Novas

12-07-2024 -

O Concello de Fene conmemora o Día da Patria Galega cun emotivo acto institucional

O Monumento Día da Patria Galega -situado no Parque Liñal do Río Cádavo- acolleu este serán o acto institucional co que o Concello de Fene conmemora o Día da Patria Galega. Un evento que puxo fin ao ciclo “Xullo, Mes da Patria”, que nas últimas semanas acolleu unha ampla programación cultural.
O acto contou coa participación de Alexandre Marín; do concelleiro de Cultura, Justo Ardá; e do alcalde de Fene, Juventino Trigo. O fenés Alexandre Marín -fillo do debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín- é actualmente técnico de Cultura no Concello de Culleredo, e foi o encargado de ler a declaración institucional do Día da Patria Galega, na que declarou que “como diría Isolino -en referencia á personaxe creada polo seu pai Xaquín- Galiza ten presente e futuro porque ten pasado, porque ten cultura, ten patrimonio, ten tradición, porque ten unha lingua viva e vizosa e porque ten, por riba de todo, a cada un dos galegos e galegas festexando ser quen son”.
12-07-2024 -

Os clubs de Fene poderán solicitar a partir do luns horas de adestramento de pretempada e tempada 2024-25 nas instalacións deportivas municipais

O luns 15 de xullo ás 8.30 horas abre o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2024/2025 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns. Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2024 -2025, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora. As solicitudes deberán presentarse telemáticamente, na sede electrónica do Concello de Fene.
11-07-2024 -

Acto institucional e festival de habaneiras para pechar o ciclo Xullo, mes da Patria

O venres 12 de xullo, ás 20 horas, comezará no parque liñal do río Cadavo (a carón do monumento Día da Patria Galega) o acto institucional que organiza o Concello de Fene no marco do ciclo Xullo, mes da Patria. Intervirán o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, o fenés Alexandre Marín, técnico de Cultura do Concello de Culleredo e fillo do debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín ao que se lle encargou este ano a elaboración da Declaración Institucional polo Día da Patria Galega, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo. No decurso do acto, haberá unha ofrenda floral e, ao remate, o Tradicoro interpretará o Himno Galego.
09-07-2024 -

Avanzan as obras de mellora en varios viais do entorno do Campo de Fútbol de Perlío

O Concello de Fene iniciou as obras de mellora de varios viais municipais, co obxectivo de mellorar a seguridade e accesibilidade na contorna do Campo de Fútbol de Perlío, cun investimento de máis de 305.000 €. Conflúen na zona no tempo dúas actuacións complementarias previstas pola área de obras, unha e de mellora do Campo de Fútbol de Perlío e camiños de Loira e Carballás, e outra de mellora dos camiños Castro e Beiramar.
09-07-2024 -

Caamaño&Ameixeiras e Grande Amore, protagonistas da penúltima xornada do ciclo Xullo, mes da Patria

O xoves 11 de xullo,a partir das 21.00 horas, actuarán na Praza do alcalde Ramón J. Souto González Caamaño&Ameixeiras, co espectáculo Quitar o aire, e a continuación Grande Amore, presentando o seu último disco II. Dobre sesión musical que organiza a Concellería de Cultura para a penúltima xornada do ciclo Xullo, mes da Patria. A entrada a calquera dos dous concertos será libre e de balde.
08-07-2024 -

Semana grande do ciclo Xullo, mes da Patria

Do martes 9 ao venres 12 de xullo desenvolveranse o groso das actividades programadas no marco do ciclo Xullo, mes da Patria, que organiza a Concellería de Cultura de Fene. A primeira cita da semana será con Peor imposible, de Peter Punk, o martes 9 ás 21 horas na praza do CPS de San Valentín. Trátase dun espectáculo de clown, malabares e humor para todos os públicos. Actividade organizada coa colaboración do CPS de San Valentín e Agadic (Xunta de Galicia).
05-07-2024 -

Peter Punk presentará o seu espectáculo Peor imposible este martes en San Valentín

No marco do ciclo Xullo, mes da Patria, a Concellería de Cultura anuncia para este martes, 9 de xullo, un espectáculo de clown, malabares e humor para todos os públicos. A función, comezará ás 21 horas na praza do CPS de San Valentín e correrá a cargo do coñecido clown Peter Punk. Entrada libre e de balde.
04-07-2024 -

Fene avanza na revisión do PXOM para adaptalo ás novas necesidades

O Concello de Fene está a dar importantes pasos na revisión do seu Plan de Ordenación Municipal (PXOM). Desde o ano 2020 leváronse a cabo varias modificacións urxentes, incluíndo a revisión de cinco núcleos rurais -tres en Magalofes, unha en Sillobre e unha en Maniños- así como un estudo de detalle no Camiño do Regueiro, para aliñar o PXOM coa realidade actual do concello.
04-07-2024 -

Reparto de invitacións para o monólogo de Carlos Blanco, no marco do ciclo Xullo, mes da Patria

A Concellería de Cultura de Fene repartirá este venres, a partir das 10 horas na Casa da Cultura de Fene as invitacións para o monólogo que o humorista Carlos Blanco ofrecerá o vindeiro mércores 10 de xullo, ás 21.30 horas, na Praza do alcalde Ramón J. Souto González. Entregaranse dúas invitacións por persoa adulta até completar o aforo. Actividade organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
04-07-2024 -

O Concello de Fene leva aos Cantaberneiros á Romaría do Camiñante

A tradicional Romaría do Camiñante que organiza a Liga de Amigos de Barallobre celébrase este sábado, 6 de xullo. Como complemento aos actos programados pola sociedade fenesa, a Concellería de Cultura anuncia unha actuación dos Cantaberneiros cos seus Cantos Tabernarios. A función comezará ás 13.30 horas na pista da Liga de Amigos, con entrada libre e de balde.