Paso a paso, Os Colludos, Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, Os contos da Anpa Belén, Scratchados de Fene, A Canteira, Os Parrandolos, Os xogos de Centi, A Revolta de Trasancos, Os Fitipanthers, Santa Compaña e Oje Ferrol. Son as agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que organiza a Concellería de Cultura para o mércores de cinza, día grande do Entroido fenés. Para facilitar a organización do pasarrúas e interromper o menos posible o tráfico, nesta ocasión as comparsas concentraranse na pista do CCRD de Perlío ás 17.30 para iniciar o desfile que concluirá na praza do alcalde Ramón José Souto González. Pero a xolda comezará en Fene xa o día anterior, o martes de Entroido, cunha festa infantil, reparto de lambetadas e verbena.