Novas

11-08-2025 -

O Concello de Fene avanza na recollida da memoria oral e documental para o proxecto “Fene 1941”

Nas últimas semanas, o Concello de Fene está a desenvolver unha das fases centrais do proxecto “Fene 1941”, coa recollida de documentación e memoria oral vinculada á historia do estaleiro ASTANO e da ría. O proceso inclúe entrevistas e gravacións en vídeo á veciñanza, traballadores e extraballadores, así como a persoas vencelladas ao sector mariñeiro, co obxectivo de preservar e divulgar un patrimonio inmaterial único.
Estas gravacións darán lugar a un conxunto de pezas documentais en formato audiovisual, que se presentarán ao público nos meses de setembro e outubro, xunto co resto de actividades previstas: conferencias, accións nas tabernas, encontros interxeracionais e charlas nos centros educativos.
04-08-2025 -

Presentando o II Trofeo de Fútbol Concello de Fene, que se disputará este sábado no campo da SD Barallobre

O campo da SD Barallobre acollerá este sábado 9 de agosto a segunda edición do Trofeo de Fútbol Concello de Fene, un triangular amigable no que participarán os tres equipos de referencia do concello: Cultural Maniños SD, CCRD Perlío e SD Barallobre. O evento comezará ás 18.30 horas e contará con entrada libre para todas as persoas asistentes.
Na presentación oficial, que tivo lugar no Salón de Plenos municipal, participaron os representantes dos tres clubs: Alfredo Fernández (Maniños), José Augusto Borreiros (Perlío) e Víctor Domínguez (Barallobre), acompañados pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de Deportes, Alba García.
O formato do trofeo será en tres encontros curtos, que se disputarán ás 18.30, 19.30 e 20.30 horas. Os premios consisten en vales para material deportivo: 700 euros para o primeiro clasificado, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro.
01-08-2025 -

Todo listo en Limodre para o arranque do Felicia Pop, co apoio do Concello de Fene

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; e os concelleiros de cultura, Justo Ardá; e de servizos, Adán Chao; visitaron onte á tardiña o recinto do Parque da Hortiña, en Limodre, para supervisar os últimos preparativos da nova edición do Felicia Pop, que arranca hoxe e que converterá Limodre durante dúas xornadas nun referente da música alternativa.
31-07-2025 -

Arrinca a 3ª edición do Perla Mural Fest, que transforma Fene en capital da arte urbana

Fene énchese de cor esta fin de semana coa chegada da terceira edición do Perla Mural Fest, un dos eventos máis singulares do panorama galego, que combina arte urbana, música e participación veciñal. Esta mañá, a alcaldesa Sandra Permuy; a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira; e o concelleiro de servizos, Adán Chao; mantiveron un encontro cos organizadores do festival, Fran Lage e Ramón Pereira, no que pecharon os detalles finais desta nova edición, que comeza oficialmente esta fin de semana.
Estes días Fene será o lenzo de para tres muralistas de proxección internacional: Diego As intervén na Avenida Naturais 25, en Fene; Wedo Goás na Rúa Río Cádavo 9, en Perlío; e David Barrera na Rúa Paralela a San Estevo 11, tamén en Perlío. O traballo destes artistas, amplamente recoñecidos no muralismo contemporáneo, converterá espazos urbanos comúns en auténticas obras de arte a ceo aberto.
Ademais dos murais, o festival inclúe concertos e sesións vermú, estas últimas con entrada libre, que converterán Fene nun punto de encontro cultural e lúdico de referencia. 
29-07-2025 -

O Concello de Fene leva a Familia Caamagno ao Festival Felicia Pop

A piques de comezar o Festival Felicia Pop, que organiza a AC Felicia, a Concellería de Cultura coa colaboración do programa Cultura no Camiño (Agadic-Xunta de Galicia), anuncia para este sábado, 2 de agosto, un concerto de Familia Caamagno. O espectáculo, no que presentarán “O mundo está derrotado”, comezará no Parque da Hortiña ás 13.30 horas, con entrada libre e de balde.
28-07-2025 -

The Shesters Moc Moc, Peter Punk Pallaso e Sempre Arriba no Perla Mural Fest

A Concellería de Cultura de Fene anuncia para esta semana en Perlío tres espectáculos programados ao abeiro da Rede Cultural da Deputación da Coruña e no marco do Perla Mural Fest. A primeira cita será mañá martes na Praza da Escola-AVV Perlío, con The Shesters Moc Moc, levando a escea La Chimba. O mércores o protagonista será Peter Punk Pallaso, con A Chungatrona, actuación que se desenvolverá na Praza Verde, e o xoves actuará o grupo Sempre Arriba na Pista Municipal de Centieiras, con Cést pas possible. Todas as funcións serán ás 20.30 horas con entrada libre e de balde. No caso de choiva, as actuacións dos días 29 e 30 de xullo trasladaranse á pista de Centieiras. 
23-07-2025 -

A deputada provincial de Cultura visita Fene para avanzar na colaboración co tecido asociativo local

A deputada provincial de Cultura, Natividade González, visitou o Concello de Fene, onde mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa, Sandra Permuy; o concelleiro de Cultura, Justo Ardá; e a tamén deputada provincial de Plans, Cristina García. O encontro tivo como principal obxectivo explorar novas vías de colaboración para que as entidades culturais municipais poidan aproveitar ao máximo os recursos e programas provinciais.
17-07-2025 -

O Concello de Fene recibe un importe de 1,3 millóns a través do Plan Único da Deputación

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García, estivo este xoves no Concello de Fene, onde a recibiron a alcaldesa, Sandra Permuy; a concelleira de Obras, María Carmen Martínez, e o primeiro tenente alcalde, Manuel Polo. A visita enmárcase nos investimentos da Deputación neste Concello a través do Plan Único, “a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos, que contan con excesivas e impropias competencias municipais, que dificilmente poden afrontar”, que suman un total de 1.291.171,41€ neste 2025, e que forman parte dos 116 millóns de euros destinados aos 93 concellos da provincia.
15-07-2025 -

O alumnado do obradoiro de emprego ‘Inicia VIII’ mellora espazos públicos de Fene coa instalación de varandas de seguridade

O Concello de Fene vén de destacar o labor do alumnado-traballador do obradoiro de emprego ‘Inicia VIII’, que nestas semanas está a executar diferentes actuacións de mellora en espazos públicos do concello. Entre os traballos realizados atópanse a fabricación e instalación de varias varandas metálicas en puntos estratéxicos de Perlío, Fene e no campo de fútbol de Perlío, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade.
As intervencións enmárcanse nas prácticas profesionais do obradoiro, no que 13 mozos e mozas en situación de desemprego están a recibir formación na especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, un perfil técnico con alta demanda no tecido industrial da comarca.
12-07-2025 -

Os clubs de Fene poderán solicitar a partir do luns horas de adestramento de pretempada e tempada 2025-26 nas instalacións deportivas municipais

A Concellería de Deportes de Fene abre o vindeiro luns, 14 de xullo, o prazo de solicitude de horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol dos Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2025/2026 no campo dos Pinares e nos pavillóns da Xunqueira e O Ramo.
Cómpre que os clubs remitan nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2025 -2026. Deberán cubrir, nos cadros que se xuntan, as horas que interesen, e especificar o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora.