Novas

06-06-2018

A Casa da Cultura de Fene acolle a exposición fotográfica colectiva “Tempo”

A mostra, inaugurada o pasado sábado, pode visitarse ata o 15 de xuño de lunsa venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 horas


06-06-2018

A totalidade das prazas de “Verán máis Alá!” cubriranse con familias empadroadas en Fene

No primeiro día de preinscrición no programa municipal “Verán máis Alá!”, a Concellería de Cultura recibiu ata media mañá 150 solicitudes, co que a día de hoxe 30 persoas están xa en lista de agarda á espera do reaxuste que se poida realizar polas matriculacións por quincenas. Nesta liña, a concelleira de área, Rocío Bértoa, sinala que a lista de agarda aínda pode aumentar, xa que o prazo reservado para a veciñanza de Fene continuará hoxe ata as 19 horas e mañá xoves. Así as cousas, apunta que o Concello vese na obriga de non abrir o prazo de matriculación para veciños e veciñas doutros concellos, xa que non vai haber prazas. Inicialmente, ese trámite agora descartado estaba fixado para o venres. Así, as 120 prazas por quincena cubriranse con nenos e nenas empadroados no municipio.
05-06-2018

O Concello abre este mércores a inscrición no programa municipal “Verán máis Alá!”

O Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, abrirá este mércores e xoves o prazo de inscrición no programa “Verán máis Alá!”, que se celebrará do 2 ó 27 de xullo no CEIP Centieiras para nenos e nenas nados entre os anos 2006 e 2014 e que cursen estudos de Educación Infantil e Primaria. As familias de Fene interesadas en optar a unha das 120 prazas por quincena que oferta o Concello deben anotarse no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida Naturais, 44 entresollado dereita). O mércores 6 de xuño poden facelo de 8 a 19 horas e o xoves 7 de xuño de 8 a 14 horas. Así mesmo, e de quedar algunha praza vacante, o programa abrirase a veciños doutros concellos, que poderán formalizar o trámite o venres 8 de xuño de 8 a 14 h.
01-06-2018

Fene inaugura este sábado a exposición fotográfica colectiva “Tempo”

Carmen Carballada, María Fernández, María Seage, Malena Carballo, Martina Barcia, Irene Expósito, Suso Piñeiro, Javier Fariñas e José Fonticoba asinan as obras da exposición fotográfica colectiva “Tempo” que se inaugura este sábado, 2 de xuño, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor. O acto dará comezo ás 12 horas e estará presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, acompañado da concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, e a el está convidada toda a cidadanía.
29-05-2018

A Casa da Cultura acolle este mércores o Festival de Fin de Curso da Escola de Piano

A concelleira de Cultura, Rocío Bérta, informou de que mañá mércores celebrarase o Festival de Fin de Curso da Escola Municipal de Piano. Terá o salón de actos da Casa da Cultura como escenario e dará comezo ás 18 horas con entrada libre e de balde ata completar aforo.
28-05-2018

O Concello ofrece 120 prazas en “Verán máis Alá!”, un programa de conciliación da vida familiar e laboral centrado no ocio educativo

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá que o Concello reeditará do 2 ó 27 de xullo “Verán máis Alá!”. A edil explica que con este programa o Concello quere contribuír á necesaria conciliación do traballo fóra da casa eo coidado dos fillos menores por parte das familias de Fene  durante as vacacións escolares. Así mesmo, puxo en valor o carácter didáctico de “Verán máis Alá!”: “non se trata tan só dunha alternativa de lecer para nenos e nenas, senón que as actividades que realizarán profundizan nuns valores e ensinanzas, neste caso, en torno ó recoñecemento da diversidade a partir da propia identidade. De aí o lema que acompaña o proxecto: “Somos diferentes, somos iguais”. E todo isto, no idioma propio.
28-05-2018

Festival de Fin de Curso do alumnado da Escola Municipal de Guitarra este luns na Casa da Cultura de Fene

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá este luns, 28 de maio, o Festival de Fin de Curso do alumnado da Escola Municipal de Guitarra. Será a partir das cinco da tarde, con entrada libre. Nesta liña, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida á veciñanza a acudir á cita e desfrutar dunha tarde coa mellor música.
16-05-2018

Fene celebra o Día dos Museos cunha visita á mostra Retrospectiva guiada por Beatriz Seijo e o monólogo “Anecdoloxía” de Oswaldo Digon

O Concello de Fene celebra este ano o Día Internacional dos Museos por partida doble. Segundo explica a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, será este venres, coincidindo coa efeméride. Na Casa da Cultura, ás 18 horas está prevista unha visita á exposición “Retrospectiva”, guiada pola propia pintora Beatriz Seijo. A participación é libre, sen necesidade de inscrición previa.
15-05-2018

O Concello de Fene convida ós máis pequenos da casa a disfrutar este mércores dos Babacontos con María Victoria Moreno

No marco da programación cultural deseñada polo Concello de Fene para conmemorar o Día das Letras Galegas 2018, a Casa da Cultura acollerá mañá mércores o espectáculo “Babacontos con María Victoria Moreno”, a cargo da narradora e actriz María Larraitz. Será a partir das 18 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Trátase dun espectáculo dirixido especialmente a nenos e nenas de 3 a 10 anos, e inclúese no programa “Cultura no Camiño”.
14-05-2018

Aberto ata o 31 de maio o prazo de presentación de obras ó XXII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do humor”

O Concello de Fene lembra que o prazo de presentación de traballos ó XXII concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” pecharase o vindeiro 31 de maio ás 23,59 horas e anima á participación no certame, co que Fene busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.