Novas

05-09-2023 -

Axudas do Bonobús Universitario 2023-24

A Concellería de Cultura do Concello de Fene ven de informar que nos vindeiros días publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios e de formación profesional que cursen estudos en centros públicos da cidade da Coruña durante o curso 2023.

O programa, que como novidade este ano incorpora a axuda tamén aos estudantes de formación profesional en centros públicos da cidade da Coruña, ten como obxectivo “facilitar o desprazamento diario de luns a venres no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado fenés universitario e de FP durante o curso 2023-2024”. Para información ou consultas relacionadas coa subvención do Bonobús, a veciñanza pode chamar ao teléfono 981 340 366 ou contactar no mail cultura.deportes@fene.gal.
04-09-2023 -

Curso de defensa persoal para mulleres e nenas adolescentes

A Concellería de Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha de novo DOUS CURSOS DE DEFENSA PERSOAL PARA MULLERES, un dirixido a maiores de idade e outro para nenas e adolescentes a partir de 12 anos. Ambos terán unha duración de outubro 2023 a xuño de 2024, en sesións de hora e media, dous días á semana.
01-09-2023 -

A vindeira semana publicaranse as bases para alumnado e profesorado do Obradoiro de emprego INICIA VII que comezará a finais do mes de setembro

O Concello de Fene xunto cos de Ares, Mugardos e Cabanas impartirá, a partir de setembro de 2023, cunha duración dun ano, o obradoiro de emprego INICIA VII subvencionado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, co apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE e do SEPE a través do Programa operativo de emprego xuvenil.

Desde o inicio da súa participación no obradoiro dual de emprego, o alumnado-traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación e aprendizaxe, polo que percibirá unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria.
01-09-2023 -

Despedida despois dunhas Vacacións en Paz

O alcalde de Fene, Juvetino José Trigo Rey, acompañado de integrantes da corporación municipal, persoal de SOGAPS e da familia acolledora, despediron no Salón de Plenos Municipal á nena sahariana que pasou o verán cunha familia de Fene. Acollida grazas ao programa Vacacións en Paz que pon en marcha cada ano a entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
Dende o Concello, aproveitaron o acto para animar ás familias a acoller menores saharianos para o vindeiro ano.
31-08-2023 -

Mañá, 1 de setembro, abre o prazo de inscrición no Espazo de encontro entre mulleres

A Concellería de Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha un novo Espazo para Mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, actividade que se ven desenvolvendo dende o ano 2018 de xeito ininterrompido cun total de dúas edicións por ano.
30-08-2023 -

Horarios adestramento

O Departamento de Deportes publica os horarios de adestramento para a tempada campo de Fútbol Os Pinares e Pretempada pavillón a Xunqueira (do 1 ao 30 de setembro)

Doutra banda, lémbrannos que os prazos para entregar as solicitudes de adestramento da tempada 2023/2024 para os clubes federados de Fene seguen abertos até o 15 de setembro para o Pavillón Polideportivo de A Xunqueira e O Ramo.
29-08-2023 -

Todo preparado para tres días de oportunidades

O 1, 2 e 3 de setembro, 22  establecementos de Fene ofrecerán unha chea de artigos rebaixados e outras oportunidades. Evento organizado pola área de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa asociación de comercio, hostalaría e servizos O Cruceiro.
25-08-2023 -

As citas para apuntarse nas escolas deportivas municipais comezarán a darse o 4 de setembro

A Concellaría de Deportes informa dos prazos de inscricións nas escolas deportivas municipais de Fene. Isto é, o prazo de matrícula presencial estará aberto do 8 ao 21 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As citas poderán solicitarse a partir do 4 de setembro.
22-08-2023 -

As obras do certame de artesanía Antonio Fraguas chegan a Fene

A Casa da Cultura de Fene exhibe dende hoxe as obras que concorreron a XIV edición do certame de artesanía Antonio Fraguas, na súa edición do 2022. A colección está integrada por 25 pezas de disciplinas diferentes como a xoiería, a cerámica, a escultura e a costura.
22-08-2023 -

O mago Dani García actuará no ACRD O Pote de Maniños o domingo 27

O mago Dani García, nado no noso concello, traerá este domingo ao ACRD O Pote de Maniños, un  espectáculo de maxia, de humor, de clown e de inxenio. Un espectáculo inventivo, onde a maxia muda de estética, de ritmo ou de motivación para sorprender co imposible.

Será o 27 de agosto ás 12.30 horas.