Novas

17-03-2023 -

O concello instala casetas para a xestión e control das colonias felinas

A concelleiro de Medio Ambiente, Justo Ardá, ven de anunciar a implementación dun programa de xestión e control das colonias felinas, que ten como obxectivo mellorar da calidade de vida dos gatos, diminuír os problemas de superpoboación e promover unha adecuada integración das colonias no concello.

Para elo o Concello instalou recentemente dúas casetas nas colonias felinas na zona urbana de Fene, unha na zona do Eroski e outra pola costa do Calvario. Se o proxecto ten uns resultados adecuados instalaranse máis casetas noutras ubicacións.
13-03-2023 -

Un total de 20 escolares participan no programa Refórzate

O programa dirixido ao alumnado de primaria e secundaria, desenvolverase até o mes de  xuño no CPI A Xunqueira, de luns a xoves, en horario de tarde.

Refórzate, ta e como vimos informando, é un programa que  combina  a atención educativa; mediante sesións de apoio escolar en alumnado con dificultades de aprendizaxe xeneralizada e ou que precisen apoio nas áreas instrumentais;  e o espazo socioeducativo de lecer saúdable; utilizando o uso responsable das novas tecnoloxías, prevención en ludopatias, así como obradoiros de alimentación saúdable entre outros.
 
10-03-2023 -

O Concello pasará a led a maior parte da iluminación pública das parroquias

A Concellaría de Servizos acaba de encargar os traballos para renovar a rede de farois públicos pasándoos a tecnoloxía de led, máis duradeira e aforradora. O investimento total alcanzará os 35.250 euros e suporá o cambio de 165 puntos de luz, cos que o Concello agarda reducir un 75% o consumo eléctrico e rebaixar os custes de mantemento.
09-03-2023 -

Fene prepárase para recibir o sábado 25 a centos de palilleiras chegadas de toda Galicia

O Pavillón da Xunqueira acollerá o próximo 25 de marzo unha nova edición da tradicional Xuntanza de Palilleiras. Un evento que se vén desenvolvendo desde 1996 e que só se viu interrompido nos últimos tres anos por causa da pandemia. Agora, con folgos renovados, a xuntanza arredor dos bolillos agarda sobrepasar o medio milleiro de participantes  procedentes de toda Galicia, aínda que a cifra definitiva de asistentes non se coñecerá até o peche das inscricións, que poden facerse até este venres 10 de marzo a través do 981 492 767. En vésperas de que remate o prazo xa ían anotadas preto de 400 palilleiras e palilleiros pertencentes a unha trintena de agrupacións. O evento contará, ademais, con vinte postos de artesanía e materiais relacionados co tecido.
08-03-2023 -

A Concellería de Benestar Social e Igualdade organiza un curso de mantemento básico de vehículos para mulleres

No marco das actividades organizadas ao redor da conmemoración do Día da Muller, a Concellería de Benestar Social e Igualdade de Fene organiza un curso teórico-práctico de mantemento básico de vehículos, dirixido a mulleres. Dita acción formativa desenvolverase na Casa da Cultura (parte teórica) e pista de Fonte do Campo (parte práctica) os luns e mércores, desde o 27 de marzo ao 8 de maio, en horario de 16.30 a 19.30 horas. Inscricións abertas até o 22 de marzo, chamando ao teléfono dos Servizos Sociais municipais en horario de mañá: 981 492 706. As prazas (12) cubriranse por orde de inscripción, podendo quedar en lista de agarda as persoas que se inscriban logo desas doce primeiras.
08-03-2023 -

San Valentín acolle este sábado o Campionato de Galicia Junior de Judo

Cento cincuenta e catro judokas de 27 clubs de toda Galicia tomarán parte este sábado no Campionato Galego Junior de Judo que organiza a Federación Galega de Judo e D.A. coa colaboración da AD Judo Ferrolterra, Artes Marciais Fene e Concello de Fene. O certame desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 19.30 horas, aínda que o mesmo día en horario de mañá (só para os/as participantes) realizarase a pesaxe, de 13.00 a 14.00 horas. Dende a Concellería de Deportes anímase á veciñanza a asistir como público a este campionato no que se enfrontarán os/as mellores judokas junior de Galicia. A entrega de medallas realizarase ao redor das 19.00 horas.
07-03-2023 -

Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller

8 de marzo é, desde hai máis de cen anos, unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. Máis aínda, nos últimos anos, a forza do feminismo conseguiu desenvolver mobilizacións absolutamente históricas nas que o noso país amosou o seu compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta.

Avanzamos grazas ao inconformismo e á convicción de milleiros de mulleres e de asociacións e grupos de mulleres que contribuíron a facer do feminismo un movemento cada vez máis hexemónico e que defenderon co seu esforzo e mesmo coas súas vidas a conquista de novos dereitos. Mais sabemos tamén que o mundo vive un momento de profundas transformacións sociais e económicas e que historicamente cada crise foi aproveitada polo patriarcado para se fortalecer.

Accede ao manifesto completo aquí
07-03-2023 -

O Grupo Bazán amosa na Casa da Cultura de Fene diferentes XEITOS de ollar, sentir e soñar a través da cámara

Nova exposición na Casa da Cultura de Fene. Do mércores 8 de marzo ao xoves 20 de abril amosarase neste espazo a exposición colectiva “Xeitos”, formada por 34 fotografías de 17 autores vencellados á sección de fotografía do Grupo Bazán. Trátase de: Alejandro Martínez, Antonio Carrete, Bea Rodríguez, Carlos Cruz, Chus Villamar, David Souto, Fer Cendán, Fran Suárez, Gelis López, José Amigo, Luis Losada, Luz González, Marcos García, Miguel Llano, Mónica Lorenzo, Pablo Mauriz e Pepe Botella. A mostra recolle os seus diferentes estilos e miradas, amosando a pluraridade do grupo e reflectindo distintos “xeitos de ollar, sentir, imaxinar, soñar…”
07-03-2023 -

O doutor en Xeoloxía Fran Canosa fala este xoves en Fene sobre “Galicia, un paraíso xeolítico”

O ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, continúa esta semana cunha nova conferencia a cargo do doutor en Xeoloxía e director do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, Fran Canosa. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo.
06-03-2023 -

Exhibición deportiva, representación teatral e curso para conmemorar o Día da Muller en Fene

O Concello de Fene conmemora ao longo desta semana o Día da Muller. As actividades comezarán esta tarde, ás 19:30 horas, na pista polideportiva municipal de Centieiras, cunha exhibición de judo feminino a cargo do Club Artes Marciais Fene. Mañá martes, ás dez e ás doce e media, representarase na Casa da Cultura o monólogo "Golpes" (con temática sobre a violencia de xénero) para a rapazada do IES de Fene e do CPI A Xunqueira. Ademais, dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade anuncian un obradoiro de mecánica básica para mulleres (do que se achegará máis información en datas próximas).