Novas

04-07-2023 -

Os clubs deportivos de Fene xa poden solicitar horas de adestramento de pretempada e tempada 2023-24 nas instalacións deportivas municipais

Xa está aberto o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2023/2024 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns. Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2023 -2024, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora. As solicitudes poderán entregarse: presencialmente, no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Fene, no primeiro andar da Casa do Concello, ou telemáticamente, na sede electrónica municipal.
04-07-2023 -

O humorista Xosé Touriñán actuará na Praza do alcalde Ramón J. Souto González o sábado 15 no marco do ciclo Xullo, mes da Patria

O vindeiro luns, 10 de xullo, ás 10.00 horas, comezará na Casa da Cultura de Fene (Avda. De Conces, 20-22) o reparto de invitacións para asistir ao espectáculo “Aquí tou!” que o actor e monologuista Xose Touriñán presentará en Fene o sábado 15, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural). Entregaranse un máximo de 3 entradas por persoa ata esgotar as localidades dispoñibles. Dende a Concellería de Cultura lembran que a función, prevista para o día 15 de xullo, ás 22 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González -a carón da Casa do Concello- está recomendada para público adulto.
03-07-2023 -

Nova organización do Goberno municipal de Fene

Trala constitución da nova Corporación municipal, froito das eleccións municipais do pasado 28 de maio, o Goberno local de Fene, co alcalde Juventino J. Trigo Rey ao fronte, vén de dar a coñecer a distribución das áreas de goberno para o mandato 2023-27, que se repartiron do seguinte xeito: Manuel Polo Gundín (BNG) estará ao fronte de Urbanismo, Vivenda e Obras; Justo Martínez Ardá (BNG) será o concelleiro de Cultura e Medio Ambiente; Alejandra Permuy Meizoso (BNG) será a de Benestar Social, Servizos, Persoal, Seguridade e Participación Veciñal; Formación e Emprego e o servizo de Radio municipal corresponderán á concelleira Cristina García Moroño (BNG); e Facenda e Patrimonio e Promoción Económica a Mª de los Ángeles Coira López (BNG); como nova incorporación ao Goberno municipal de Fene, o concelleiro Adán Chao Pardo (BNG) estará ao fronte de Xuventude e Deportes; e Igualdade e Ensino corresponderán a Mª Carmen Martínez Rodríguez (EU). 
03-07-2023 -

O ciclo Xullo, Mes da Patria inaugúrase este venres cunha festa infantil a carón da Casa do Concello

A Praza do alcalde Ramón José Souto González será o escenario este venres, 7 de xullo, da primeira actividade do ciclo que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. A festa infantil, a cargo de La Guagua, desenvolverase desde as 18 até as 21 horas e incluirá xogos acuáticos, festa da escuma, batallas con pó de cores, música, xogos xigantes, camas elásticas e inchables de auga. A entrada será libre e de balde. 
29-06-2023 -

O Concello de Fene leva o circo de rúa de Kote Malabar á Romaría do Camiñante

A tradicional Romaría do Camiñante que organiza a Liga de Amigos de Barallobre celébrase este sábado, 1 de xullo. Como complemento aos actos programados pola sociedade fenesa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo de circo de rúa a cargo de Kote Malabar. A función comezará ás 20 horas nos arredores do local da Liga de Amigos, con entrada libre e de balde.
 
29-06-2023 -

Amplíase o prazo de inscrición no programa Mocidade Activa até o venres 30 de xuño

As Áreas de Benestar e Igualdade dos Concellos de Fene, Mugardos e Neda anuncian a ampliación do prazo de inscrición para participar no programa Mocidade Activa, dirixido á rapazada de 11 a 16 anos, no marco do proxecto de prevención de condutas adictivas que están a desenvolver coa colaboración da Consellería de Sanidade. As prazas (10 por grupo) repartiranse entre os catro grupos que se pretenden poñer en marcha: dous en Fene, un en Mugardos e outro en Neda, cunha duración quincenal en cada quenda.
28-06-2023 -

A exposición Pacto Verde Europeo amosarase na Praza 10 de marzo durante a primeira quincena de xullo

A mostra Pacto Verde Europeo do centro Europa Direct da Deputación da Coruña inicia este venres o seu terceiro verán de xira por concellos da provincia co obxectivo de “achegar á cidadanía de maneira didáctica e sinxela os obxectivos e medidas da política medioambiental e climática da Unión Europea”. A exposición pasará en primeiro lugar por Fene, amosándose do 30 de xuño ao 14 xullo na “Praza do 10 de marzo”, en San Valentín. O acto de inauguración terá lugar o vindeiro luns, 3 de xullo, ás 21.00 horas, presentándose durante o mesmo a performance “Europa Verde” con danza, acrobacias e malabares, ao son do himno europeo; así como a grabación dun vídeo. A exposición tamén ten unha dimensión interactiva con "A Aventura do Pacto Verde Europeo", un escape-room virtual destinado á infancia e mocidade, ao que se accede a través dun código QR.
27-06-2023 -

A IV Mostra do alumnado Laudas Calamity xirará sobre a “Arte e trastornos mentais”

Vinte e tres proxectos expositivos compoñen a mostra do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se inaugura este venres, 30 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A exposición ten como obxectivo “sensibilizar aos novos públicos sobre os trastornos mentais, un tema difícil e doloroso sobre o que aínda existen moitos medos, tabús, estigmas...”. Ao redor da mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 16 de agosto, a responsable do Laboratorio, Laura Bouza, anuncia unha charla sobre a “Arte e trastornos mentais” a cargo do profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego. A conferencia será o venres 14 de xullo ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.
26-06-2023 -

Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene anuncia para este domingo, 2 de xullo, a XXIX edición do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín. Un dos grandes atractivos desta nova edición do Día do Deporte na Rúa será, sen dúbida, a tirolina xigante que se instalará durante a fin de semana -desde o sábado 1 até o luns 3 de xullo- nas inmediacións do Centro de Saúde de Fene, na Avda. do Tarrío. O horario da mesma será: o sábado, de 17.30 a 20.30 horas, o domingo, de 10.30 a 14.00 e de 17.30 a 20.30, e o luns, de 17.30 a 20.30 horas.
23-06-2023 -

San Xoán 2023

O Concello de Fene recibiu máis de 250 comunicacións para realizar luminarias na noite San Xoán.