabel Cagiao Branco. A entrada ao acto será de balde até completar o aforo.
Gomets conta a historia dunha nena chamada Bely que vive nun pequeno pobo galego. A medida que vai medrando, a pequena sofre unha transformación na súa forma de ser que da lugar a unha nova personalidade, Adela. Neste libro relátanse diferentes aventuras de Bely-Adela en lugares máxicos e con diversas personaxes peculiares
11-03-2022

O físico Jorge Mira protagoniza a terceira sesión do ciclo ContandoCiencia

Sobre o “Cambio estacional de hora e fuso horario de España” falará o vindeiro mércores, 16 de marzo, a partir das 19.30 horas, o físico e catedrático de electromagnetismo Jorge Mira na Casa da Cultura de Fene. A actividade encádrase no ciclo de divulgación científica ContandoCiencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Entrada libre e de balde até completar o aforo.
03-03-2022

Testamento entroido 2022

Oito comparsas desfilaron este ano polas rúas de Fene na xornada do Mércores de Cinza: Os Parrandolos, Os Argalleiros, Os Colludos, As Xoaniñas de Chao, A Revolta de Trasancos, Centieiras coa Ciencia, Semente de Trasancos e Paso a paso. Co desfile e cunha sesión de fogos de artifício, pechou este ano o ciclo de Entroido do Concello de Fene.

Despedimos así o entroido fenés, compartindo o Testamento de Don Falabarato, a mellor crónica satírica do acontecido en Fene, en Galicia e no mundo nos últimos meses.
28-02-2022

Exit en concerto no entroido fenés

O entroido en fene continuará na xornada de mañá martes 1 de marzo, Martes de Entroido, co concerto "Tributo hard rock", a cargo do grupo EXIT. A actuación terá lugar na praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 20.00 horas, con entrada de balde, aforo limitado e reserva previa de localidades até as 14:00h do martes (prazo ampliado) no correo-e cultura.deportes@fene.gal, no teléfono/whatsapp 687 709 137 ou no teléfono 981 340 366.
25-02-2022

Homenaxes, música e desfile de comparsas no Entroido 2022 do Concello de Fene

Cun acto institucional en lembranza de "Franki" e "Chalo", membros da Asociación Cultural "O Tadetas" de Fene que faleceron en 2010 e 2020, respectivamente, comezará o vindeiro luns o Entroido no Concello de Fene. Como xa se avanzou días atrás, o programa deste ano inclúe para o martes 1 de marzo un concerto "Tributo hard rock", a cargo do grupo Exit, e o tradicional desfile de comparsas que finalizará coa queima do Meco e cun espectáculo pirotécnico, o mércores día 2. Ao peche do prazo de inscrición aberto polo Concello, serán un total de 8 agrupacións as que protagonicen o pasarrúas do Mércores de Cinza, festivo local.
18-02-2022

Acto institucional e concerto de Roger de Flor e os Peregrinos para conmemorar o Día de Rosalía

O Concello de Fene lembrará a vindeira semana á escritora galega máis universal, sumándose ás distintas administracións e entidades culturais e educativas que conmemoran a efeméride do nacemento da poetisa. Aínda que, até o de agora, a data de celebración do Día de Rosalía era o 24 de febreiro, recentemente trasladouse ao 23, logo da presentación dun estudo que acredita a data de nacemento real da escritora nese día. Precisamente, será o vindeiro mércores, 23 de febreiro, cando Concello de Fene homenaxee a Rosalía cun acto institucional ás 20.00 horas, no parque adicado á escritora, en Perlío. Ao día seguinte, o xoves 24, o programa artellado pola Concellería de Cultura continuará cun concerto de Roger de Flor e Os Peregrinos co espectáculo "Lúa descolorida: tributo a Rosalía". A cita será ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, con entrada de balde até completar o aforo. Actividades dirixidas a todos os públicos.
16-02-2022

Fene mantén o seu Entroido pero adaptado á pandemia

A Concellería de Cultura ultima os preparativos do Entroido 2022 que celebrará nas xornadas do martes 1 e mércores 2 de marzo, festivo local no Concello de Fene. Á vista da situación sanitaria e tendo en conta as recomendacións das autoridades para que se eviten actividades que supoñan grandes concentracións de xente, nesta edición o Goberno Municipal acordou prescindir da festa infantil do martes e do festival de comparsas que tradicionalmente se desenvolvía na xornada do mércores de cinza. Sí mantén o desfile de comparsas – para o que xa está aberto o prazo de inscrición- e a queima do Entroido que finalizará o mércores cun espectáculo pirotécnico. O programa complétase cun concerto, “Tributo hard rock”, que terá lugar o martes a cargo do grupo Exit.

As comparsas interesadas en participar no Entroido de Fene 2022 teñen de prazo até as 14.00 horas do venres 25 de febreiro para inscribirse no Rexistro Xeral do Concello (bases publicadas na web municipal) e optar ás axudas que establece o Concello de Fene para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.
 
03-01-2022

As esculturas de Moxom amósanse desde este venres na Casa da Cultura

“De boas madeiras” é o título da mostra que abre o calendario de exposicións da Casa da Cultura de Fene neste 2022. O escultor ourensán Xosé Manuel Rodríguez “Moxom” está detrás desta colección na que se poderán ver até o vindeiro 31 de xaneiro un total de 16 obras de diversos tamaños. Primordialmente son “figuras femininas, con rostros e posturas naturais, con moita cor, lembrando os meus inicios no mundo do cómic”, afirma Moxom. Aínda que este venres 7 de xaneiro o horario de visitas será unicamente de mañá, de 10.00 a 14.15 horas (e o sábado 8 e o domingo 9 a instalación permanecerá pechada), a partir do vindeiro luns, 10 de xaneiro, a mostra poderá visitarse de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Os domingos e festivos a Casa da Cultura de Fene está pechada.
29-12-2021

O Concello de Fene mantén a Recepción Real das SSMM Os Reis Magos pero prescinde da Cabalgata por mor da situación sanitaria

Melchor , Gaspar e Baltasar visitarán Fene o vindeiro 5 de xaneiro pero, desta vez, non percorrerán as principais rúas do casco urbano do concello senón que ofrecerán unha Recepción Real na praza do alcalde Ramón José Souto González. Atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias que, por motivos de saúde pública, non aconsellan facer este ano Cabalgatas, substituíndoas por actos estáticos e con aforo controlado, o Concello de Fene acordou organizar desta vez un acto no que os nenos e nenas poderán fotografarse coas SSMM, mantendo as distancias, e depositar a súa carta na caixa de correo real. Para controlar a capacidade e facilitar a participación, dende a concellería de Cultura elaborouse o correspondente protocolo de inscrición e un regulamento para o acceso á carpa.