Novas

13-07-2023 -

Alberto Ruíz de Samaniego fala este venres en Fene sobre arte e trastornos mentais

No marco da IV exposición do alumnado do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se amosa este verán no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene, o profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego, impartirá este venres unha conferencia sobre “Arte e trastornos mentais”. A charla será ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.
12-07-2023 -

Cambio de ubicación do espectáculo de Fantoches Baj previsto para este venres

Por mor das previsións meteorolóxicas que anuncian choiva para os vindeiros días, a Concellería de Cultura de Fene anuncia que o espectáculo infantil “Chulises e o velocíclope”, de Fantoches Baj, representarase o venres 14 de xullo na praza do alcalde Ramón J. Souto González (baixo carpa), a carón da Casa do Concello (e non en San Valentín como estaba previsto inicialmente). A cita será a partir das 21.00 horas con entrada libre e de balde.
10-07-2023 -

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras e os espectáculos de Fantoches Baj e Touriñán

A rondalla Perla do Río, do CCRD de Perlío, Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e as corais polifónicas da ACRD o Pote de Maniños e da SCRD Agarimo de Sillobre, xunto co Tradicoro da Asociación Airiños de Fene subirán este xoves, 13 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral. O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo “Xullo, mes da Patria”, comezará ás 20.30 horas na carpa instalada a carón da Casa do Concello. Entrada libre e de balde.
07-07-2023 -

Ximnasia de mantemento ao aire libre para gozar do verán en forma

No marco da programación deportiva estival do Concello de Fene, os arredores do pavillón polideportivo de San Valentín acollen durante os meses de xullo e agosto, os luns, mércores e venres pola mañá, a actividade “Ximnasia de mantemento ao aire libre”. Dirixida a persoas de todas as idades (xa que se parte dun nivel “suave”), con esta actividade física de grupo preténdese que os/as participantes “manteñan ou melloren a súa condición física xeral e pasen un rato agradable practicando deporte cos demais”. O mellor é que non precisa inscrición. As persoas interesadas en sumarse ao grupo de “Ximnasia de mantemento ao aire libre”, unicamente teñen que presentarse no lugar sinalado, no entorno do pavillón da Xunqueira, uns minutos antes do comezo da actividade. As sesións son todos os luns, mércores e venres laborables, de 9.45 a 10.45 horas.
06-07-2023 -

A Mocidade Activa de Fene, Mugardos e Neda xa está en marcha

Este martes botou a andar o programa Mocidade Activa que están a desenvolver as áreas de Benestar e Igualdade dos Concellos de Fene, Mugardos e Ares. A actividade enmarcase nun proxecto de prevención de condutas aditivas no eido local que se realiza coa colaboración coa Consellería de Sanidade. Mocidade Activa vai dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 11 e os 16 anos. Dende os Servizos Sociais de Fene informan de que quedan dispoñibles dúas prazas libres que, no caso de que haxa persoas interesadas en participar, se cubriran por orde de inscrición. As solicitudes enviaranse ao correo electrónico: servizos.sociais@fene.gal
06-07-2023 -

Borja Ramón López Cotelo, Lucía Rodríguez Cid e Iván Mouronte Barreiro son os gañadores do XXVII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor

Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mércores, 5 de xullo, no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXVII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”, o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos), a Lucía Rodríguez Cid o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos) e a Iván Mouronte Barreiro o 1º premio na recén estreada categoría Caricatura (para maiores de 16 anos). Ademais, resultaron finalistas do certame Manuel Arriaga de León (Curuxa), Adrián Jamardo Fernández (Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo (Caricatura). E reciben mención especial polos seus traballos os debuxantes Carles Ponsí Dalfó (Curuxa) e Asier Sanz Nieto (Caricatura). O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Santy Gutiérrez, Manuel A. Vázquez Búa (gañador do 2º premio Curuxa 2022) e Pedro Bouza Bernárdez (gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022).
06-07-2023 -

Entrega de premios do XIII Concurso de Tapas

A concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, a de Seguridade, Alejandra Permuy e a de Igualdade, M.ª Carmen Martínez, fixeron entrega este mércores, no salón de plenos da Casa do Concello, dos 19 premios que se sortearon entre a clíentela que participou no XIII Concurso de Tapas. Os premios para as persoas afortunadas que selaron toda a Fenerruta foron cortesía de: Estrella Galicia (unha viaxe a Londres, Bérgamo, Barcelona ou Málaga), Ecolimpauto (limpeza da tapicería dun turismo) e da Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro (9 vales de 100 euros cada un para consumir en establecementos de hostalería asociados); mentras que os premios para as persoas que cubriron as tarxetas foron cortesía de: Electro Agro Fene (un artigo de decoración), Bodegas Barral (3 estuches de productos), Escola de Música Bellón-Maceiras (un mes de clase en calquera modalidade) e da Imprenta San Esteban (tres libros de cociña). O 78,95% das persoas agraciadas cos premios foron de Fene e o 21,05 % da comarca de Ferrol (Narón, Neda, Ferrol, San Sadurniño).
04-07-2023 -

Santy Gutiérrez, Alejandro Vázquez Búa e Pedro Bouza forman parte do xurado dos Premios Curuxa 2023 que se reúne este mércores en Fene

O humorista gráfico Santy Gutierrez, o gañador do 2º premio Curuxa 2022, Manuel Alejandro Vázquez Búa, e o gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022, Pedro Bouza Bernárdez, forman parte do xurado do XXVII Concurso de Humor Gráfico “Premios Curuxa 2023” que se reunirá este mércores, 5 de xullo, ás 12 horas no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, completarán o xurado o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).
04-07-2023 -

Os clubs deportivos de Fene xa poden solicitar horas de adestramento de pretempada e tempada 2023-24 nas instalacións deportivas municipais

Xa está aberto o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2023/2024 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns. Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2023 -2024, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora. As solicitudes poderán entregarse: presencialmente, no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Fene, no primeiro andar da Casa do Concello, ou telemáticamente, na sede electrónica municipal.
04-07-2023 -

O humorista Xosé Touriñán actuará na Praza do alcalde Ramón J. Souto González o sábado 15 no marco do ciclo Xullo, mes da Patria

O vindeiro luns, 10 de xullo, ás 10.00 horas, comezará na Casa da Cultura de Fene (Avda. De Conces, 20-22) o reparto de invitacións para asistir ao espectáculo “Aquí tou!” que o actor e monologuista Xose Touriñán presentará en Fene o sábado 15, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural). Entregaranse un máximo de 3 entradas por persoa ata esgotar as localidades dispoñibles. Dende a Concellería de Cultura lembran que a función, prevista para o día 15 de xullo, ás 22 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González -a carón da Casa do Concello- está recomendada para público adulto.