Cun concerto da Xabier Díaz&Adufeiras do Salitre comezará o vindeiro venres, 8 de xullo, o Ciclo “Día da Patria Galega” no Concello de Fene. O programa, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino, inclúe este ano música, maxia e unha nova edición da Festa da Veciñanza (Xornada de Convivencia Interxeracional). As actividades desenvolveranse dende o 8 ao 14 de xullo na Praza do Concello de Fene con entrada libre e baixo carpa, agás a lectura da Declaración Institucional que se fará, como é habitual, a carón do monumento “Día da Patria Galega”, no parque liñal do Río Cádavo.