Novas

26-12-2023 -

Fene avanza nas obras de mellora do firme no Camiño do Redondo

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, visitaron as obras de mellora do firme que o Concello de Fene está a executar no Camiño do Redondo, na parroquia de Magalofes, consistentes na mellora e adaptación do firme para incrementar a seguridade e accesibilidade do mesmo.
26-12-2023 -

As bailarinas de Gloria López recalan na Casa da Cultura de Fene

Este venres, 29 de decembro, ás 12.30 horas, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición “Mujeres envueltas en poesía”, de Gloria López. Trátase dunha mostra de pintura na que as protagonistas son as “bailarinas”, personaxes que sempre chamaron a atención da artista “pola súa beleza, dificultade e sacrificio”. A exposición complétase cunha serie de poemas, inspirados nas pinturas. “Mujeres envueltas en poesía” permanecerá na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura até o vindeiro 30 de xaneiro. Poderá visitarse ao longo do Nadal en horario de mañá, de luns a venres (agás festivos), de 10.00 a 14.15 horas. E, a partir do 8 de xaneiro, o horario será de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
22-12-2023 -

O martes 26 de decembro Fantoches Baj contará “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” na Casa da Cultura

Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. No encontro co público, conta a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido fiando diferentes historias que aprendeu dos habitantes que atopou polo camiño. Con este punto de partida, Fantoches Baj relatará en Fene “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” o vindeiro martes, 26 de decembro, ás 12 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. Sesión dirixida ao público familiar (recomendada para maiores de 5 anos). A entrada será libre e de balde, sen reserva, até completar aforo. Actividade incluída no programa “Nadal en Rede”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
21-12-2023 -

Comeza o Obradoiro dual de emprego Reinicia X

Esta semana deu comezo o Obradoiro dual de emprego Reinicia X, promovido polo Concello de Fene, xunto cos concellos de Ares e Mugardos. Conta con dúas especialidades, e nel participan un total de 20 alumnos/as traballadores/as, 10 por cada especialidade.
14-12-2023 -

Nova edición do Programa Integrado para o Emprego de Galicia dirixido a mulleres desempregadas de Fene, Narón, Neda, Cabanas, Ares, Mugardos, Cedeira e Valdoviño

A Xunta de Galicia vén de conceder á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, financiado pola administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal con 220.000 €. O programa vai dirixido a mulleres en situación de desemprego inscritas na correspondente Oficina de Emprego e empadroadas nos Concellos de Fene, Cedeira, Valdoviño, Narón, Neda, Cabanas, Ares ou Mugardos. As persoas interesadas en participar (que estean debidamente inscritas como demandantes de emprego) poden ampliar información contactando co equipo técnico do programa nos seguintes números de teléfono 613 10 85 35 / 613 10 85 30 ou ben no enderezo de correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es.
 
14-12-2023 -

Fene prepara un Plan de Acondicionamento de Beirarrúas que chegará a todas as parroquias

O Concello de Fene está a ultimar os detalles do Plan de Acondicionamento de Beirarrúas que comezará a comezos de ano, e que chegará a todas as parroquias co obxectivo de amañar as beirarrúas cunha duración duradeira. Executarase empregando medios propios e operarios municipais, mediante a aplicación da técnica do formigón impreso.
 
 
14-12-2023 -

XXI Festival de Panxoliñas Concello de Fene no CCRD de Perlío

Terá lugar este sábado, 16 de decembro, ás 20.00 horas, nas instalacións do Casino de Perlío. Contará coa participación da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Coral Polifónica O Pote de Maniños, Tradicoro, Rondalla Estrelecer e Rondalla Perla del Río. Entrada libre e de balde, sen reserva previa.
13-12-2023 -

Contos e cantos con Vero Rilo e Luís Iglesias este venres na Casa da Cultura

“Cacho animalada” é o espectáculo de narración oral que este venres, ás 18 horas, presentan na Casa da Cultura Vero Rilo e Luís Iglesias. A función vai dirixida a público infantil e familiar, con entrada libre e de balde ate completar o aforo. En “Cacho animalada” a narradora Vero Rilo acompáñase desta vez da guitarra, da voz (e outros trebellos) do multifacético Luis Iglesias. Xuntos aventúranse nun camiño diverso, transitado por contos da nosa tradición oral, versións libres e revisitadas dos Contos de Fadas de Ángela Carter, contos de autoría que xa son clásicos da literatura e álbum ilustrado infantil… Todo o repertorio vai da man da música, da alegría, dos animais e, por que non?, de certas animaladas…
11-12-2023 -

A segunda conferencia do ciclo Contando Ciencia xirará este xoves en torno á “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”

A doutora en Medicina Inés Sánchez Sellero é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A conferencia, que leva por título “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”, terá lugar este xoves, 14 de decembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
11-12-2023 -

O espectáculo “Cucú, musical para bebés” inaugura este xoves a programación cultural de Nadal

Ás 16 horas deste luns 11 de decembro abre o prazo para apuntarse ao espectáculo “Cucú, musical para bebés” que María Faltri e Jorge Juan presentarán o xoves 14 de decembro, ás 18 horas, na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé. A función está dirixida a nenos/as de ata 4 anos e o aforo é limitado. Inscricións na propia biblioteca ou por teléfono (981 34 23 02) do 11 ao 13 de decembro en horario de apertura da instalación, de 16.00 a 21.00 horas.