Novas

05-11-2025 -

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita Fene e comprométese a reclamar o estudo informativo da Rolda Oeste

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Fene, onde mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra Permuy, e membros do equipo de goberno. A reunión centrouse en asuntos que dependen da Administración do Estado e que afectan directamente ao concello, con especial atención á necesidade de impulsar a Rolda Oeste de Fene, unha infraestrutura estratéxica que figura tanto no PXOM de Fene como no Plan de Estradas de Galicia.
O proxecto prevé unha vía de conexión entre o Polígono Industrial de Vilar do Colo, no Rego da Moa, e a entrada principal do estaleiro de Navantia Fene, permitindo acceder desde a AP-9 e a N-651 directamente até o inicio da Ponte das Pías. Trátase dunha actuación clave para resolver os actuais problemas de circulación de mercadorías de gran tamaño, que deben atravesar o casco urbano, provocando molestias ao tráfico e riscos pola presenza de infraestruturas e pasos estreitos.
04-11-2025 -

O Concello de Fene anuncia a contratación dun educador/a social a través do Programa de Garantía Xuvenil. 

A contratación, cofinanciada pola Unión Europea e a Xunta de Galicia, permitirá un período de nove meses de experiencia profesional nun posto de educador/a social.
Esta iniciativa forma parte da aposta do goberno local por fomentar o emprego xuvenil e ofrecer novas oportunidades laborais á mocidade da comarca, ao mesmo tempo que contribúe ao fortalecemento da estrutura administrativa e á mellora dos servizos públicos.
04-11-2025 -

Publicada a convocatoria de subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos de Nadal

As axudas poderán solicitarse dende mañá día 5 de novembro. O Concello de Fene pretende que todos os nenos e nenas, que así o precisen, non pasen estas festas de Nadal sin recibir un agasallo.
04-11-2025 -

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2025

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2025, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 7 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes David Vela, Pablo Prado, Andrés Chinchilla e David García Vivancos recibirán os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
O xurado do XXIX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido o pasado 11 de xullo nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín, acordou por maioría outorgar a David Vela Cervera o 1º premio Curuxa e a Pablo Prado Fernández o 2º premio Curuxa; a Andrés Chinchilla Argibay o premio Curuxa Nova e a David García Vivancos o premio da categoría Caricatura. Ademais, recibiron mención de honra no certame Nuria Hernández Pintor (categoría Curuxa), Lucía Rodríguez Cid (categoría Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo e Asier Sanz (categoría Caricatura).
30-10-2025 -

A Casa da Cultura de Fene acolle este venres ás oito a representación da obra Retrincos de Castelao

Baixo a dirección de Diego Rey, a compañía Artefeito Producións trae a Fene este venres o espectáculo Retrincos de Castelao, unha peza que se adentra “a través do humor, na vida, obra artística e compromiso político de Castelao, un achegamento necesario a esta figura fundamental da nosa historia”. A obra, protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei, represéntase este venres, 31 de outubro, ás 20 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde (apertura de portas ás 19 horas). Espectáculo recomendado para maiores de 12 anos.
Nesta peza, “a partir da chegada de Zeltia ao cemiterio onde Pedro pasa os días, Isabel Risco e Fran Rei fan un divertido percorrido polo traballo e traxectoria vital de Castelao, recreando a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo, un mosaico dunha sociedade e cultura galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces. A través dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade, visitaremos varias historias da obra literaria do xenio de Rianxo, como A Luz, O fillo do Rosendo ou Peito de Lobo, sen esquecer as súas marabillosas viñetas e sempre coa retranca e humor que está presente no seu amplo e variado legado artístico”.
29-10-2025 -

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene

A Concellería de Cultura informa dos cambios previstos para os vindeiros días no horario de apertura e atención ao público das distintas dependencias da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais):
  • Venres 31 de outubro: de 10.00 a 14.15 horas (todas as instalacións abertas) e de 19.00 horas ata fin da función (só para acceso á representación de “Retrincos de Castelao”, no salón de actos)
  • Sábado 1 e domingo 2 de novembro: pechado
  • Luns 3 de novembro: de 10.00 a 14.15 horas
27-10-2025 -

Fene despide o Ano Castelao cun mural e dúas representacións teatrais

“Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Esta frase, recollida do álbum Sempre en Galiza de Castelao, preside o mural que loce desde hai uns días na fachada da Casa da Cultura de Fene. A cita, acompañada da silueta do escritor, debuxante e político, serve para homenaxear a un dos grandes intelectuais do noso país, símbolo da identidade galega e do compromiso coa nosa lingua e cultura.
Atentendo ao chamamento realizado aos concellos pola plataforma social Vía Galega, o goberno municipal de Fene acordou pintar o mural, de 5x3 metros, a carón da escaleira de acceso principal á Casa da Cultura de Fene. Con esta iniciativa, preténdese “poñer en valor a dimensión polifacética de Castelao e o seu pensamento político, filosófico e social, que o converten na figura máis relevante da Galiza do Século XX”.
27-10-2025 -

Máis dun cento de persoas participaron no encontro interxeracional de peche do proxecto Fene 1941

O Concello de Fene celebrou este sábado, na ACRD O Pote de Maniños, o encontro interxeracional de clausura do proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro”, que reuniu a máis dun cento de persoas entre participantes, representantes de entidades, público e membros da corporación municipal.
O acto contou coa presenza da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, quen subliñou que “este proxecto é o abrazo simbólico entre xeracións, entre quen construíron o noso pasado e quen seguen escribindo o futuro de Fene”. A rexedora agradeceu o compromiso das sociedades e das persoas que compartiron os seus recordos, e destacou que “o estaleiro non é só un lugar de traballo, senón un símbolo de identidade, de esforzo e de orgullo colectivo”.
24-10-2025 -

Aprobada a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio 2025

Se na pasada semana asináronse os convenios das Subvencións Nominativas para entidades culturais, deportivas, de ensino e promoción económica; esta semana aprobouse a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio 2025.
Isto é o resultado dunha das prioridades políticas do Concello de Fene: fomentar a participación da cidadanía como xeito de contribuír á democratización da sociedade e impulsar a extensión do uso social do galego, contribuíndo á normalización do seu uso en todos os ámbitos; e dende esta perspectiva, o apoio ao movemento asociativo no seu normal funcionamento e no desenvolvemento das actividades que lle son propias, constitúe un dos piares da actuación municipal.
24-10-2025 -

Clausura do obradoiro de emprego INICIA VIII en Fene

O Salón de Plenos do Concello de Fene acolleu esta semana o acto de clausura do Obradoiro de emprego Inicia VIII. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, estivo acompañada no acto pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, o alcalde de Cabanas, Fernando Couce, a 1ª teniente de alcalde de Mugardos, Ana Varela e o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias.
O Obradoiro Inicia VIII formou durante doce meses a trece mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, cun modelo que combinou formación en aula coa aplicación práctica dos coñecementos adquiridos.