Novas

21-07-2023 -

Acto institucional e concerto coas bandas de gaitas Airiños de Fene e a de Ortigueira para festexar o 25 de xullo

O ciclo Xullo, mes da Patria pecha este sábado 22 de xullo cun programa que arrincará ás 13 horas no parque liñal do río Cádavo, coa lectura da Declaración Institucional polo Día da Patria a cargo da exconcelleira e exdeputada provincial Ana Santiago e cunha ofrenda floral. Pola noite, ás 21 horas subirán ao escenario da Praza do alcalde Ramón J. Souto González Airiños de Fene e a Banda de Gaitas de Ortigueira. Dúas citas con entrada libre e de balde ás que, dende o Goberno Municipal de Fene, animan a participar a toda a veciñanza de Fene e bisbarra.
21-07-2023 -

Xoga ao balonmán no verán

Coa idea de promocionar este deporte,o Club Balonman Pontedeume e a Federación Galega de Balonman, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, presentan a actividade “Xoga ao balonmán no verán” que se desenvolverá durante o mes de agosto na pista municipal de Centieiras. As sesións, totalmente gratuítas, serán os martes, xoves e venres de 9:00 a 11:00 horas e van dirixidas a nenos/as de 6 a 16 anos. Para participar, cómpre anotarse no teléfono 661 70 59 28 ou no correo electrónico balonmanopontedeume@gmail.com
20-07-2023 -

Concertos de Ataque Escampe e Familia Caamagno na Praza do alcalde Ramón J. Souto González

Este venres 21 de xullo, ás 21 horas, será o segundo dos grandes concertos do ciclo Xullo, mes da Patria deste ano. Tralo paso por Fene de Trikitrí e Fillas de Cassandra (xoves 20 ás 21 horas) nesta ocasión subirán ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González os grupos Ataque Escampe e Familia Caamagno. Entrada libre e de balde. Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
20-07-2023 -

Cinco persoas desempregadas de Fene benefícianse este ano do Programa de Integración Laboral PEL Concellos 2023, da Deputación da Coruña

Catro peóns e unha auxiliar de biblioteca asinaron este luns os seus contratos para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral, a xornada completa cunha duración de seis meses. Outras duas peoas traballan xa na área de Servizos desde o pasado mes contratadas a través do programa APROL rural financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade. A Deputación Provincial realiza unha achega de 52000 euros para este programa de fomento da empregabilidade. Os/as beneficiarios/as son catro peóns que reforzan a área de Obras e Servizos desenvolvendo labores de conservación en espazos municipais –mantementos e pequenas obras- ou nos servizos de recollida do lixo e limpeza. Ademais con cargo ao PEL incorporouse tamén unha auxiliar á biblioteca municipal. A relación laboral deste persoal prolongarase ate o 16 de xaneiro do vindeiro ano.
19-07-2023 -

O alumnado do obradoiro Reinicia IX instala novo mobiliario na Casa do Concello de Fene

O persoal que se forma no certificado de profesionalidade de Traballos de Carpintería e Moble do obradoiro Reinicia IX encargouse tanto da fabricación como da montaxe de mobiliario de oficina nas dependencias municipais. Un moble para Alcaldía e outros catro para os departamentos de Intervención, Xestión económica e financiera. Actuación que forma parte da formación práctica que desenvolve o alumnado. O obradoiro Reinicia IX é un obradoiro mixto de emprego e formación, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade e promovido polo Concello de Fene, xunto cos de Ares, Mugardos e Cabanas.
19-07-2023 -

O ciclo Xullo, mes da Patria continúa este xoves cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra

Os feneses Trikitrí, gañadores en 2022 do Certame Runas do Festival de Ortigueira, e Fillas de Cassandra, dúo vigués e unha das formacións de música galega con máis proxección nestes intres, actúan este xoves 20 de xullo, ás 21 horas, na praza do alcalde Ramón J. Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene. O concerto encádrase no ciclo “Xullo, mes da Patria”e a entrada será libre e de balde. Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
19-07-2023 -

Restauración do mural pola paz de Xaquín Marín na fachada do Concello

Tralo repintado do mural “Todos metidos nun bote” (Avda. das Pías), que a Concellería de Cultura promoveu hai un ano no marco das actividades ao redor da exposición antolóxica “Volta á orixe”, un grupo de usuarios/as do Centro Ocupacional de Aspaneps de Fene traballa estes días na recuperación doutro mural da Xaquín Marín, o que se amosa na fachada da Casa do Concello. Trátase dunha obra alusiva ao desarme e en favor da paz. O mural foi pintado orixinalmente no ano 1983, coincidindo coa declaración do termo municipal como “zona desnuclearizada”, o que significaba a “prohibición de autorización para instalación de enxeños nucleares, tanto bélicos como xeradores de enerxía, así como impedir o paso de camións con pezas para estas instalacións”. A actuación sobre este mural esta previsto que remate antes de finais de mes. 
19-07-2023 -

Doazón de sangue en Fene

A unidade móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene este venres e o sábado. Instalarase diante do Centro de Saúde, na Avda. do Tarrío, o venres 21 de xullo, de 15.30 a 21.00 horas, e o sábado 22, de 10.00 a 15 horas. Dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembran que para doar sangue unicamente cómpre ter máis de 18 anos e pesar máis de 50 kg. O momento ideal para facelo é logo de almorzar ou despois de xantar, agardando 2 horas. As persoas que desexen doar sangue deberán achegarse até a unidade móbil coa súa tarxeta de doazón, DNI ou documento similar e, no caso de estar tomando algún medicamento, tamén con informe do seu médico. Máis información en ados.sergas.gal ou no teléfono gratuíto 900 100 828.
18-07-2023 -

O autobús de Generación D, campaña estatal sobre competencias dixitais, recala en Fene

“Únete a la Generación D’, cada día somos más”, a campaña itinerante que impulsa o desenvolvemento das competencias dixitais visita Fene hoxe e mañá, 18 e 19 de xullo, en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.30 h, e o xoves 20 de xullo, en horario de 10.00 a 13:30 h, situándose unha das súas unidades móbiles na Avda do Tarrío (zona Eroski). O autobús inclúe xogos e actividades que permitirán aos/as visitantes afondar nas súas habilidades dixitais, sacarlles partido e coñecer novas ferramentas que lles axuden a melloralas: chamadas e videochamadas, compras online, elaboración dun currículo ou dun album de fotos...
17-07-2023 -

Concertos e acto institucional na derradeira semana do ciclo Xullo, mes da Patria no Concello de Fene

Tralo éxito do espectáculo Aquí tou!, que o monologuista e actor Xosé Antonio Touriñán presentou en Fene este sábado, o ciclo “Xullo, mes da Patria” continúa esta semana cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra, o xoves 20 de xullo ás 21 horas, e Ataque Escampe e Familia Caamagno, o venres 21 de xullo ás 21 horas. O programa concluirá o sábado 22 coa lectura, ás 13 horas, da declaración institucional polo Día da Patria Galega e cun concerto ás 21 horas de Airiños de Fene e da Banda de Gaitas de Ortigueira. Todas as actividades serán -con entrada libre e de balde- na praza do alcalde Ramón José Souto González, agás o acto institucional que se fará, coma sempre, a carón do monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo.