Novas

22-06-2023 -

Recepción municipal ás xogadoras do Maniños e aos xogadores do Perlío recentemente ascendidos

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e membros da Corporación Municipal recibirán esta tarde no Salón de Plenos da Casa do Concello á directiva, corpo técnico e xogadoras do equipo feminino do Cultural Maniños SD, recentemente ascendido a 2ª división autonómica, e á directiva, corpo técnico e xogadores do CCRD Perlío, tralo seu ascenso á 1ª división do fútbol galego e tras gañar a XXII Copa Aficionados Ferrol o pasado domingo. O acto, previsto para as 20 horas, estará aberto á veciñanza interesada en arroupar aos dous equipos feneses polos bos resultados colleitados esta tempada.
22-06-2023 -

XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene convoca, coa colaboración do Concello de Fene, a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame, que naceu para homenaxear a quen fora un dos seus máis renomeados socios, ten como obxectivo premiar un libro de autor inédito en lingua galega, promovendo así a inclusión de novas voces no sistema literario galego.
22-06-2023 -

Xullo, Mes da Patria no Concello de Fene

Cunha festa infantil na Praza do alcalde Ramón José Souto González comezará o venres 7 de xullo o ciclo “Xullo, mes da Patria” que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. O ciclo incluirá o tradicional Festival de Habaneras e Canto Coral (13 de xullo), un espectáculo infantil a cargo de Fantoches Baj (14 de xullo en San Valentín), un monólogo a cargo de Xosé Touriñán (15 de xullo), concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra (20 de xullo) e Ataque Escampe e Familia Caamagno (21 de xullo). O programa concluirá o sábado 22 de xullo coa lectura, ao mediodía, da declaración institucional polo Día da Patria Galega -a cargo da exconcelleira, exdeputada provincial e actual presidenta da AVV de Limodre, Ana Santiago- e cun concerto pola noite de Airiños de Fene e da Banda de Gaitas de Ortigueira. Todas as actividades serán con entrada libre e de balde, agás o monólogo de Touriñán que será gratuíto pero con reserva previa de entradas e aforo limitado.
21-06-2023 -

O Concello de Fene estrea o seu primeiro parque de calistenia

Ubicado en Barallobre, no recinto das pistas de atletismo do Pazo, o primeiro parque de calistenia que pon en marcha a Concellería de Deportes de Fene, xa está a disposición da veciñanza. “Incentivar a realización de actividade fisica pola totalidade da pobobación nas distintas parroquias” e “poñer a disposicións da veciñanza un novo espazo no que practicar este método de adestramento físico no que se traballa co peso do corpo e que cada día gaña máis adeptos”, son os principais obxectivos que se pretenden acadar con esta nova instalación. O Concello escolleu este lugar, próximo ao instituto de Fene, como complemento tamén das instalacións xa existentes na zona, para favorecer que o alumnado teña una zona de esparcemento onde poder realizar actividade física ao aire libre nos seus tempos de lecer.
21-06-2023 -

No verán.... a Mocidade Activa

Área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene abre o prazo para inscribirse nas actividades dirixidas á mocidade con idade comprendida entre os 11 e ata os 16 anos.

Neste espazo dinámico as actividades a abordar, entre outras son: rutas guiadas, obradoiros ao aire libre relacionados co medioambiente, deportes locais, tradicionais e acuáticos, xogos colaborativos, radio, fotografía…. Todo isto abordarase tendo en conta as emocións e necesidades que nos espertan, valorando así o noso benestar a través do uso saudable do ocio.
Ofértanse catro grupos, dous en Fene, un en Mugardos e outro en Neda, cunha duración quincenal en cada quenda.
As prazas están limitadas a 10 persoas por grupo para poder garantir un espazo dinámico e participativo, buscando a interacción.

O período de inscrición está aberto ata o 28 de xuño ou ata que se cubran as prazas por orde de inscrición.

As solicitudes formalizaranse achegando o formulario de inscrición cuberto ao enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal
21-06-2023 -

Exhibición das Escolas Deportivas Municipais este venres no pavillón da Xunqueira

O pavillón da Xunqueira, en San Valentín, albergará o venres, 23 de xuño, a Exhibición de Escolas Deportivas Municipais. Unha cita que comezará ás 17 horas e na que tomarán parte os 370 nen@s e moz@s que, ao longo do curso, asistiron ás actividades deportivas do Concello.
 
20-06-2023 -

Fin de curso do Serán Activo

O concello de Fene dende a concellaría de Benestar social e igualdade, desenvolveu  de outubro a xuño o programa de Envellecemento Activo, no que se enmarca “ SERÁNS ACTIVOS” 

Obradoiros que se realizaron de forma itinerante polas diferentes parroquias do concello, a través das entidades veciñais e culturais, e a igual que o resto de escolas municipais coa chegada da tempada estival chega ao seu fin.
 
20-06-2023 -

Fene estrea este domingo o seu programa de actividades deportivas de verán co Campionato de Fotografía Submarina

O Campionato de Fotografía Submarina de Fene (proba puntuable no Circuito Galego de Fotosub) desenvolverase na mañá do domingo 25 de xuño. Os/as participantes sairán en barco do Peirao de Barallobre ao redor das 9.00 horas e realizarán dúas inmersións: a 1ª, entre as 10.00 e as 11.30 horas, e a 2ª, entre as 12.00 e as 13.30 horas. Como novidade, nesta edición o Concello de Fene oferta 20 prazas para asistir de balde como espectador das inmersións dende a embarcación que servirá de apoio á proba. A saída, desde o Peirao de Barallobre, será o domingo entre as 8.30 e as 9.00 horas, para retornar ao mediodía, entre as 13.30 e as 14.30 horas. As persoas interesadas en apuntarse poderán facelo por rexistro xeral de entrada do Concello até o 21 de xuño ás 23.59 horas.




19-06-2023 -

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, a partir do xoves 22 de xuño (inclusive) e até o vindeiro 10 de setembro (inclusive), o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada. O luns 11 de setembro retomarase o horario habitual da instalación.
16-06-2023 -

O Cafe dos segredos, e a Cafetería Pachamama, gañadores do XIII concurso de tapas de Fene 2023

Por votación popular, a clientela do XIII Concurso de Tapas de Fene elixiu o “Merson da Costa” de O Son de Cociña coa campioa na categoría de tapa tradicional e o “Segredo de mar” do Café dos Segredos como a mellor tapa creativa.

Como subcampioa na categoría de tapa tradicional a clientela elixiu “Un domingo na feira” de Arrecendo e “Lauritaki!!” da Cafetería Lembranza como subcampioa na categoria de tapa creativa.

A elección do xurado profesional coincidiu coa votación popular, na categoria de tapa creativa que otorgou tamén a súa máxima puntuación ao “Segredo de mar”, mentras que na categoria de tapa tradicional a elexida como campioa e “Pito gorgorito á laranxa” do Pachamama.

Tamén houbo coincidencia no segundo posto na categoría de tapa creativa, que ocupou a tapa “Lauritaki!!” da Cafetería Lembranza, namentras que a segunda posición para a categoría de tapa tradicional o xurado optou pola tapa “Mersón da Costa” de O Son de Cociña.