Novas

04-03-2019 -

Conclúen os traballos de substitución das ventás e instalación de sistemas antipánico no CEIP Centieiras

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana, xunto ao alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a edil de área, Ana Novo, visitaron o CEIP Plurilingüe de Centieiras para supervisar o remate dos últimos traballos realizados no centro, que contemplaron a renovación dunha boa parte das ventás e máis a dotación de sistemas antipánico nas portas de entrada, saída e máis do ximnasio.
04-03-2019 -

Fene organiza este martes pola tarde unha gran festa infantil e pola noite o baile de Entroido coa actuación de Los Zares

O Concello de Fene organiza mañá martes 5 de marzo unha gran Festa Infantil de Entroido para os máis pequenos da casa. Celebrarase a partir das 17,30 horas baixo carpa na praza do Alcalde Ramón Souto González, polo que a festa está garantizada máis aló de que o tempo acompañe. Estará guiada por La Guagua, que animará a nenos e nenas a tomar parte nas diferentes actividades e xogos propostos. Así mesmo, o Concello ten preparada unha degustación de lambetadas de Entroido para todos eles.
01-03-2019 -

O Concello de Fene convoca a XXIII edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do Humor”

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, anunciou esta mañá a convocatoria dunha nova edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do humor”. Un certame co que Fene busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
01-03-2019 -

Fene habilita prazas de estacionamento máis amplas na avenida do Concello

A concelleira de Seguridade, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que o Concello realizou diferentes traballos de sinalización na contorna da casa consistorial. Así, en primeiro lugar, habilitáronse na avenida prazas de estacionamento máis amplas xa que pasaron dos 2,10 aos 2,40 metros. Así mesmo, os operarios tamén repintaron as dúas prazas reservadas na vía contigua á consistorial para persoas con diversidade funcional e outros tres pasos de peóns sitos na zona. 
01-03-2019 -

Dezasete comparsas participarán este ano no desfile e festival do Entroido fenés

A Canteira, Oje de Ferrol, Paso a Paso, Os argalleiros, A revolta de Trasancos, Os parrandolos, As científicas de Centieiras e Os Scratchados. Son as comparsas que este ano actuarán no festival que o Concello de Fene organiza para o Mércores de Cinza, día grande do Entroido fenés. Previamente, e canda elas, tomarán parte no tradicional desfile de comparsas polas rúas do concello: Os colludos, Troupele troupele, As Xoaniñas de Chao, Colexio Belén, Retrinche mexicano, A comparsa da Semente, Os mecos, Patrulla verde de Domus Vi e Domus Vi. 
27-02-2019 -

Fene vai de Entroido con festa infantil, desfile e festival de comparsas e actuacións de Los Zares e da Orquesta Olympus

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá o programa dos festexos, que se celebrarán martes 5 de marzo e mércores 6 de marzo baixo carpa na praza do Alcalde Ramón Souto González
26-02-2019 -

O Concello elabora e presenta a diferentes convocatorias de axudas proxectos por valor de 594.812,55 euros

O concelleiro de Urbanismo, Formación e Promoción Turística, Juan José Franco, informou onte pola mañá en comisión de que o Concello de Fene vén de presentar a diferentes liñas de axudas públicas ata once proxectos cun investimento de 594.812,55 euros. Deste, solicítanse subvencións por valor de 359.340,071 euros, máis do 60%. Nesta liña, o edil apunta que o obxectivo pasa por recabar fondos procedentes doutras administracións para levar a cabo obras, servizos e programas, conseguindo minimizar o custe para as arcas locais.
26-02-2019 -

A VI Festa Mariñeira e o II Festival das Ondas celebraranse este ano conxuntamente

Barallobre acolleu a pasada fin de semana o acto de presentación da VI Festa Mariñeira e do II Festival das Ondas. Dúas citas, a primeira plenamente consolidada no calendario local e a segunda camiño de facelo, que este ano se celebrarán na mesma xornada, o vindeiro 7 de setembro. Así o avanzou no acto o concelleiro de Promoción Turística de Fene, Juan José Franco, acompañado polo alcalde, Gumersindo Galego, e ante un auditorio, o local da Liga de Amigos de Barallobre, repleto de veciños e veciñas. Coa coincidencia de datas, o edil apuntou que se quere incentivar a asistencia de público nestas accións incluídas no programa municipal “Ven a Barallobre”.
25-02-2019 -

O Concello promove novos cursos de intelixencia emocional para o alumnado dos centros educativos de Fene

A concelleira de Ensino, Ana Novo, explicou esta mañá que, tralo éxito acadado na primeira edición, o Concello decidiu reeditar os cursos de intelixencia emocional para nenos e nenas de Educación Primaria e ESO. Por iso, mañá martes 26 de febreiro, e ata o 5 de marzo, abrirase o prazo de inscrición no programa. Poderá formalizarse en días laborables en horario de 9 a 14 horas no departamento municipal de Ensino do Concello –Avenida de Naturais, 44, entresollado-. O custe da actividade é de 10,90 euros.
25-02-2019 -

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a San Valentín este luns

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase este luns 25 de febreiro a San Valentín. Permanecerá diante da farmacia en horario de tarde –de 15,30 a 21 h- e, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.