Novas

25-06-2025

A Casa da Cultura de Fene acolle este venres a inauguración da V Mostra do alumnado Laudas Calamity

A quinta edición da mostra do alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity de Fene titúlase A Bela e a Morte e recolle vinte e catro proxectos artísticos desenvolvidos por estudantes de distintas idades ao redor dos conceptos da beleza e a morte. A exposición abre ao público e inaugúrase este venres, ás 18 horas, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura e poderá visitarse até o 15 de agosto en horario de luns a venres, de 10 a 14.15 horas.
25-06-2025

O ciclo “Xullo, mes da patria” trae este verán a Fene aos grupos Ulex e De ninghures

Cunha festa infantil a cargo de La Guagua botará a andar o venres 4 de xullo, ás 17.30 horas, o ciclo “Xullo, mes da Patria”, organizado pola Concellería de Cultura de Fene. Nesta primeira cita, dirixida aos máis pequenos da casa, haberá inchables, xogos de auga e animación na Praza do alcalde Ramón José Souto González, escenario de boa parte das actividades. Ese mesmo día pola mañá, a partir das 10.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións para asistir ao espectáculo que ofrecerá o monologuista Federico Pérez o mércores 9. Entregaranse dúas entradas por persoa adulta até completar o aforo.
16-06-2025

Sinaladas, un percorrido pola loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión

Baixo este título, a Deputación Provincial da Coruña trae a Fene na segunda quincena do mes de xuño a exposición “Sinaladas” que pon o foco nos cen anos de historia en que as mulleres deron a batalla para conseguir mellorar a súa vida e a súa xente. “Pelexaron polo pan pero, sobre todo, por ocupar o seu espazo no país e no relato”, afirman desde o organismo provincial. A mostra, fomada por trece estructuras con paneis informativos e fotografías, poderá visitarse desde o martes 17 até o domingo 29 de xuño na praza do alcalde Ramón J. Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene. A inauguración, prevista para este martes, ás 12.00 horas, contará coa presenza das deputadas provinciais de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, e da de Atención aos Concellos e Plans, Cristina García Rey, xunto coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá.
11-06-2025

Do 16 de xuño ao 14 de setembro cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais). Así, a partir do luns 16 de xuño e até o vindeiro 14 de setembro (inclusive), o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada. A partir do luns 15 de setembro retomarase o horario habitual da instalación.
11-06-2025

Listado admitidas/os e lista de agarda Verán Máis Alá 2025

Unha vez aplicados os criterios de baremación establecidos nas bases, a Concellería de Cultura de Fene vén de adxudicar as prazas do campamento lingüístico e de conciliación Verán máis alá! As nenas e nenos que non obtiveron praza, quedan en lista de agarda. No caso de que se produzan baixas trala publicación da listaxe, contactarase coas familias suplentes para cubrir todas as prazas.
A partir do xoves día 12 de xuño, enviaranse as cartas de autoliquidación para as persoas admitidas. O prazo para aboar a cota será do 13 ao 19 de xuño de 2025.
09-06-2025

Fene acollerá este venres a II Xornada Literaria no Pote

Unha pequena feira do libro, con venda e sinatura de exemplares, coloquio e presentación de novidades literarias. Son os principais atractivos da II Xornada Literaria no Pote que se desenvolverá o venres 13 de xuño, a partir das 18 horas, nas instalacións da entidade de Maniños. O encontro, no que tomarán parte máis dunha vintena de autores e autoras, está organizado pola Concellería de Cultura de Fene, a SCRD O Pote e Aetna, coa colaboración da Asociación Galega de Escritores, Imprenta Sanesteban e Eroski.
02-06-2025

A II Xornada Literaria no Pote reunirá en Maniños a máis dunha vintena de escritores e escritoras

A Concellería de Cultura organiza coa SCRD O Pote de Maniños e Aetna a II Xornada Literaria no Pote, encontro no que tamén colaboran a Asociación Galega de Escritores, Imprenta Sanesteban e Eroski. A escritora, actriz e contacontos fenesa Paula Carballeira e a gañadora do Premio Xerais 2024, Marta Villar, serán dúas das protagonistas desta actividade que se desenvolverá o venres 13 de xuño, a partir das 19 horas, nas instalacións da entidade de Maniños. A II Xornada Literaria no Pote incluirá unha pequena feira do libro con venda e sinatura de exemplares, coloquio e presentación de novidades literarias.
30-05-2025

O alumnado e profesorado do Ceip Plurilingüe de Centieiras presenta a súa exposición Transformarte na Casa da Cultura

O vindeiro luns, 2 de xuño, inaugúrase na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22) a mostra de artes plásticas Transformarte, unha exposición que xorde do “proxecto documental integrado sobre arte” que promoveu o colexio Centieiras neste curso. O acto terá lugar ás 10.00 horas e contará coa presenza dunha representación da comunidade educativa do centro xunto co concelleiro de Cultura, Justo Ardá. Transformarte poderá visitarse até o vindeiro 12 de xuño en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Entrada libre.
27-05-2025

Festival das Escolas Municipais de Piano, Solfexo e Guitarra do Concello de Fene para pechar o curso 2024-25

A Concellería de Cultura organiza para este venres, 30 de maio o festival de clausura das escolas de música ás que asistiron ao longo do presente curso escolar vinte e oito persoas. O certame comezará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actuará o alumnado de piano e guitarra, interpretando temas clásicos e composicións tradicionais. Festival aberto a tódolos públicos. Entrada libre.
26-05-2025

A Concellería de Cultura de Fene colabora cos colexios Centieiras e Os Casais para que o alumnado asista este martes ao Correlingua

Uns 240 mozos e mozas feneses acudirán este martes, 27 de maio, á Festa Correlingua de Ferrol, evento organizado pola Asociación Cultural Correlingua coa colaboración da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, xunto coas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e varios concellos. A Concellería de Cultura de Fene sufragará o transporte do alumnado e profesorado dos dous centros de Fene que se inscribiron, asistindo por parte do Ceip Centieiras cento sesenta e catro persoas e, por parte do colexio Os Casais, setenta e dúas. A cita terá lugar no Auditorio Municipal de Ferrol en dúas quendas (de 10.00 a 11.00 e de 12.00 a 13.00 horas) e será conducida pola actriz e humorista Isabel Risco.