Novas

17-04-2023 -

O ciclo Contando Ciencia aborda este xoves o cambio climático en Galicia

A meteoróloga e divulgadora científica Bea Hervella é a protagonista da penúltima sesión do Ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo. O tema a tratar desta vez será o do “Cambio climático en Galicia”.
14-04-2023 -

Pitusa na lembranza

A SCRD O Pote de Maniños acolle este sábado un xantar popular en homenaxe á xornalista fenesa María Xesús Arias, “Pitusa”, falecida hai un ano. O encontro -organizado por amigos e familiares coa colaboración de Radio Fene, O Pote e Concello de Fene- completarase cun recitado de poesía, cartas de amizades, música, etc. Traballadora da emisora munipal do Concello de Fene, Pitusa foi unha das voces dos informativos e de A Fenestra de Radio Fene durante máis de tres décadas. Ademais foi autora de varias publicacións sobre a historia local: “Maniños no Pasado”, “Barallobre no Pasado”, "Perlío no Pasado" e "Fene vai de Antroido"; e coautora do cómic “Galiza acorda. Andrés de Barallobre”.
13-04-2023 -

O Concello de Fene habilita unha nova canle informativa a través do WhatsApp

Trátase dun novo servizo de difusión de novas de interese xeral para a veciñanza como actividades (culturais, deportivas, sociais...), bandos municipais, calendario fiscal, alertas ou situacións de emerxencia, convocatorias, incidencias ou avisos urxentes. A canle é unidireccional e non servirá para atender demandas, queixas ou suxerencias. Polo tanto, non se responderán mensaxes nin se atenderán chamadas neste número de teléfono. Para recibir a información proporcionada a través do novo servizo de Whatsapp do Concello de Fene, as persoas interesadas deberán gardar como contacto no seu dispositivo o número 648 913 528 e, a continuación, enviar un WhatsApp co texto “ALTA FENE”. Unha vez recibida a mensaxe de confirmación de alta no servizo, os usuarios/as comezarán a recibir as mensaxes, até un máximo de dúas ao día (a non ser que existan avisos urxentes). Se nalgún momento, algunha persoa quere darse de baixa, bastará con comunicalo seguindo o mesmo procedemento, enviando unha mensaxe ao WhatsApp co texto “BAIXA FENE”.
12-04-2023 -

A viaxe de volta de Bieito Cupeiro

A filla do mestre e escritor fenés Bieito Cupeiro (Barallobre, 1914 – Bos Aires, 1993) reuniuse esta mañá co alcalde de Fene, Juventino Trigo, e co concelleiro de Cultura, Justo Ardá, aos que solicitou a colaboración do Concello para que traer de volta e que repousen en Fene os restos mortais do seu pai. Aproveitando a súa estadía en Galicia, Marina Cupeiro achegouse a Fene para coñecer a terra natal do seu proxenitor e o paseo que leva o seu nome na ribeira de Barallobre. “O motivo da visita é saldar unha débeda pendente xa que o meu pai en vida non puido voltar e gustaríame que puidera descansar en paz na súa terra de orixe que tanto añorou porque a morriña o perseguiu toda a vida”, afirmou.
11-04-2023 -

Fene, capital do tapeo durante as tres primeiras fins de semana de maio

Os establecementos hostaleiros de todo o territorio fenés volverán ter unha oportunidade de lucir as súas habilidades culinarias durante as tres primeiras fins de semana do mes de maio. E é que os venres, sábados e domingos entre o 5 e o 21 de maio vai desenvolverse o XIII Concurso de Tapas, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo. O certame ten por obxectivo continuar dinamizando o sector co argumento do sabor, a calidade e a aparencia duns petiscos que se servirán ao prezo único de 1,5€.  Os bares e restaurantes do municipio que desexen participar deben presentar a súa solicitude o día 18 de abril como moi tarde, algo que poden facer pola sede electrónica (obrigatorio se se trata de persoas xurídicas) ou presencialmente no rexistro municipal. As bases e o formulario encóntranse aquí
10-04-2023 -

Aberto o prazo de inscrición no XIII Concurso de Tapas de Fene

O Concello de Fene coa finalidade de promover e dinamizar a actividade do sector da hostalería, convoca o XIII Concurso de Tapas de Fene.

Poderán participar todos os establecementos de hostalería do ámbito municipal de Fene, legalmente establecidos  previa inscrición no prazo e forma establecido nas bases aquí publicadas.

Establécense dúas modalidades: Tapa Tradicional e Tapa Creativa, entendéndose como tapa creativa a que utilice productos, técnicas de elaboración ou presentación innovadoras.

Por cortesía de Icook Escuela de cocina, as persoas interesadas que queiran recibir asesoramento para a elaboración da tapa, poden solicítalo antes de inscribirse. 

O prazo de inscrición remata o 18 de abril de 2023.
10-04-2023 -

Desvíos temporais no transporte público polas obras na Avenida das Pías

A Xefatura Territorial da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade informa das solucións para os desvíos temporais nos servizos de transporte público afectados polas obras do Ministerio de Transportes na Avenida das Pías de Ferrol, que surtirán efecto a partires do vindeiro 11 de abril. 
As liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo accederán directamente á AP-9 desde a estación de autobuses.
04-04-2023 -

Andaina por Sillobre o sábado 15 de abril

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Sillobre que organizan a Concellería de Deportes e a SRD Agarimo de Sillobre para o sábado 15 de abril, ás 17.00 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 14 de abril ) no teléfono 630 58 96 35.
03-04-2023 -

O uso problemático da tecnoloxía

O vindeiro 13 de abril, ás 18.30 h, a Casa da Cultura de Fene acollerá unha charla encamiñada a mellorar e complementar a información sobre o uso da tecnoloxía, de maneira precisa e axeitada para previr comportamentos aditivos nas familias.
03-04-2023 -

O Concello de Fene avanza no acondicionamento de varias pistas secundarias

O Concello de Fene ten en marcha un programa de obras financiadas con recursos propios que se están ocupando da reparación de camiños e pistas interiores en distintos puntos do territorio, como complemento dos proxectos viarios principais -sufragados con plans doutras Administracións na súa maioría- orientados ao enlace entre núcleos ou con estradas principais. Ao longo destes días completáronse ou están a piques de executarse un total de 12 actuacións que nuns casos se solventarán con novos firmes aglomerados e noutros con formigón.