Novas

05-06-2024 -

O Museo do Humor Xaquín Marín acolle este venres a entrega de premios do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Ao redor de sesenta obras compoñen a exposición do II Concurso de Bd de Humor Demo Pequeno que se inaugura este venres, 7 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. A mostra recolle a totalidade dos traballos presentados ao certame que este ano convidou aos rapaces, entre 8 e 16 anos, a debuxar unha historia curta de banda deseñada ou tira cómica, con enfoque humorístico sobre “a revolución tecnolóxica que está a cambiar o mundo”. No acto deste venres, aberto ao público en xeral, entregaranse tamén os premios aos gañadores/as: Diego Noguerol Feijoo (1º premio categoría Infantil), Maia Tato Rodríguez (2º premio categoría Infantil), Ainara Soto Reino (1º premio categoría Xuvenil), e Ana Manso López e Gael Rivas Núñez , do CPR Santa Juana de Lestonnac, Ferrol (2º premio categoría Xuvenil). Tamén haberá diploma e un pequeño agasallo para os finalistas da categoría Xuvenil: Jimena Rivas Garel, do IES Concepción Arenal, Ferrol, e Noa Fachal Bermúdez, do CPI San Sadurniño.
03-06-2024 -

O Concello de Fene “apágase” para concienciar sobre o cambio climático

O concello de Fene xunto con outros 18 concellos e dúas deputacións, todos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade uniranse o vindeiro mércores, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se centra nos ecosistemas terrestres. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, torres e outros monumentos co fin de concienciar ademais sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
31-05-2024 -

Reserva de prazas para as escolas deportivas municipais do Concello de Fene 2024-25

A Concellería de Deportes abrirá o prazo o 10 de xuño para o alumnado matriculado neste mes que queira reservar prazas para o vindeiro curso nas escolas de piscina, pavillóns, kárate e judo. Ésta tramitarase presencialmente no Pavillón da Xunqueira de luns a venres de 8.30 a 14.00 horas e os mércores do mes de xuño, tamén en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas. O alumnado de Fene poderá realizar a súa reserva do 10 ao 21 de xuño e o de fóra de Fene ou de Fene terá de prazo do 24 de xuño ao 3 de xullo.
30-05-2024 -

O Concello de Fene inicia os preparativos das praias para o período estival

O Concello de Fene comezou os preparativos dos areais para o período estival, coa colocación das boias que delimitan o espazo reservado para o baño nas praias de Almieiras, Coído e Río Sandeo. Un peche que suma preto dun quilómetro de costa e ofrece unha banda de até 70 metros mar adentro para que as e os bañistas poidan desfrutar destes espazos en condicións de seguridade.
29-05-2024 -

Unha vintena de escritores e escritoras participarán na I Xornada Literaria no Pote

A Concellería de Cultura organiza coa SCRD O Pote de Maniños e Aetna a I Xornada Literaria no Pote, encontro no que tamén colaboran a Asociación Galega de Escritores e a Imprenta Sanesteban. As escritoras fenesas Mariola Hermida e Matilde Castro participarán nesta actividade que se desenvolverá o venres 14 de xuño, a partir das 19 horas, nas instalacións da entidade de Maniños. A I Xornada Literaria no Pote incluirá unha pequena feira do libro con venda e sinatura de exemplares, coloquio e presentación de novidades literarias.
28-05-2024 -

O Concello de Fene contratará en xullo a cinco persoas con cargo ao PEL 2024

O Concello de Fene contratará no próximo mes de xullo un total de cinco persoas con cargo ao Programa PEL 2024, financiado pola Deputación da Coruña. Catro destas persoas serán peóns/oas que se integrarán nas áreas de obras e servizos para a realización de tarefas de mantemento de espazos públicos e/ou limpeza, mentres que a quinta persoa será un/ha administrativo/a vencellada ao arquivo e biblioteca.
Logo da publicación do proceso selectivo no BOP, o Concello de Fene tramitará ante a oficina de emprego de Ferrol (Esteiro) as ofertas de emprego. Como requirimentos, as persoas a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados nas categorías de peón/a de obras públicas (código 96011029) ou empregada administrativa de arquivos e bibliotecas (código 42101011).
28-05-2024 -

As mulleres de Fene reivindican o dereito a desfrutar dunha vida saudábel

Baixo o lema “A saúde das mulleres é un dereito”, o Concello de Fene está a conmemorar o Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se celebra neste 28 de maio. Coincidindo con esta efeméride, o departamento de Benestar Social e Igualdade organizou unha completa programación de pílulas informativas sobre diversas cuestións relacionadas coa saúde as mulleres, e unha andaina reivindicativa que tivo lugar esta mañá.
Un nutrido grupo de mulleres fenesas sumáronse a esta acción e percorreron esta mañá o camiño entre o departamento de Benestar Social e Igualdade, en San Valentín, e o Concello de Fene, para visibilizar e reivindicar o dereito das mulleres a desfrutar dunha vida saudábel. Ao remate da andaina, a concelleira de igualdade e servizos sociais, Sandra Permuy, deu lectura ao manifesto “A saúde das mulleres é un dereito”, e as presentes compartiron un refrixerio saudábel.
28-05-2024 -

As Escolas Municipais de Piano, Solfexo e Guitarra do Concello de Fene rematan o curso 2023-24

A Concellería de Cultura organiza para este venres, 31 de maio o festival de clausura das escolas de música ás que asistiron ao longo do presente curso escolar vintecinco persoas. O certame comezará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actuará o alumnado de piano e guitarra, interpretando temas clásicos e composicións tradicionais. Festival aberto a tódolos públicos.
28-05-2024 -

La biblioteca de las lectoras valientes protagoniza a derradeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acolle este mércores, de 18.00 a 19.30 horas, a derradeira xuntanza do Club de Lectura da Biblioteca Municipal por este curso. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) comentarán nesta ocasión o libro La biblioteca de las lectoras valientes, de KateThomson.
24-05-2024 -

O Verán Máis Alá! de Fene trasladarase este ano ás instalacións do CPI A Xunqueira de San Valentín

O campus lingüístico de verán que organiza a Concellería de Cultura no mes de xullo non poderá realizarse nas instalacións do colexio Centieiras de Perlío, como figura na ficha de preinscrición e se anunciou inicialmente. A execución este verán dunha serie de obras de reforma que afectarán a aulas e espazos compartidos que empregaban en anos anteriores os/as nenos/as do Verán Máis Alá!, obrigaron ao Goberno Municipal de Fene a buscar un espazo alternativo, optando finalmente polo CPI A Xunqueira. O cambio de ubicación do campamento implicará tamén algún cambio nas actividades ofertadas como a sustitución das sesións na piscina municipal de Centieiras por xogos e actividades deportivas no pavillón da Xunqueira.