Novas

12-05-2026 -

Debuxando con tesoiras

No marco da VI mostra do alumnado Laudas Calamity que se amosa na Casa da Cultura, a escola de arte fenesa e o Museo do Humor Xaquín Marín convidan a nenos e maiores a participar este venres, 15 de maio, na creación dunha obra artística colectiva inspirada na obra de Henri Matisse. O obradoiro, cunha duración aproximada de hora e media, comezará ás 17 horas na sala de exposicíons temporais da Casa da Cultura. Vai dirixido a persoas de todas as idades a partir dos 5 anos (os nenos/as de 5 a 7 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta). Para inscribirse cómpre enviar -antes do venres ás 14.00 horas- un correo electrónico a museodohumor@fene.gal indicando: nome e apelidos, idade e teléfono de contacto.
08-05-2026 -

O Concello de Fene adxudica as obras de mellora da rúa da Fonte por 173.000 euros

O Concello de Fene vén de adxudicar as obras de mellora da rúa Fonte, cun investimento de 173.075,6 euros, nunha actuación considerada estratéxica tanto polo importante número de vivendas existentes na contorna como por tratarse dun dos principais accesos ás praias fenesas do litoral da ría de Ares, especialmente aos areais do Coído e Río Sandeu.
O vial presenta actualmente unha situación de desgaste que fai necesaria a renovación do firme e a mellora das condicións xerais de circulación e drenaxe. O proxecto contempla o mantemento da canalización de augas fecais existente e a mellora da recollida de augas pluviais mediante a instalación dunha nova rede canalizada, composta por colectores de PVC de 250, 315 e 400 milímetros de diámetro, así como os correspondentes pozos e sumidoiros.
06-05-2026 -

A VI Mostra de Alumnos Laudas Calamity resume dez anos de traxectoria e aprendizaxe artística

A Casa da Cultura de Fene acollerá este venres, ás 19 horas, a inauguración da exposición Antes da obra: el entrenamiento, do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity de Fene. A mostra reúne unha selección de exercicios realizados ao longo do curso no centro e, “lonxe de presentar obras finais, pon o foco nos procesos de aprendizaxe que sosteñen a práctica artística”. Ademais, amosaranse obras realizadas con distintas técnicas (pintura ao temple, debuxo, escultura, gravado, cianotipia... e outros formatos contemporáneos).
A VI Mostra de Alumnos Laudas Calamity poderá visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene até o vindeiro 12 de xuño, en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
05-05-2026 -

O Concello de Fene licita obras de mellora en camiños municipais por 69.000 euros

O Concello de Fene sacou a licitación as obras de mellora en diversos camiños municipais, cun orzamento base de licitación de 69.000 euros. Unha cantidade que poderá verse minorado tras o correspondente proceso de adxudicación.
Esta actuación responde á necesidade de intervir na rede viaria secundaria municipal, que presenta en distintos puntos un grao de deterioro de diversa consideración, debido ao paso do tempo, ao tráfico intenso e ás condicións climatolóxicas adversas. Este desgaste resulta especialmente evidente nos tramos máis afastados dos núcleos urbanos consolidados, afectando tanto á comodidade como á seguridade da circulación, tanto rodada como peonil.
04-05-2026 -

O Concello de Fene anuncia unha nova edición do campus Verán Máis Alá

Verán Máis Alá! é un programa dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2014 e 2022 (idades de referencia de 3 a 12 anos) que resida ou estude en Fene. Desenvolverase do 1 ao 31 de xullo dividido en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 e a segunda do 16 ao 31 de xullo, podendo inscribirse nas dúas ou só nunha. Haberá dúas modalidades: Bos días!, con entrada entre as 08.00 e as 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas; e Máis alá!, con entrada ás 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas.
Terán prioridade os/as participantes empadroados/as no Concello de Fene (como mínimo dende o 30 de abril de 2026) sobre os que estudan no termo municipal. Os nenos e nenas que non estean empadroados en Fene ou que non estiveran matriculados no curso académico 2025/2026 nalgún dos centros de ensino do concello non poderán participar no programa.
A matrícula provisional poderá realizarse por medios telemáticos, na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/), desde as 08.00 horas do xoves 28 de maio ata ás 14.00 horas do luns 1 de xuño de 2026. Ou de maneira presencial, no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44, entresollado) do 3 ao 5 de xuño. 
04-05-2026 -

Obradoiro de cómic con Inés Vázquez para festexar o Día dos Museos en Fene

O Museo do Humor Xaquín Marín abre o prazo para apuntarse ao obradoiro de cómic que impartirá a autora de cómic e ilustradora Inés Vázquez (A Coruña, 1993). A actividade, dirixida a mozas e mozos a partir dos 8 anos e persoas adultas, terá lugar no propio museo o luns 18 de maio, a partir das 18 horas. As inscricións, de balde, deberán realizarse enviando un correo electrónico a museodohumor@fene.gal, indicando nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. O número de prazas é limitado (15), cubríndose estas por rigorosa orde de inscrición ate completar o aforo. Actividade organizada co gallo da conmemoración do Día dos Museos 2026.
Estruturado nunha parte teórica e noutra práctica, o obradoiro comezará cun achegamento ao proceso creativo dunha banda deseñada desde cero: guión, storyboard, composición de páxina, así como aos recursos gráficos e narrativos que ofrece este sorporte. 
29-04-2026 -

O XVI Concurso de Tapas de Fene pecha cunha alta participación e xa ten gañadores

O Concello de Fene vén de pechar unha nova edición do Concurso de Tapas de Fene, que rematou cun balance moi positivo tanto en participación como en implicación da hostalaría local, consolidándose como unha das citas gastronómicas destacadas no calendario anual.
No apartado de premios do xurado, a tapa campioa foi “Explosión de carrillada”, do establecemento Arrecendo, mentres que o recoñecemento á subcampioa recaeu en Amarizaflor, do local do mesmo nome.
Pola súa banda, na votación popular, a tapa campioa foi “Taco de mar”, da Cantina da AVV de Limodre, mentres que a subcampioa foi novamente a “Explosión de carrillada”, de Arrecendo, confirmando así a boa acollida desta proposta entre o público.
28-04-2026 -

O Concello de Fene inicia os traballos de aglomerado en diversos camiños municipais

O Concello de Fene iniciou esta mañá os traballos de aglomerado de diversos camiños municipais, unha actuación orientada á mellora da rede viaria e á seguridade da circulación. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, xunto co concelleiro de servizos, Adán Chao, supervisaron o inicio das actuacións, que se están a desenvolver en distintos puntos das parroquias de Perlío e Barallobre.
En concreto, estanse a poñer a punto o vial do Parque Rosalía de Castro e o Camiño da Carqueixa en Perlío, ademais do aparcadoiro da piscina municipal e os camiños da Pomba e O Penedo, en Barallobre.
27-04-2026 -

Santalices. O legado, o espectáculo que está a romper todos os tópicos da música tradicional galega, chega ao Concello de Fene

A SCRD Agarimo de Sillobre acollerá o vindeiro domingo, 3 de maio, ás 18.30 horas, o espectáculo Santalices, o legado, protagonizado por Verónica Santalices e dirixido por Federico Welicki. Trátase dunha montaxe, incluída na campaña FalaRedes da Xunta de Galicia, coa que se pretende render homenaxe á figura de Faustino Santalices Pérez, o máis importante investigador e construtor de instrumentos tradicionais da primeira metade do século XX. Un home que xogou un papel decisivo na preservación da zanfona e na música popular galega.
24-04-2026 -

Aberto o prazo de inscrición para o Obradoiro de Alimentación Saudable que se celebrará o 21 de maio

A Concellería de Deportes de Fene e Aspaneps organizan unha nova xornada informativa, no marco do programa artellado ao redor do Día Mundial da Actividade Física. A cita, impartida pola Escola Galega de Saúde, será o xoves 21 de maio, de 17.00 a 20.00, no salón de actos da Casa da Cultura. Nesta ocasión prográmase un Obradoiro de alimentación saudable, centrándose o encontro en: adquirir coñecementos sobre alimentación que se poidan implementar na vida diaria e coñecer os beneficios dunha boa alimentación. No decurso da charla falarase sobre tipos de alimentos (pirámide alimentaria) e papel dos hábitos alimentarios no crecemento e desenvolvemento, na saúde e na prevención da enfermidade; recomendacións para unha alimentación saudable e etiquetado de nutrición.
O número de prazas é limitado (25) e para asistir cómpre anotarse previamente a través da páxina web municipal www.fene.gal, Concellería de Deportes de Fene (Tfno. 981 340 366) ou da sección de formación do Sergas, facendo click AQUÍ.