Novas

11-04-2019 -

Fene celebra este venres a súa I Gala do Deporte

O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, convida a veciños e veciñas a tomar parte este venres, 12 de abril, na Gala do Deporte de Fene. Terá lugar a partir das 20 horas no local do Agarimo de Sillobre e, coa cita, o Concello quere recoñecer os méritos dos deportistas locais ao longo da tempada 2017/2018. Non só iso, tal e como apunta Bastida, tamén se realizará unha homenaxe a aqueles veciños e veciñas que fixeron historia pola súa intensa labor a favor do deporte no municipio.
 
11-04-2019 -

Ven a Perlío ofrece este sábado os concertos de Polymorfics Band e Arrivederci

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, informou esta mañá das novas propostas do programa municipal “Ven a Fene”. Nesta ocasión, o Concello ofrece varias razóns de peso para achegarse ata Perlío. Alí, no CCRD, este sábado a partir das 20 horas, actuarán os grupos Polymorfics Band e Arrivederci.
10-04-2019 -

O Concello abre o prazo para que os locais de hostalería se apunten ao XII Concurso de Tapas

O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Económica, vén de abrir o prazo de inscrición para participar no XII Concurso de Tapas de Fene. Así, os establecementos de hostalería interesados poden anotarse no Rexistro Xeral do Concello ata o día 17 de abril (incluído).
10-04-2019 -

Preto de 600 estudantes participarán xoves e venres nas Xornadas de Atletismo Divertido do Concello de Fene

Uns seiscentos rapaces e rapazas dos centros educativos de Fene tomarán parte este xoves e venres nas Xornadas de Atletismo Divertido que organiza o Concello a través da Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida. Á vista das condicións climatolóxicas previstas para esta semana, as actividades realizaranse no pavillón de A Xunqueira en horario de mañá, dende as 10,20 horas aproximadamente. O xoves participarán os estudantes de Educación Primaria do Colexio Jorge Juan de Perlío e CPI A Xunqueira, namentras que o venres tomará o relevo o alumnado do CEIP O Ramo, CEIP Centieiras e CEIP Os Casais.
09-04-2019 -

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A Concellería de Cultura de Fene informou esta mañá do cambio de horario da Casa da Cultura (biblioteca, museo e aula de estudo) durante a Semana Santa. Así este sábado 13 e domingo 14 de abril permanecerá pechada; do luns 15 ao mércores 17 de abril, abrirá as súas portas de 10 a 14,15 horas; do xoves 18 ao domingo 21 de abril estará de novo pechada e, o luns 22, abrirá de 10 a 14,15 horas. A partir do martes 23, retomarase o horario habitual, de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas e, os sábados, de 10 a 13 horas.
09-04-2019 -

Musiqueando en Fene

O tempo non acompañou, pero tampouco foi obstáculo para que os alumnos e alumnas do IES Fene saíran do centro esta mañá para ofrecer a veciños e veciñas a súa música no marco da iniciativa Musiqueando, coa que colabora o Concello de Fene a través da Concellería de Ensino. Así, os concertos trasladáronse da praza do Alcalde Ramón José Souto González ao salón de plenos da casa consistorial.

Alí, o alumnado da ESO e do Bacharelato desplegou toda a súa creatividad baixo a dirección da súa profesora Bárbara Mourelo.
08-04-2019 -

Os estudantes do IES Fene sacan o seu talento musical á rúa

Máis dun centenar de alumnos e alumnas do IES Fene sairán á rúa este martes 9 de abril para desplegar todo o seu talento creativo e musical e compartilo con veciños e veciñas. Sobre as 11 horas acudirán á praza do Alcalde Ramón José Souto González, contigua á casa consistorial, para amosar o aprendido nas aulas coa profesora de música Bárbara Mourelo e ofrecer os seus mini concertos. Unha anovadora iniciativa incluída no proxecto “Musiqueando”, co que colabora o Concello de Fene a través da Concellería de Ensino que dirixe Ana Novo.
05-04-2019 -

O Concello inaugura este domingo en Maniños a exposición “I Ruta Indiana”

Continúan os actos da programación “Vén a Fene 2019” que promove o Concello xunto ao tecido asociativo. Este domingo 7 de abril, a partir das 11,30 horas, o local social da SCRD O Pote acollerá a inauguración da exposición “I Ruta Indiana”. Nesta liña, o concelleiro de área, Juan José Franco, apunta que a entrada é libre e gratuíta e convida á veciñanza a secundar a cita.

A mostra recolle unha selección de imaxes fotográficas da actividade, realizada o pasado ano, e a partir do domingo poderá visitarse en horario de 11 a 14 e de 18 a 20 horas, de luns a domingo (agás os mércores) durante os meses de abril e maio.
04-04-2019 -

O Concello convida á veciñanza á presentación do VI Encontro de Lavandeiras

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, informou esta mañá de que o local social da SCRD Agarimo de Sillobre será escenario este sábado 6 de abril do acto de presentación da sexta edición do Encontro de Lavandeiras. Un acto que principiará ás 11 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, incluído no programa “Ven a Fene. Ven a Sillobre” e con entrada libre.
03-04-2019 -

O Concello adquire un vehículo de atestados e con oficina móbil para a Policía

 A Policía Local de Fene contará cun novo vehículo de atestados e oficina móbil. A concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, informou esta mañá da adxudicación do contrato para a súa adquisición por un importe de 46.627,57 euros. Na práctica, este vehículo permitirá ós axentes elaborar in situ os atestados, ofrecendo unha mellor atención á veciñanza e facilitará o traballo que realizan a pé de rúa, axilizando a tramitación.