Novas

26-01-2023 -

Fene vai de entroido

Abre o prazo de inscrición para as comparsas que queiran participar no desfile e festival que terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González o mércores 22 de febreiro, no marco do Entroido fenés. As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo até as 14.00 horas do mércores 15 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello e optar ás axudas que establece o Concello de Fene (bases publicadas nos enlaces achegados) para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.
26-01-2023 -

Costas e o Concello colaborarán na reparación

Os temporais de vento e chuvia das últimas semanas provocaron ducias de incidencias en toda a comarca e, no caso de Fene, as máis reseñables foron o rebordamento do Cádavo e a caída de árbores e pólas en distintos puntos do territorio. Porén, malia termos un tempo máis calmado, os efectos de tanta auga como caeu seguen deixándose notar. E para exemplo o desprendemento de terra que se produciu hai escasos días na ribeira de San Valentín, interrompendo o paso pola pasarela de madeira e incluso danando a súa  estrutura. A reparación, pendente de cuantificar, será asumida pola Demarcación de Costas, mentres que o Concello se fará cargo da corta de varias árbores que ameazan con caer sobre o paseo.
25-01-2023 -

Espazo de Encontro e Apoio Emocional Entre Mulleres

A Área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene abre o prazo de inscrición no proxecto INDIRA. Un proxecto por e para todas as mulleres de Fene que desenvolvese a través de encontros semanais, nos que abordaranse diferentes temas e actividades relacionados cas relacións persoais, autocoidado, sexualidade e saúde feminina, intelixencias múltiples, emocións, violencia de xénero, etc.
24-01-2023 -

Prevención de condutas aditivas no obradoiro de emprego

No marco do proxecto de prevención de condutas aditivas que a Concellería de Benestar Social e Igualdade de Fene desenvolve, conxuntamente coa agrupación de concellos de Neda e Mugardos, o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Reinicia IX asistiu nos últimos días a dúas sesións informativas sobre as adiccións, consumo de substancias e comportamentos aditivos. O obxectivo de ditas accións formativas, foi “informar para axudar a entender as características xerais das condutas aditivas, as súas implicacións na sociedade e desterrar prexuízos, así como establecer un maior coñecemento nesta materia”. O proxecto encádrase no programa “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade.
23-01-2023 -

A escritora Arantza Portabales asiste este mércores a un novo encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene

Sobre o libro “Beleza vermella” versará o terceiro encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, que terá lugar o mércores 25 de xaneiro, de 18.00 a 19.30 horas na aula de estudo da Casa da Cultura. Once persoas están a participar nesta actividade que contará esta semana coa presenza da autora, Arantza Portabales. A novela, Beleza Vermella, “xira en torno a un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Unha instalación de vangarda. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Todo o cuarto cuberto uniformemente co sangue da vítima. Será que matar pode ser unha forma de arte?” Seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime. Polo medio, paixón sen control e un manexo da intriga que fai desta autora unha das voces cruciais da novela negra galega contemporánea.
 
20-01-2023 -

A Concellaría de Servizos Sociais de Fene presenta o Plan Municipal de Implementación dos ODS

O Concello de Fene aprobou recentemente por resolución da Alcaldía o Plan de implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU dentro da Axenda 2030. O documento, promovido pola Concellaría de Servizos Sociais coa participación do tecido social, político e educativo do municipio, pretende ser unha guía de actuación tanto para o consistorio como para a veciñanza de cara a cumprir eses 17 obxectivos mundiais cos que se perseguen dúas fins intimamente ligadas: frear o cambio climático e construír unha sociedade máis xusta. 
17-01-2023 -

O Pleno de Fene aproba por unanimidade a modificación puntual do PXOM para delimitar cinco novas zonas de núcleo rural

A Corporación do Concello de Fene reuniuse esta mañá nunha sesión extraordinaria do pleno municipal que levaba como único punto na súa orde do día a votación da aprobación provisional da modificación puntual do planeamento urbanístico de cara a ampliar o solo de núcleo rural nos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro, nas parroquias de Magalofes, Sillobre e Maniños. A proposta do grupo de goberno, aprobada por unanimidade, ofrecerá a posibilidade de construír ata 180 vivendas unifamiliares, ademais de contemplar usos terciarios para a posta en marcha de pequenos negocios. Para o titular da área de Urbanismo, Manuel Polo, a aprobación plenaria supón "un importante avance no desenvolvemento urbanístico de Fene mentres seguimos traballando nun novo planeamento".
17-01-2023 -

Máxima alerta de nivel vermello para o litoral coruñés

Perante a situación de alerta vermella no litoral coruñes provocada polo temporal que azouta Galicia neste martes 17 de xaneiro, o Concello de Fene acordou o:

🔴Peche de parques infantís e pistas polideportivas municipais exteriores
🚳 Prohibición de realización de actividades ao aire libre

Ademais, para evitar riscos, recomenda:
➡️ Evitar achegarse a zonas perigosas (paseos marítimos, diques, rompentes, praias, cantís...)
➡️Alonxarse de cornisas, muros, árbores ou valos publicitarios.
➡️Retirar, como medida de carácter preventivo nos fogares, macetas e todos aqueles obxectos que sexan susceptibles de precipitarse á rúa por mor do vento e a choiva.
➡️Na estrada, agarrar con forza o volante, evitar os adiantamentos e asegurar a carga que se transporte no vehículo
➡️Respectar os cordóns de seguridade e as indicacións das forzas de seguridade
➡️Permanecer na casa (a ser posible)
🆘E, perante calquera incidencia, chamar ao 1️⃣1️⃣2️⃣
Mantéñanse informados no 112 axega
16-01-2023 -

O doutor en Medicina Ángel Carracedo abre unha nova quenda de conferencias do ciclo Contando Ciencia

Sobre “A medicina xenómica” xirará mañá martes, ás 19.00 horas, a primeria sesión do ciclo “Contando Ciencia” en 2023. O programa, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación en xeral. “Contando Ciencia” desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves (ou martes) ao mes, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Logo desta primeira charla, protagonizada polo doutor en Medicina da USC, Ángel Carracedo, os vindeiros convidados ao ciclo serán: Carmen García Jares, doutora en Farmacia, que falará sobre a “Seguridade dos produtos cosméticos” (9 de febreiro); Fran Canosa, doutor en Xeoloxía, cunha conferencia titulada “Galicia, un paraíso xeolóxico” (9 de marzo); Bea Hervella, meteoróloga, que falará sobre “O cambio climático en Galicia” (20 de abril); e María Canosa, enxeñeira de Camiños e escritora, que pechará o ciclo falando sobre “Máis vale maña que forza”.
03-01-2023 -

Os Reis Magos entrarán en Fene por Perlío o xoves a partir das 17.30 horas

As súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente visitarán o Concello de Fene este xoves, 5 de xaneiro, para atender as peticións dos nenos e das nenas do noso municipio. Será unhas horas antes de iniciar o seu percorrido por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos comprometidos. Así, respondendo ao convite da Concellería de Cultura, farán un alto no seu camiño en Fene. Chegarán ás 17:30 á parroquia de Perlío, á altura do establecemento Aguilar, para percorrer a Avenida Marqués de Figueroa, Cruzamento de Fene e Avenida de Naturais para dirixirse á Praza do alcalde Ramón José Souto González onde, nunha carpa habilitada a estes efectos, terá lugar a recepción real.