Novas

25-04-2023 -

12 establecementos participan no XIII Concurso de Tapas de Fene

Fene converterase durante as tres primeiras fins de semana de maio na capital dos sabores da comarca. E é que os venres, sábados e domingos entre o 5 e o 21 de maio vai desenvolverse a 13ª edición do concurso de petiscos no que este ano se inscribiron un total de 12 establecementos hostaleiros do municipio. Hai dúas categorías: tapa creativa, con catro locais inscritos, e tapa tradicional, coa que se presentan os oito establecementos restantes. Todas elas preparadas con mimo e con produto da máxima calidade procedente do mar e a terra que nalgúns casos se combinan para abraiar os padais máis exquisitos. Tanto os establecementos como o público optarán a unha chea de premios tamén apetitosos.
25-04-2023 -

Xornada sobre a resolución de conflictos

O 8 de maio, ás 18.30 h,  a Casa da Cultura de Fene acollerá unha xornada dirixida ás familias, sobre a resolución de conflitos.

Actuación; impartida por Andrea Bechlian, psicóloga e educadora de disciplina positiva; encamiñada a sensibilizar, mellorar e complementar a información sobre a abordaxe dos conflitos dende a educación emocional e comunicación non violenta, de maneira precisa e axeitada para previr comportamentos conflitivos nas familias.
24-04-2023 -

Andaina por Fene o domingo 30 de abril

Esta ruta por Perlío encádrase no programa “Andainas por Fene” que organiza o Concello coa colaboración de distintas entidades veciñais ou culturais do termo municipal. Trátase de saídas de distintas distancias que se completan en aproximadamente dúas horas  ou dúas horas e media de percorrido, pensadas para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que vai comentando o que se vai vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
23-04-2023 -

A exposición do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica recala en Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle até o vindeiro martes 2 de maio a exposición fotográfica do XVI Premio Luís Ksado que promove a Deputación da Coruña. A mostra recolle os traballos premiados e os finalistas deste certame que no ano 2022 gañou o fotoxornalista Brais Lorenzo cunha serie titulada Lume. Nela cóntase o drama dos incendios forestais, facendo fincapé na traxedia humana que supoñen. Tamén se amosan as obras dos finalistas: Escoria Rebelde, de Fuco Reyes, Europa not welcome, de Sergi Cámara, Máscaras del carnaval gallego. Festival Vibo 2022, de Carlos Ximénez, Paisaje de Inexistencia, de Belén Lozano e Vulcanonautas, de Arturo Rodríguez. A exposición do XVI Premio Luis Kasado poderá visitarse en Fene ate o día 2 de maio no seguinte horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; sábados, de 10.00 a 13.00 horas, e domingos e festivos, pechado.
21-04-2023 -

A Biblioteca Municipal convídanos a festexar o Día do Libro

A Biblioteca Municipal convídanos a festexar o Día do Libro cun espectáculo a cargo de Ghazafelhos Teatro. Será o xoves 27 de abril, ás 18.00 h, na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé.
A entrada é libre con inscrición preciva até completar aforo. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas.
20-04-2023 -

Formación práctica en Carpintaría e Moble para o alumnado do Reincia IX

19-04-2023 -

O Concello de Fene construirá unha pista pump track en Perlío

O pump track é unha disciplina deportiva que nos últimos anos espertou un grande interese entre a mocidade, sobre todo nos ámbitos urbanos. Basicamente consiste nun circuíto que pode percorrerse en bicicleta ou patín utilizando unicamente o impulso do propio corpo, cun trazado que combina pequenas subidas e baixadas que permiten completalo entre saltos e viraxes espectaculares. O Concello de Fene deseñou unha destas pistas enfocada á iniciación e o nivel medio que se construirá en Perlío, nunha parte da parcela que ocupa actualmente o antigo circuíto de coches radio control. O investimento previsto ascende a 48.350 euros e o consistorio agarda cofinancialo cunha achega da Xunta para equipamentos deportivos.
18-04-2023 -

Xogando co atletismo

Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios A Xunqueira, O Ramo, Centieiras, Os Casais e Jorge Juan participarán, entre os días 18, 19 e 20 de abril, nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene.
A actividade esta a realizarse nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre.
18-04-2023 -

O Museo do Humor Xaquín Marín acolle este venres a presentación dun monográfico adicado ao debuxante fenés

A piques de facer 80 anos, Xaquín Marín é, sen dúbida, o humorista gráfico galego en activo de maior constancia das últimas décadas. “Cronista gráfico non oficial da Galicia popular dos últimos 50 anos”, o artista salienta pola súa “obra, con base no compromiso social e nos valores humanistas, que pode lerse como manual da nosa Historia máis recente, como unha viaxe retrospectiva pola nosa propia memoria colectiva como (im)país”. Así o define o seu fillo, Alexandre Marín -que en 2022 comisariou a exposición retrospectiva Volta á orixe- no monográfico X.Marín. O libro, que se presenta este venres en Fene, foi editado polo Museo do Humor coa colaboración da Consellería de Cultura, a través do programa de axudas destinadas a centros museísticos da Comunidade Autonóma de Galicia 2023. A presentación de X.Marín terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene) este venres, 21 de abril, ás 20 horas, con entrada libre. 
17-04-2023 -

Vacacións en paz 2023

O concello de Fene, dende a Área de Benestar Social e Igualdade, súmase un ano máis o proxecto VACACIÓNS EN PAZ da man da Asociación Galega Solidaridade co Pobo Saharaui.
Se estás interesada en ser familia acollledora podes contactar cós Servizos Sociais de Fene.
Se precisas información podes chamar ao teléfono da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí no teléfono 986262637